PUBLICADO 13/04/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
Todo dirixente que se prece, debe estar referendado pola enteireza e amparado en prácticas de responsabilidade; de tal modo, que os seus actos sexan un reflexo de integridade.
Un presidente de goberno incapaz
de poñer solución ao turbio escándalo de financiamento da súa propia
organización política, por lóxica determinante, tampouco resulta ser a persoa
apropiada para dirixir os designios do país, por mais que as urnas lle
outorgasen ese labor, pois a carga de corrupción que acompaña os feitos
sobrevidos deslexitiman toda autenticidade aos resultados electorais. Tendo que
engadir á reprobación, que un político sen xerarquía para dirimir os problemas
que lle son propios, resulta totalmente cuestionable para remediar os asuntos
de rango colectivo.
Este país non pode agravar o seu
debilitado status mantendo á fronte do Executivo a un presidente que coas súas
espiñentas connotacións expele un rastro de desconfianza e sospeita;
inconvenientes, que obstrúen toda vía de reactivación e xeran unha limitación
que nos conducen fatalmente á consolidación dun Estado hipertrofiado.
Realidade perceptible, que de forma inequívoca, vén a delatar que temos o
presidente que non necesita España.
Hai que engadir ao desprestixio
político, o feito, que o presidente Rajoy non entende nin a metade dos problemas
que ten diante de si, e por iso calquera
observador á primeira vista, pode deducir doadamente que estamos ante un
dirixente feble, un referente pouco fiable que non ten establecido ningún plan
para saír da crise, e que polo tanto, tampouco dispón de método nin de sistema
que guíe a súa acción política, estando conducidas as súas decisións pola
inercia da improvisación.
Son referentes de tal afirmación,
aspectos como, a alza do déficit ata o 10,6% inducido polo rescate bancario; a
ruta ascendente dunha taxa de desemprego excedida, situada por enriba do 26% en
razón a unhas medidas de austeridade desmedida; tendo de engadir a iso, o
fracaso das iniciativas de fomento do emprendemento,
ao igual que a destrución do tecido empresarial, motivado pola dificultade de
acceso ao financiamento bancario, resultando determinante que as medidas
tomadas por Rajoy coa Reforma Laboral como abandeirada,
son decisións equívocas que demostran o contrario do que se conta, e
que evidencian, que a continuidade da súa utilización, ademais de agravar a
situación, resultarán nulas como ferramentas
de reactivación.
En razón a iso, é notorio que este
país precisa doutro dirixente e outras directivas políticas. Sendo urxente
erradicar a corrupción e aos corruptos incrustados no sistema, ao igual. que
excluír aos que adoptaron a política como profesión, en razón ao risco de
impudicia que tal condición carrexa; pois todo dirixente que se prece debe
estar referendado pola enteireza, e amparado en prácticas de responsabilidade;
de tal modo, que os seus actos sexan un reflexo de integridade. Resultando
inadmisible a diferenciación social, ao tempo de esixir sacrificios a través da
aplicación de medidas de axuste, que en todo caso, deberan manter o principio
de equivalencia equitativa e unha xusta repartición de cargas para evitar
desproporcións onde o gravame duns se converta no beneficio doutros
Nesa liña, sobra dicir que debemos
esixir o fin da economía imperfecta, pois non resulta tolerable manter activas
por mais tempo as actuais políticas apadriñadas por Rajoy e sustentadas no dogma económico da
"austeridade expansiva", que tan radicalmente defende a "troika" e os mercados especulativos, a pesar de sumir
á Eurozona nunha crise profunda, e que tras catro anos de aplicación, non se albisque a expansión económica prometida.
Todo o contrario, o
verdadeiramente ostensible, foi que a aplicación das políticas derivadas de tal
dogma cumpriron a función oposta á prevista, pasando a converterse en resortes
da recesión; pero a pesar da súa involución, a UE non se esforza en despexar a ecuación
de austeridade - crecemento económico, como alternativa para sortear a espiral
da crise, dándose o paradoxo que despois de falidos intentos dos mandatarios
dos Estado da Unión en establecer alternativas de crecemento, o certo é, que
Europa segue aferrada á doutrina xermana marcada polo chanceler Ángela Merkel.
En razón a iso, temos de concluír afirmando que deben ser o
empresarios como únicos axentes dinámicos da economía produtiva, quen marquen
as pautas e reconduzan a situación enfocando os seus esforzos á promoción dun
escenario acorde para propiciar o crecemento das actividades económica e con
iso a xeración de postos de traballo, que son os factores determinantes do
inicio da reactivación económica.
Formulación contraposta ao segundo
plan de reformas, anunciado estos días por un Presidente que polas razóns expostas mais
que aferrarse ao continuísmo; polo ben do país, debera ir reservando lápida no cemiterio político.
No hay comentarios:
Publicar un comentario