PUBLICADO 06/04/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
Un demócrata que se prece ten de escapar de cerimonias de confusión e asumir en consecuencia que toda acción reivindicativa contra quen usurpe o poder político a través da fraude electoral, goza de plena autenticidade democrática.
Quen sen ter ánimo de polemizar, asume o principio ineludible de defender as liberdades fundamentais e o Estado de Dereito, ante calquera síntoma de involución que quebrante estas regras de convivencia, non lle queda outra que reaccionar en consecuencia para esixir a restitución da lexitimidade institucional e o restablecemento das regras democráticas, por ser iso, misión irrenunciable para garantir a seguridade, a xustiza e a dignidade do conxunto da sociedade.
Dereitos, que nos últimos tempos, por continuada transgresión son suxeito de quebranto combinado; extremo que en dereito de amparo demanda unha reacción contundente, un "escrache" social colectivo; por canto, contradicindo, a consideración antidemocrática que atribúe Rajoy a estes actos, hase de afirmar que toda lexitimidade democrática, socialmente éo, en razón directa á consecuencia obxectiva da causa que persegue, e politicamente ao grao de enteireza co contexto dos compromisos electorais, que ninguén debe evadir tras a fráxil argucia dun incoherente "cumprimento do deber".
Polo tanto, un demócrata que se prece ten de escapar de cerimonias de confusión e asumir en consecuencia que toda acción reivindicativa contra quen usurpe o poder político a través da fraude electoral, goza de plena autenticidade democrática cando a finalidade do seu obxectivo sexa esixir o cumprimento dos compromisos que facilitaron a consecución do acceso ao poder. De aí que resulte un despropósito a inadecuada expresión do Presidente, cando manifesta que a maioría non pode ser coaccionada por unha minoría, xusto cando neste caso a chantaxe pinta a inversa, sendo iso razón abondo para non se render sen opoñer resistencia.
Por iso, para impartir leccións de democracia hai que ter hábitos acordes e non descapitalizar a súa esencia comparecendo como Presidente tras a blindaxe dunha pantalla de plasma. Ese comportamento fuxidío, é propio de quen parece esquecer que a democracia é un exercicio de permanente transparencia e de continua explicación aos cidadáns, en prol de satisfacer o seu dereito a saber, e polo tanto, toda actitude contraria a este proceder sitúa aos protagonistas ao bordo da involución, onde o totalitarismo dos nostálxicos intentará impoñer o control do seu propio réxime en detrimento da liberdade de información.
Ante esta complexa tesitura, resulta mais grave se cabe, que a pesar dos evidentes signos de corrupción que socavan a exigua estabilidade democrática, o PP siga mantendo inalterable o seu discurso de continuidade, negándose a extirpar esa infección endémica que como estendida metástase contáxiase no seo da súa propia organización.
Ao que para maior abundancia, terase de sumar o impedimento en variar as súas políticas contra a crise, cando o seu contido por mais alarde de vantaxes que se lle adxudique, non só terá nula eficacia senón que a súa lesiva repercusión ademais de desvertebrar a sociedade, acentuará a inestabilidade prorrogando a continuidade dunha recesión interminable.
Hase de interpretar polo tanto, que a comparecencia televisiva celebrada este mércores polo Presidente do goberno, Mariano Rajoy, lonxe dunha intervención para a cidadanía na que render conta de resultados da súa acción de goberno, se ten de analizar en clave da súa auténtica finalidade, é dicir, como un acto de reafirmación interna coa finalidade de levantar o decaído ánimo da gran maioría dos membros da Xunta Nacional do partido conservador, afectados polas contradicións que xera na propia militancia a falta de resultados ao discurso ideolóxico neoliberal sobre a saída da crise a través de sacrificios de austeridade.
Tal é así que tras un ano de recortes brutais, non se logrou cumprir sequera o obxectivo primario de reducir o déficit, e cando ademais, tan milagrosa receita contra a crise, non deixou de disparar o desemprego, a marxinación e a pobreza, resultando evidente que os prodigados sacrificios de hoxe non traerán as prosperidade de mañá.
Pero nin estes prexuízos sociais son a preocupación de Europa, nin a asunción democrática ten idéntica uniformidade conceptual. O verdadeiro interese de Merkel como principal executiva da UE, é dispoñer do aliado idóneo para impoñer a súa férrea disciplina; labor que tiña garantido con Rajoy, cuxa confianza se viu afectada negativamente polo escándalo Bárcenas e a acusación inducida de ter recibido sobres de diñeiro negro durante anos, situación, que lle adxudica escasas posibilidades para rematar a lexislatura, por canto aos ollos de Europa, Rajoy, perdeu a escasa credibilidade que lle quedaba. e o obxectivo agora é aplicarlle a súa propia medicina fraguando en España unha ditadura tecnocrática, coa finalidade de substituír ao desvalorizado responsable do Executivo.
Ao parecer, corren malos tempos para Rajoy, pero tamén para a democrácia...!
No hay comentarios:
Publicar un comentario