29 may 2015

VÉSPERA DE REFLESIÓN

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Cando as formacións políticas, non asumen en conciencia que o programa electoral que ofertan en campaña é un contrato de obrigado cumprimento ante os seus electores, ningunha xustificación ampara entón o propósito da «xornada de reflexión».
Aínda cando nun día como hoxe o artigo 53 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), prohibe difundir propaganda ou celebrar actos de campaña, non é menos certo que o sobreentendido desta disciplina legal é en se mesma un completo contrasentido, e o é porque tras o suposto silencio político e mediático que ampara a xornada de reflexión, o verdadeiro suxeito de meditación recae integralmente nos programas electorais das forzas políticas concorrentes, cuxo contido na gran maioría dos casos son referentes de insolvencia, papel mollado que non serve absolutamente para nada pois ao non existir unha regulación sobre estes, calquera pode prometer o que se lle antolle porque os candidatos saben de antemán que se non o cumpre non en incorren en infracción legal, e moito menos, contraen responsabilidade de tipo algún.

É por iso que actualmente destinar a véspera electoral para cavilar sobre mitos, mentiras e medias verdades difundidas polas forzas políticas durante a campaña electoral non pasa de ser un completo desvarío, e digo isto sendo observante coas limitacións que para o día impón o marco legal, pero tamén sen temor a que a xente pense mais alá do permitido e cando xa deixou de flotar no aire o olor doce de esperanza que trinta e seis anos atrás, en coincidente celebración con aquelas primeiras eleccións dunha recén nacida  democracia, que si tiña verdade na alma, avoengo e maior espírito participativo, contra o que agora é un xogo perverso no que sempre gañan os mesmos  e a voz de moitos queda sen expresión.

Un modelo caduco que tras a pantalla da clase política, manexan ao seu antollo poderosas tramas financeiras sen nome nin rostro de referencia, é dicir, unha perfidia de sistema que permite aos vencedores usufrutuar un suposto mandato popular e onde os candidatos, lonxe de descifrar a mensaxe dos seus respectivos programas, esfórzanse en axitar medos e exorcizar fantasmas, para unha vez alcanzados con malas artes os seus perversos obxectivos, atribuírse o dereito de decidir en nome da maioría, e isto dito en voz alta como descrición da auténtica realidade, a dun modelo decrépito que de inmediato debe ser substituído por algo mellor, deixando de manter a súa prórroga ao abeiro de pantomimas e artificios de abstracción.

É mais que evidente que na longa viaxe iniciada dende a transición, a clase política que nos conduciu ata aquí, fíxoo, depositando a soberanía do Estado a prazo fixo en mans da Banca, e tal vínculo de dependencia, por extensión, converteu en refén dos mercados ao conxunto da sociedade, tal é así, que en razón a unha crise deseñada por eles mesmos a cidadanía ao completo, para contentar as súas esixidas apetencias, viuse exposta a unha serie de sacrificios, tendo que renunciar a dereitos sociais, a prestacións públicas, rebaixar a calidade do ensino dos seus fillos, véndose obrigados a minar a saúde pública e mesmo permitir que sexa máis doado despedilos, e todo isto, para non espertar a ira dos mercados que ao parecer resulta ser un conglomerado anónimo imposible de controlar.

Sendo indiscutible por iso, que a democracia representativa neste país é pura entelequia, como pon de manifesto o feito dominante duns mercados financeiros que exercendo de especuladores sen escrúpulos convertéronse nos tenedores da inmensa débeda do Estado, para así, impoñer as regras de xogo ao o seu antollo, ao non existir nin vontade política para facerlles fronte nin ter collóns para pararlles os pés e inverter a situación, e facer posible que en lugar de cambiarnos a regras de xogo a nós llelas cambiasen a eles.

Unha situación por se mesma xa complexa, que alcanza niveis de máxima deterioración polo efecto expansivo da corrupción e a ruindade política.

Ante semellante tesitura é obvio que a verdadeira reflexión está servida, por canto, o cambio de modelo económico que a situación demanda, esixe igualmente un cambio político de primeira magnitude, e para ganduxar ambos os dous aspectos é imprescindible de partida afondar nesta dualidade, pois non resultaría axeitado afrontar un cambio de modelo produtivo sen librar unha batalla democrática para conseguir unha nova hexemonía política, que dende unha nova orde teña a fortaleza para vencer a forte resistencia dos lobbys de poder e impoña a xerarquía democrática como norma de conduta; pois só dende esa perspectiva poderanse alcanzalos obxectivos previstos, porque suposto contrario, ante o baleiro de primacía política, é mais que seguro que as inercias dos poderes fácticos vólvannos empurrar cara ao punto de partida.

En todo caso temos de asumir como propio, que só os países que como expresión da vontade colectiva tomen nas súas mans o futuro, será capaces de levarlle o pulso á crise.

No hay comentarios:

Publicar un comentario