13 dic 2014

PEMES E AUTÓNOMOS NA ENCRUCILLADA

Toda recuperación pasa por vigorizar a pemes e autónomos, a través da transformación radical do sistema, que por efectivo, garanta o desempeño da súa actividade.

Que dende o 78 foron os grandes hólding empresariais os que marcaron a folla de ruta aos distintos gabinetes políticos que en alternancia aparentaron estar a dirixir o país, é unha realidade que por evidente non admite cuestionamento ningún, como igual de incontestable é, que dende o 2011 cando Rajoy instálase na Moncloa eses mesmos exercentes do poder na sombra, é dicir, os donos do Ibex 35, bateron todo récord ao incrementar nun 71% as súas respectivas fortunas, e iso en razón á benevolencia fiscal que gozan os membros desta elite empresarial ao estar suxeitos a unha tributación preferente, de tan só, un 6% dos seus beneficios, coa tolerancia engadida que non satisfeitos con este trato vantaxoso, o 94% destas firmas, burlaron as súas obrigas dedicándose a eludir impostos en paraísos fiscais, sendo a cantidade do evadido superior de sobra ao noso produto interior bruto (PIB).

Resultando paradoxal polo tanto, que mentres pechaban o exercicio do ano pasado cunhas ganancias acumuladas de 17.700 millóns de euros, a contía do peso laboral do selectivo grupo das 35 empresas máis poderosas do país, lonxe de manter tendencia alcista, reducíase nun 8,9%, situando así o seu xa exiguo teito potencial de emprego en 1,23 millóns de traballadores, sen que tal diminución afectase no mais mínimo ao movemento de rotación das porta xiratorias polas que os políticos en retirada acceden aos seus consellos de administración, exhibindo por todo currículo de cualificación o inventario duns servizos prestados á causa, para así facilitar que uns mangantes polo feito de non facer nada, en contraprestación, perciban uns emolumentos de escándalo.
  
En contraposición, a maioría da estrutura empresarial do país conformada por microempresas, pemes e autónomos que vocacionalmente exerceron de referentes xeradores de riqueza e actividade laboral, aínda sendo os chamados a sacarnos da crise, insólitamente, agora aparecen como os grandes marxinados da situación e todo como consecuencia dun feito concluínte, tal é, que a maioría das medidas aprobadas polo Executivo durante a actual lexislatura, pola súa tendencia proclive a devorar a economía real, mais que favorables para a estabilidade mercantil, resultaron un impedimento para a súa estabilidade e reactivación, e todo, porque esas políticas gobernamentais de aplicación tiveron por obxectivo preferente satisfacer aos lobbys das grandes corporacións, aínda que iso, implicase deixar á marxe aos que son os verdadeiros impulsores da dinamización e a creación de emprego.

E así, tal foron os resultados, que como consecuencia dun inadecuado ámbito político, normativo e administrativo, o tecido produtivo español cuxo 99,8% encadra a estes grupos da actividade empresarial, resultou ser o peor parado da crise, confirmando tal aserción o feito que ata a data se viron forzados a cesar a súa actividade 265000 pemes e 325000 autónomos, sen que a pesar de tal revés, este conglomerado perdese a súa función propulsora da economía e o emprego, como pon de manifesto en primeiro termo, o feito de seguir achegando actualmente o 65% do PIB nacional, e en segunda expresión, a realidade de estar a dar emprego a 9,02 millóns de persoas, que en índice porcentual, vén a representar ao 75% dos empregos efectivos do país.

Pero se tal realidade debese ser recoñecida e considerada, o certo é que en vez de obter a debida correspondencia reciben por toda resposta a falsidade política, e valla como contraste, a peripecia de enmascarar novas subas de impostos tras a aparencia dunha rebaixa fiscal, como de xeito  furtivo intentan coar agora adxudicando condición vantaxosa ás novas retencións no IRPF dos autónomos; un novo expoñente de impostura que delata unha vez máis a insolvencia das proclamas emitidas dende as filas do Goberno coa intención de facernos tragar coa falacia de indicios de recuperación.

Nun país onde política e financeiramente non se aplica igualdade de trato aos axentes que desempeñan a actividade empresarial, os excluídos, chámense Pemes e autónomos, verán lastrado a súa capacidade operativa en razón inversa ás concesións outorgadas aos agraciados, que non son outros que a xa referidas empresas do IBEX 35, sendo os desequilibrios xerados por tal discriminación a principal causa na disfuncionalidade dos afectados; téndose  de engadir a iso os prexuízos por indefensión, causados pola deserción dunhas asociacións empresariais que creadas para defender a libre empresa, optaron por abandonar o seu labor, con renuncia expresa a exercer toda acción reivindicativa e converterse así en plataformas inútiles a teor do seu papel dependente como correas de transmisión de intereses políticos.

Situación atípica cuxa corrección política non pasa en modo ningún por un cambio de siglas ou de caras que defendan idéntico modelo, senón, por unha transformación radical do sistema que restableza a economía real como referente e a actividade produtiva como obxectivo, e devolva a autónomos e pemes o seu papel protagonista, pois sen eles, toda aparencia de melloría será puro desvarío.

No hay comentarios:

Publicar un comentario