5 dic 2014

6D: A CONSTITUCIÓN INCONEXA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia


  
Cando a actual Constitución non se cumpre, nin os poderes públicos garanten os dereitos que proclama, a dúbida é saber entón que carallo hase celebrar o día 6 de decembro.


Se de orixe toda Lei de Leis elabórase coa finalidade de convertela na ferramenta de estruturación xurídica do Estado, este ademais de competente, ten de estar preparado e adaptado debidamente, e para que isto aconteza é imprescindible contar co parecer dos cidadáns que conforman o groso da sociedade, atendendo igualmente á súa diversidade, a súa singularidade e todo o circundante coa súa propia idiosincrasia; aspectos que en modo ningún foron considerados á hora de confeccionar a Constitución de 1978, que precisamente, redactouse dende o exclusivismo das formacións políticas, por e para elas mesmas, con total exclusión participativa dunha cidadanía que sendo utilizada politicamente cando interesa, neste caso, non só situóuselle á marxe de toda intervención senón que mesmamente foi tratada coma se dun colectivo perturbador se tratase.

E daqueles vimbios estes cestos, non podendo producirse polo tanto outro resultado que unha Carta Magna de inútil funcionalidade para o interese xeral, que non obstante, proporcionou favorables resultados nos intereses dos autores intelectuais desta, é dicir, dos dous partidos políticos que en alternancia viñeron a conformar a liñaxe do poder, a través de prácticas constituíntes pouco ortodoxas que botaron a perder co principio fundamental que debe preservar todo marco constitucional que se prece, coando así no seu poder exercer libremente a colonización bipartidista do réxime, aínda cando tal desatino restou eficacia ao seu contido á vez de xerar degradación no funcionamento das institucións e por derivación na marcha do sistema, cuxas consecuencias repercutidas, non foron outras que a proliferación da corrupción e a total ausencia de democracia.

Iso é a causa de que a actual Constitución sexa un todo inservible, por pésima, obsoleta e inoperante, e polo tanto, razón sobrada para desbotala e afrontar un Novo Proceso Constituínte que permita iniciar no país unha etapa de auténtica democracia, á marxe do esperpento que levamos padecendo por imperativo da casta política, para así, dende un  envorcamento á situación poñer as institucións ao servizo do pobo, e con iso, deixar sen efecto o trato preferente outorgado aos intereses da elite económica de filiación franquista, e dende esa premisa, partindo da separación efectiva dos tres poderes do Estado, tras o correspondente debate e participación popular culminar coa elaboración e ratificación dunha Nova Constitución.

Sabido é que un proceso constituínte difire no substancial dunha reforma constitucional, e non tan só no referente ao alcance e magnitude do cambio, senón, especialmente polo diferente protagonismo que exercen os cidadáns entre un e outro escenario, pois mentres na reforma constitucional o seu papel limítase a pronunciarse sobre un contido xa concertado, o proceso constituínte require da súa función protagonista e da súa participación activa, correspondéndolles a eles polo tanto, decidir a quen e como debe cambiar a Constitución, e todo isto remitido ao uso da súa liberdade e a súa conciencia.

Xa que logo, agora cando cúmprense 36 anos dende a ratificación en referendo da que fose norma suprema do ordenamento xurídico do país, asumindo que o paso do tempo transformou o seu contido no maior engano sufrido polo pobo español en toda a súa historia, a reacción en primeiro termo non debe presentar dúbida ningunha toda vez que a recondución da situación pasa inexorablemente porque os cidadáns optemos por tomar o relevo xerárquico en prol de cambiar a degradante realidade que estamos a vivir, pois ou ben decidimos ser os protagonistas do cambio necesario liderando un proceso constituínte, ou asumimos como ata agora a tutela dunha minoría dedicada a defender en preferencia os intereses espurios do séquito podente.

Polo tanto, cando o malestar cidadán deixa translucir a derruba do modelo de Estado, nin cabe espazo para o despiste nin moito menos marxe para reprodución de erros, tendo de concluírse que na actual conxuntura a Carta Magna vixente ten esgotado o seu percorrido, sendo obrigado arrancar ipso facto con ese auténtico proceso constituínte que máis alá de adecuarse a composturas ou xiros constitucionais, cancele toda conexión co pasado ao efecto de articular sen dependencias un procedemento que conforme o marco, social, económico e político máis igualitario, equitativo e esencialmente democrático.

Sendo necesario para alcanzar o obxectivo previsto, xerar a hexemonía social conveniente sen que a lexitimidade do referido proceso constituínte poida radicar no poder político implantado en razón á súa baixa intensidade democrática, á súa tendencia bipartidista e á súa notoria exclusión cara á participación cidadá, resultando recomendable en boa lóxica, mais que celebrar o día da Constitución, aprender dos erros e da experiencia daquel decembro do 78.

No hay comentarios:

Publicar un comentario