PUBLICADO 20/04/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
Ao parecer mentir xa non importa e aínda resultando intolerable, ese apego case sistemático ao embuste prima sobre calquera código de conduta, e así, o certo é que á marxe de toda estrutura moral, en política se está a utilizar a mentira como un medio "lícito" co fin de suplir a realidade pola suxestión.
A simple sospeita que un só membro dun colectivo de risco tomara adición polo consumo de drogas, ou no seu caso, que unha sobredose causase un desenlace fatal entre algún integrante do grupo de adictos, coincidindo no tempo tal circunstancia co feito que o presidente da túa comunidade compartía mesa e divertimento co narcotraficante responsable de tal continxencia; pola mera presunción de culpabilidade que tal actitude supoñería, sería causa abondo, para que, a este connotado político se lle pechase toda vía exculpatoria e contundentemente esixíseselle a dimisión do cargo.
Pero cando a hemeroteca, transformase ese suposto nunha evidencia lutuosa, entón, xa non sería suficiente co exercicio de arredamento, senón que o implicado en cuestión, pola lixeireza dos seus actos, indirectamente veríase mesturado neste extravío, e tal circunstancia obrigaríalle igualmente a responder ante a xudicatura como "cooperador necesario" na comisión do delito, coa agravante de implicar por tácito consentimento os que eran os máximos responsables políticos da súa organización na coincidente temporalidade dos acontecementos.
De ser unha conxectura, esta introdución toma corpo de realidade cando encaixamos como protagonista da escena ao actual presidente da Xunta de Galicia, Sr. Feijóo, quen atendendo á súa versión para idiotas, constata que en épocas pretéritas cando só era un "rapaz deRomay ", burlando a disciplina opus deísta do seu protector, sendo só o segundo da bordo da consellaría de sanidade que rexía o seu valedor, tomou camiño do descarreiro ao frecuentar asiduamente o inferno. Toda unha práctica satánica, pero que por declarada inxenuidade fixo que non se decatase que o directo acompañante nas súas andanzas luxuriosas, era nin mais nin menos que Marcial Dorado, é dicir, o demo en persoa. Incrible descoñecemento cando naquel ambiente era notorio o pestilente tufo a xofre.
Ao parecer mentir xa non importa e aínda resultando intolerable, ese apego case sistemático ao embuste prima sobre calquera código de conduta, e así, o certo é que á marxe de toda estrutura moral, en política se está a utilizar a mentira como un medio "lícito" co fin de suplir a realidade pola suxestión, para anular a capacidade crítica dos cidadáns. Ese é o método de todo vale utilizado por Feijóo para lograr o seu obxectivo, que non é outro, que negar a evidencia dos feitos polo prexudicial impacto da repercusión no seu futuro político, de aí que alternativamente aposte por versionar un formato de simulación da realidade cuxa composición favoreza o logro de rendibilidade entre uns receptores predispostos a crela e a aceptala.
Para reforzar esta argucia, nada mellor que poñer en escena unha calibrada simulación a través dun guión elaborado á medida, coa finalidade de sacudir a súa comprometida relación co narcotraficante Dorado e proxectar así a aparencia contraria presentándose ante a opinión pública como unha vítima suxeito de extorsión.
Pero esas actitudes pouco ortodoxas do Presidente da Xunta, tratando de dar carpetazo ao escándalo político no que se encontra inmerso, ao cualificar como "accidental coincidencia" o seu contacto co narcotraficante en cuestión, por desafortunadas e baleiras de contexto, estas declaracións, mais que achegar solución a tan enredado asunto, coa súa negativa e arrevesada actitude, está a complicar a situación ata o extremo de enfurecer á maioría social que se sente agraviada ao considerar ese proceder como un directo menoscabo á súa intelixencia.
Xa que logo, o Sr. Feijoo debérase deixar de andar con voltas, e saber, que mentres aduce ignorancia de causa, o resto da cidadanía, maioritariamente, si tiña cumprido coñecemento das actividades delituosas que envolvían os negocios do narcotraficante arosano, como tamén sabía do entrelazado que existía entre ambos os dous compañeiros de turismo de luxo, froito dunha relación continuada e estable, labradas durante un longo cuadrienio.
Tempo e intimidade sobrada para despexar as dúbidas mutuas e desbotar con iso a recorrente ignorancia que aduce o presidente do executivo galego, coa única pretensión, de converterse na vítima dunha conspiración finxida que lle exima o cumprimento do deber, que nun país serio, se tería que pagar asumindo a súa inmediata dimisión.
Pero se ademais do xa referido outorgamos crédito ás súas afirmacións realizadas na comparecencia no Parlamento galego, cando aseguraba que ao ter coñecemento das fotografías en 2003, informou dos feitos ao Presidente do PP Mariano Rajoy, sen que ao parecer o máximo mandatario procedese en consecuencia. Se así fóra, tal extremo esixiría en correspondencia que a súa obrigada dimisión viñese acompañada pola do propio Presidente do Goberno por inhibición imprudente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario