14 dic 2012

A INFUSIÓN DOS ALQUIMISTAS


PUBLICADO 15/12/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia


A dirección destes organismos non debe estar personalizada por quen ten despistado o principio de neutralidade, por quen vía manipulación se empeña en converter estas plataformas independentes en sucursais do partido político da súa afinidade ou conveniencia.

Salvando algunha que outra  excepción  que aínda sendo poucas "habelas hainas",  a gran maioría dos axentes sociais que engloban  as organizacións participativas do empresariado e traballadores, como instrumentos de representación, actualmente  non responden para nada coas expectativas que alimentaron a súa natureza, por canto a tempo presente,  a súa capacidade de influencia sobre as  políticas do país quedou relegada a un todo testemuñal. Feito ocasionado pola súa total  perda de imparcialidade, sendo boa proba de tal afirmación,  o despregado gregarismo  dos seus cadros dirixentes mais proclives a gardar custodia  de siglas partidistas  e culto a subvencións  administrativas, que a impor o rigor e a disciplina que require a defensa do interese colectivo dos seus representados.

Procede afirmar por tanto que estes actores aínda ostentando o  mandato  de representación dos dous colectivos mais significativos   da economía produtiva do país, contra todo prognóstico, cando as esixencias da crise imponlles se cabe maior grao de implicación na toma de decisións sobre  contidos de materias que lles son propias, limítanse  a referendar ou reprobar o asunto tomando como único criterio, a afinidade ou disparidade acorde ao signo político do goberno de quenda. É dicir, estes portavoces polo explicado abandono das súas funcións, é evidente que  exercen o papel de axentes políticos, enredados en opacos  proveitos ou aliados ao mellor postor, unha reprobable actitude que obriga a unha reflexión sobre estes instrumentos de representación.

Con esta  percepción  non se trata de cuestionar a validez  das  organizacións patronais e sindicais, moi ao contrario, pois a súa necesidade  é  desde todo punto incuestionable e nun escenario tan complexo como  o presente poderiamos afirmar que  mesmamente  imprescindible. O que si hai que mudar é a súa operativa  funcional, apeando da súa cúpula a ese staff de ferventes prosélitos, a ese cadro de dirixentes  que sen reparo impoñen a súa parcialidade  sobre a obrigación de defensa do interese colectivo  dos seus representados. A dirección destes organismos non debe estar personalizada por quen ten despistado o principio de neutralidade, por quen vía manipulación se empeña en converter estas plataformas independentes en sucursais do partido político da súa afinidade ou conveniencia. Censurable actitude, pola que cabe preguntarse a quen representan hoxe en día a patronal e os sindicatos como  axentes sociais.

Tal  interrogante non debe sorprender en absoluto; o que si ten de causar asombro  é a mutación no tempo  de certos dirixentes sindicais, aqueles que durante o mandato socialista, silenciaron a maior desfeita  do mercado laboral. Véxase tan só a evolución do desemprego desde finais de 2007 a 2010, cunha  taxa que do 8,3% pasou ao 20,1%,  diferencial que ampliou o desemprego en 2,86 millóns de persoas. Alarmante alteración que os representantes dos afectados non quixeron percibir, mentres escoitaban  a sinfonía das catro estacións socialistas: a negación da crise, a aterraxe suave, os brotes verdes e a suave recesión.

Aquela relación harmónica, viuse alterada polos primeiros recortes do goberno socialista, pero non pola  reacción dos sindicalistas que por todo testemuño despregaron  unha campaña de marcada suavidade,  senón polo movemento de funcionarios que co seu levantamento superaron a  xerarquía sindicalista, quen sorprendidos, gardaron as aparencias a través da folga do 29 de setembro do 2010,  que por extemporánea resultou un fracaso idéntico á propia  aplicación daquela reforma que contra toda previsión  non creou nin un só posto de traballo.
Se coa chegada do novo  executivo o divorcio do oficialismo  sindical co poder fíxose patente, o certo é que antes de optar por posicións de confrontación, veladamente,  os sindicalistas ofertaron ao novo Goberno unha moderación nas súas demandas a cambio de preservar integra o financiamento público  das súas organizacións. Todo un expoñente de desacreditada integridade.

A representación  empresarial CEOE,  dun conservadorismo empedernido,  está dominada pola gran patronal sendo significativo  que a anterior directiva  encabezada  por un presunto delincuente, exercese como lobby de poder aprisionando  ao  anterior goberno  até o extremo  de impor ao ditado os primeiros recortes sociais. Práctica proseguida, pero agora en avinza co novo Executivo, favorecendo os seus propios intereses  en prexuízo do interese xeral,  chegando ao extremo de bater contra sectores  da súa propia estrutura como resultan ser as Pemes e  os autónomos.

En resumo, o que si comparten  ambos os grupos,  sindicatos e patronal,  é un gran negocio engraxado con diñeiro público cuxa  achega de fondos ascende a 1.300 millóns de euros, ao que hai que  engadir unha frota de 45.000 liberados. 

É visto pois, que con esta cuadrilla de indolentes  vai ser farto difícil pór rumbo  ao futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario