22 mar 2013

A " TROIKA" E AS PREFERENTES


PUBLICADO 16/03/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia

Esa dobre linguaxe de Rajoy,  por incongruente e contraditoria,  é a causa pola que  centos de miles de afectados pola fraude de Preferentes  e Subordinadas  perdan a paciencia e ante a falta de solucións  bótense á rúa


A tenor  do recente rexistro policial no seu domicilio parisiense, a directora xeral do Fondo Monetario Internacional (FMI), Christine Lagarde, está no punto de mira da xustiza francesa  por un presunto delito económico, e iso,   en razón  a que  a actual dirixente   do organismo internacional, durante a súa precedente  etapa como integrante do anterior executivo do Elíseo, ao parecer,    despistóuselle a moral, intercedendo de forma ilegal  na concesión dunha millonaria   indemnización a favor  dun empresario compañeiro de filas.

É coma se  un  halo do mal agoiro pousáse sobre  a cúpula do FMI,  pois o certo é  que  con este novo escándalo,  son  tres os  casos continuados de mandatarios  que ostentando  a dirección   desta  organización, finalizan sentados no banco dos acusados rendendo contas á  xustiza  por incorrer en accións desviadas da mais elemental   regra de conduta. 



Se agora ao parecer, é a ex ministra francesa quen ten  que   someterse ao imperio da lei, antes foino  o seu antecesor  e compatriota Dominique Strauss-Kahn, despois de ser acusado de abusar sexualmente dunha empregada de hotel; un sórdido personaxe que  tomara a substitución ao español Rodrigo Rato,  quen actualmente por non variar,  está tamén imputado no caso Bankia, polas retribucións percibidas pola cúpula de Caixa Madrid.

Esta sucesión de desaxustes á disciplina, e a ensamblaxe de tales  prácticas na órbita  da corrupción  dirixente, ademais de constituír un escándalo de primeira magnitude,  xera unha deterioración que  resta autenticidade  aos  obxectivos que hipoteticamente alberga esta institución internacional, representando  esta práctica de comportamento  o  paradigma diferenciábel entre  a declamación dos seus bos propósitos e a contundencia  dunha realidade oposta.

    
Pero se nun ámbito xeral   a repercusión causada  por este   escándalo,  arrastra consecuencias complexas;  se nos remitimos ao marco  da eurozona,  a  implicación da actual directora do FMI en tan turbio asunto,  ocasiona  un impacto de maior calibre, toda vez,  que ao ser esta entidade  parte da "troika" conxuntamente co BCE e a Comisión Europea, este tropezo, menoscaba a autoridade da  máxima executiva  do Fondo e o influxo  da propia entidade que  dirixe á  hora de concertar    decisións colexiadas.

Grave revés  que deixa vía  expedita ás políticas de recortes  e austeridade enérxica  que preconiza e  e impón  a influente chanceler Merkel,  e cuxo implícito,  lonxe  de constituír  unha solución a longo prazo;  máis que  lograr a estabilidade da zona Euro,  proseguirá acentuando o  receso económico  co agravante  de disparar as cifras de desemprego  e acentuar  os desequilibrios sociais.

Ao parecer o resto dos países membro da UE non se decatan ou se cadra seus dirixentes  estás sumidos no limbo dos idiotas, pois  non se entende, que distraian o feito que á sombra deste avatar, o goberno alemán reforzará  aínda mais o dominio que exerce sobre a "troika", e que o club financeiro  xermánico seguirá  facendo  da crise do euro o maior negocio do século, á conta de subxugar  os países periféricos con rescates, abusos e  medidas  leoninas cuxos efectos  involutivos  ademais de prexudicar o   presente dificultarán o  enganche co  futuro. 

Vén a conto este razoamento polo feito coincidente que en pleno  fragor do rescate chipriota de marcado cuño alemán,  o presidente Rajoy  coma se fose axente  neutral nesta  guerra da "troika", ante o fogo cruzado contra  dos aforradores do país insular, maniféstase  contrario a tal decisión  por entender neste caso que os afectados non son  responsables da situación.

Todo un exercicio de cinismo do presidente español, ao mostrar solidariedade foránea,  mentres de portas dentro  consente o espolio aos seus propios compatriotas, que teñen seus aforros secuestrados  fai mais de quince meses  nas caixas de aforro nacionalizadas, co agravante de verse desvalixados   por un Goberno que vén disposto a subtraerlles parte dos depósitos retidos para rescatar a unha banca sen escrúpulos. 

Esa dobre linguaxe de Rajoy,  por incongruente e contraditoria,  é a causa pola que os centos de miles de afectados pola fraude de Preferentes  e Subordinadas  perdan a paciencia e ante a falta de solucións  bótense á rúa reivindicando o que por dereito lles pertence,  e que politicamente é obrigado  restituír  totalmente,  tendo en conta que    os afectados foron vítimas dun atraco levado a cabo  por uns directivos infames que para o exercicio do delito  contaron coa tolerancia das  institucións de control, desde o Banco de España até a CNMV , sen esquecer  a aquiescencia do goberno da nación, extremo que sitúa ao Estado no papel de responsable subsidiario.

Pero con todo que ninguén se alarme, pois  fazañas  deste tipo son  o común denominador  do facer  cotián da   nosa Europa , da "troika" e os seus mercadores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario