PUBLICADO 07/12/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia
Aplicar fórmulas de realidades opostas como remedio aos problemas da nosa singular idiosincrasia é refugar toda alternativa de solución
Os
últimos datos sobre o desemprego sitúannos nunha
posición dramática, pero non polo incremento do paro en se mesmo, pois tal expoñente sería un todo circunstancial se a súa
motivación fose unha continxencia conxuntural. O verdadeiramente tráxico
é que neste país unha de cada
catro persoas que queren traballar non atopan emprego. Antollándose se cabe mais angustioso, comprobar que esta desfavorable tendencia progresa en razón inversa ás "máxicas" receitas que o goberno de
Rajoy impuxo unilateralmente como
remedio paliativo ao problema.
O fracaso da política de emprego do actual Goberno non pode ser mais estrepitoso, e o seu
efecto perverso confírmao o aumento do
paro nun 11,02%; referente de contraste
desde a toma de posesión do PP. Ao parecer o actual executivo, está mais atarefado en malgastar o diñeiro
público recubrindo as artimañas especulativas da banca, que en dar solución efectiva á
maior lacra social que directa ou transversalmente afecta o conxunto da sociedade. Extremo que provoca unha
alarma social de primeira magnitude, por canto, o grao de exclusión pasou o limite do levadío, cando os feitos
delatan que ademais dos afectados nominais, máis de 1,8 millóns de familias
teñen a todos os seus membros en paro, esgotando prestacións e sen expectativas de futuro.
Cando o sector inmobiliario como detonante
da crise, provocou unha desaceleración de actividade en amplos segmentos da estrutura
produtiva, antes de que o seu efecto
estendérase causando unha onda
de destrución de emprego e de peches de
empresas, non era a reforma laboral o antídoto apropiado para a ocasión, senón, a posta en marcha dun plan de medidas
de transformación e reequilibrio
intersectorial.
Un plan que sen ser unha panacea de reacción automática, si exercería
como atenuante, evitando que os
acontecementos desbordasen a situación e que a taxa de paro alcanzase o actual 25,03 por cento da poboación activa,
cuxa repercusión cifrada é de 5.785.396 persoas desempregadas,
novo record e a contía máis alta de todos os
tempos.
Deste cómputo, coincidente coa chegada ao Goberno
do Partido Popular, o paro aumentou en 800.000 persoas, período, ao que hai que engadir igualmente 836.000
postos de traballo destruídos por extinción de actividades empresariais.
Despois de cinco anos de crises, logo dun
lustro de continua destrución de
emprego; os datos expostos botan por terra o postulado de quen insisten en defender a política de férreos recortes como método xerador de reactivación económica e da
creación de emprego. Por canto, é
indiscutible que a prorroga desta
inútil rutina o único que acentuará será o efecto contrario, é dicir,
reafirmará o estancamento económico e o
persistente desemprego, cuxa traxectoria se fará mais
pronunciada e ascendente,
aspectos, que causarán dinámicas de maior empobrecemento, avultando os
actuais conflitos de cohesión social e destrución do tecido produtivo.
Aplicar fórmulas
de realidades opostas como
remedio aos problemas da nosa singular idiosincrasia é refugar toda alternativa de solución. Por tanto, se a intención do goberno fose afrontar seriamente o problema do desemprego,
no canto de utilizar fraudulentas
hipóteses, debese facer uso do
rigor entrando nas causas da súa orixe, para así, realizar unha diagnose realista, promovendo
en razón ao seu contido políticas
coherentes, argumentadas e sustentadas.
Hase de deter
o proceso, débese mudar a
tendencia reorientando o actual modelo
neoliberal e aplicando en suplencia solucións reais, pois resulta un
despropósito fundar as expectativas de creación de emprego na reactivación da
perniciosa economía especulativa cando é de sobras coñecida que tal elección ademais de ser o arranxo de nada, ampliará o
tempo perdido, á vez que agravará o
estado de desemprego convertendo ao país na maior fábrica de pobres de Europa.
Vai sendo hora que os membros do Executivo se
decaten e saiban que por encima do
problema do desemprego está o verdadeiro detonante do mesmo, a verdadeira causa
do conflito, que non é outra que
a inexistencia de mercado laboral. A crise levouse por diante o 20 % do tecido
empresarial e mentres ese tecido non se repoña continuará en ascenso a elevada
taxa de paro; interrupción escasamente
probable ao proseguir a desaparición
interminable da masa empresarial
creadora de postos de traballo, cuxo alcance cifra xa un significativo 24,6%.
Rescatar a estrutura produtiva e reaxustar a súa
diversificación sectorial, esta ten de
ser a finalidade esencial, e mentres a Administración tan só estea atenta aos mandatos da Europa
financeira, relegando este obxectivo
transcendental ao ostracismo, non só continuará
o desemprego senón que
incrementará o seu ascenso de forma incesante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario