19 abr 2013

COSPEDAL PERDE A CHAVETA

PUBLICADO 20/04/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia


Cospedal non dá puntada sen fío e como mercenaria profesional da política desempeña a súa función unicamente polo estipendio, téndose convertido "nunha maquina de facer diñeiro".

Cospedal, que debe en gran parte a súa carreira política a Esperanza Aguirre, non dubidou naquel congreso de Valencia de xuño do 2008, en deixar tirada á súa valedora para aliñarse nas filas de Rajoy a cambio dunha oferta apetitosa, tal era, poñerse á fronte da Secretaría Xeral da organización conservadora, cargo que polo visto ben valía aquela deslealdade.


Pero que ninguén crea que tal deserción foi un descoido puntual na súa traxectoria; moi ao contrario, pois o percorrido profesional daquela avogada do estado deu un xiro na súa continuidade cando decidiu colgar a toga para dedicarse ao exercicio político. 
Nova función dominada por unhas prácticas pouco ortodoxas, por un continuo de torcidas manobras cuxa planificada finalidade, non era outra, que alimentar a súa voracidade lucrativa e satisfacer o seu egocentrismo enfermizo, é dicir, toda unha mestura explosiva e polo tanto pouco recomendable para o desempeño da función política.

Expoñente de tan arraigada vaidade, é a súa ambición desmedida pola acumulación de cargos; contía que por excedida, fai inverosímil o acompañamento dunha xestión eficiente, e malia iso, á marxe da escala de obrigas que todo vínculo de responsabilidade carrexa, a alta executiva do PP sen considerar tal esixencia, non tivo límite á hora de satisfacer as súas apetencias, e así, á adquirida condición de Secretaria Xeral da organización política, engadía outros cargos orgánicos e institucionais, como son, a vicepresidencia da Fundación para a Análise e os Estudos Sociais (FAES), e a presidencia do seu grupo político en Castela - A Mancha, e por se iso fose pouco, a presidencia do goberno da Xunta da mesma comunidade autónoma.


Pero esa pluralidade de atribucións que actualmente ten conferidas, non pense ninguén que as afronta coma se fose un xeneroso mecenas, nin tampouco unha altruísta que non espera nada a cambio, moi ao contrario, Cospedal non dá puntada sen fío e como mercenaria profesional da política desempeña a súa función unicamente polo estipendio, téndose convertido "nunha maquina de facer diñeiro". Chegando ao extremo de ser a político mellor pagada do país dende a instauración da democracia, superando o colmo da imprudencia cando as súas colosais percepcións duplicaban folgadamente os propios ingresos da presidencia do goberno do Estado.


Con semellante desaforo, o seu grao de incongruencia chega ao límite do esperpéntico cando a pesar do seu proceder pouco exemplificante, publicamente eríxese en defensora da austeridade, dos recortes, do aforro e do sacrificio, ao tempo que liquida dun plumazo unha substanciosa hipoteca pertencente á súa "mansión- búnker - toledano", un inmoble de 700 metros cadrados e 2,5 millones de euros.


Pero a pesar de tan sorprendentes referencias, hase de deixar constancia que as súas excentricidades non teñen límite, de aí que agora, cando a presión do seu totalitarismo sectario lle xoga outra mala pasada, nun novo desenfreo, se atreva a acusar de nazismo puro os "escraches" das vítimas dos desafiuzamentos.


Desafortunado símil de quen esgrime a súa condición de douta letrada, pois é evidente que a protagonista de tan disparatada declaración, por mais licenciatura que ostente, evidencia nulos coñecemento sobre o nazismo do trienio negro alemán; se así non fóra, non tería incorrido nesa lixeireza de adxudicar a terceiros tan inadecuado e ofensivo cualificativo.


Para evitar eses bautismos inapropiados, esta adicta a trepar, debera dedicar mais tempo ao estudo para saber así, que os nazis non se manifestaban ante quen pensaban distinto a eles, senón que dende o goberno, procedían a desaloxar dos seus fogares aos elementos contrarios ao réxime.



Coincidente similitude cos feitos que neste país veñen repetíndose a diario dende o ano da vitoria do PP, pola incondicional protección, que esta organización lle presta a unha clase bancaria estafadora. Situación que se agravará despois que este xoves a sesión do Congreso aprobase a Lei de Medidas para a Protección aos Debedores, Reestruturación da Débeda e Aluguer Social, cos votos exclusivos da súa organización política; por canto tal determinación prorrogará as vantaxes das entidades financeiras, quen ademais de quedar coas vivendas, seguirán sendo acredoras duns afectados que por razóns políticas teñen por único futuro a súa propia miseria.

Por iso que Cospedal, sempre seguirá transmitindo a súa pailaroca insolencia; o que nunca poderá impartir por falta de integridade, serán leccións para a democracia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario