12 jun 2015

MUNICIPALISMO, HIBERNACIÓN OU EVOLUCIÓN

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

O envilecemento político, o paro, os recortes sociais e a corrupción, foron a causa da caída do bipartidismo, e o detonante da indignación que electoralmente exerceu como factor de impulso na actual mudanza institucional.

Por que debese ser hoxe un día grande para o municipalismo, non me resisto a comentar que pasaron 1191 anos dende que ao palentino concello de Brañosera  foselle outorgada a primeira "carta poboa" garantindo o seu dereito á autonomía local e a facultade da súa defensa territorial, un recoñecemento que fixo que este municipio sexa considerado na actualidade o primeiro concello coñecido en España, a orixe da administración local e xerme polo tanto do municipalismo.

Non ofrecendo dubida que aínda cando, tal consideración atendese mais á antigüidade do texto da súa " chartae populationis" que ao contido desta; aquel referente foi sen discusión o antecedente máis próximo do municipalismo moderno e preeminencia cronolóxica da defensa colectiva sobre a base do agrupamento comunitario e a articulación territorial.

Deixando á marxe a referencia histórica, dicir, que tería de ser coa aprobación da Constitución do 78 cando en teoría iniciase a andaina efectiva do municipalismo, pois no contido desta outorgábase recoñecemento formal á autonomía dos concellos, á democratización das súas estruturas e o seu ordenamento no poder, nacendo con iso supostamente, tanto o dereito como a capacidade para que as entidades locais ordenasen e xestionasen unha parte relevante dos asuntos públicos en beneficio do interese xeral.

Pero como noutros aspectos do seu contido, o tempo veu dar  un xiro a esta interpretación, e así, o que constitucionalmente estaba chamado a ser a administración mais próxima ao cidadán e a aplicación de políticas baseadas no principio de subsidiariedade que consagra a Carta Europea de Autonomía Local, fronte a isto, a realidade dos feitos encontrouse coa actitude contraposta dun Estado, empeñado en recentralizar competencias ata agora residenciadas no ámbito local.

E todo iso como consecuencia da reforma do artigo 135 da Constitución, pactada por PP e PSOE baixo a supervisión e ao ditado dos poderes financeiros, cuxa repercusión ademais de baleirar e desmantelar o Estado Social, a súa deriva tivo incidencia directa no ámbito local en razón á negativa influencia que supuxo a promulgación e posta en práctica da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, por canto, o efecto das súas consecuencias non fixo mais que acernar as competencias municipais ao tempo de deixar sen efecto a carta de servizos públicos que viñan prestando os Concellos en beneficio dos seus habitantes.

Polo tanto, hai que dicir que actualmente estamos ante unha reforma local encuberto, coa aspiración de impoñer as dinámicas centralizadoras ás descentralizadoras nun claro intento de desnaturalizar a función das entidades locais como administracións mais próximas ao cidadán, utilizando para a consecución de tal finalidade a mais censurable das medidas de aplicación, que non resulta ser outra que a extorsión que representa a supresión da garantía de sostibilidade financeira nun claro intento de frear toda tentativa contestataria de reacción ou desafío. Toda un expresión práctica de como impoñer doutrina neoliberal ata as súas últimas consecuencias, forzando solapadamente aos concellos a priorizar o pagamento dos intereses da débeda por enriba do mantemento dos servizos e das prestacións esenciais para a cidadanía.

É por iso que nesta xornada do 13 de Xuño como data constitutiva dos concellos, resulte paradoxal para calquera observador neutral, comprobar como a pesar que os directos responsables da reforma constitucional foron sen distinción promotores do baleirado de competencias nos municipios, ao tempo que artífices de ter deixado ás institucións locais constrinxidas de recursos para realizar as súas actividades básicas para a poboación, agora, cando a situación deu un  envorcamento electoral omítase tal implicación, e non se repare o mais mínimo en formar goberno con quen evidentemente é parte causante da situación.

A xulgar polos feitos, alguén parece despistar que para corrixir unha orde social que xera desigualdade é obrigada non tan só sopesar as estratexias a seguir para levar a termo o cambio necesario, senón tamén o formato a empregar, e moi especialmente, saber a quen ou os que deben ser os suxeitos políticos de acompañamento, pois do acerto ou equivocación de tales determinacións dependerá o éxito ou fracaso da operación. 

E cando o que se afronta é unha transformación no proceso municipalista a través de fórmulas intermediadas de acordos parciais con programas e xestión mixta, escasa lexitimidade e nula fiabilidade pode recoñecerse a quen se suma ao carro do progreso, cando mantén invariable os privilexios e o corporativismo das elites poderosas.

Debendo ter presente que o nivel de benestar individual e colectivo da comunidade, garda relación directa coa función política que desenvolven os seus representantes, e polo tanto, a optimización das prestacións máis que unha repartición de poder require impulso participativo e a renovación continua como fórmula para o melloramento colectivo e a necesaria transformación da sociedade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario