21 dic 2012

ENTRE O ABSOLUTISMO E A BICEFALIA


PUBLICADO 22/12/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia

O   figurante  presidente do Goberno e presidente á súa vez  do PP, Mariano Rajoy, é un dignatario  de cartón pedra, un mero  brazo executor  dunhas políticas  nas que non ostenta condición de autor.......


Pouco ecuánime sería  aquel pai  de familia   que decidise reprender  aos seus fillos  polos males que outros causaran. Pois aínda que resulte incrible  esta lamentable actitude é a práctica que  o presidente do Goberno está a utilizar  contra a maioría social, contra unha masa cidadá   que non tendo  arte nin parte na hecatombe que sofre  o país, inexplicablemente imponlles o pago dunha factura por danos e  prexuízos  causados. 

Curiosa distribución de cargas cando simultaneamente  exime de culpa aos auténticos artífices  da desfeita, a esa  alianza de intocables que amparados nunha singular patente  de corso, impunemente, fan recaer   na sociedade as  consecuencias das súas perversidades. Agravante  conformidade  de quen en exercicio  das súas funcións  tería  obrigado  botarlles encima  o estricto peso da lei.

A precedente introdución,  sería unha censura apropiada para espertar sensibilidades  sempre que  Rajoy e os membros  do seu Executivo fosen persoas con arraigamento democrático e tivesen asumido por firmes os seus  contraídos electorais, pero está visto que  para  esta xente    a  política non é sinónimo  de integridade senón un recurso para alcanzar os seus reaccionarios obxectivos, e por tanto son  insensibles a toda crítica, manténdose   dispostos  a reprimir canto movemento  de masas  perturbe a consecución  da  súa finalidade ideolóxica, que non é outra, que a posta en práctica   do neoliberalismo mais intransixente, non só na súa vertente económica senón tamén  na negación dos dereitos sociais. 
Inútil traxectoria cuxo único resultado lles conducirá á ingobernabilidade e á perda absoluta  da  estabilidade política que recomenda a situación. 

Esta actitude  ten  mais censura se cadra,  ao contrastar que a través de simulacros  estratéxicos  estes nostálxicos mantiveron oculta a súa finalidade   durante os comicios, coa nociva intención de practicar    o furtivismo electoral, e a través do engano,  alcanzar a maioría folgada que lles facilitase  levar a termo os seus escondidos  propósitos.

No entanto, para tomar encontro coa realidade, débese precisar  que  o noso  figurante  presidente do Goberno e presidente á súa vez  do PP, Mariano Rajoy, é un dignatario  de cartón pedra, un mero  brazo executor  dunhas políticas  nas que non ostenta condición de autor,  por canto foron  tramadas polo  núcleo duro conservador desde   o seu laboratorio ideolóxico  FAES, o think tank do PP,  unha fundación privada sen ánimo de lucro que teoricamente traballa no ámbito das ideas e as propostas políticas, pero que na práctica é a  verdadeira xefatura do goberno con Aznar á fronte.

Personaxe, que sen pasar polas urnas   exerce  de principal  executivo e máximo mandatario na sombra, co obxectivo concreto de impor estritamente as decisións programadas  polos poderes financeiros e a xerarquía ultraconservadora. Toda unha manifestación  indicativa   da ruta  pola que teñen de transitar  as cuestións políticas e as económicas, e cuxo mensaxe subliminar non é outro distinto que  a volta a tempos pretéritos

Á marxe da intromisión en facultades impropias,  o incongruente neste alarde de poder,  é, que tras a  prepotencia do cidadán Aznar , despístase   un historial pouco exemplarizante  que deixa en evidencia a súa integridade  política, a pesar do  seu empeño  narcisista en proclamarse    como    un "prohombre" aos ollos  da  sociedade. Resultando toda unha mostra de indecencia,  ver a este redentor de males alleos adxudicar penitencia de austeridade a torto e a dereito, mentres a súa fundación FAES, ingresa vía subvenciones públicas 9283 euros diarios  desde a súa constitución  no 2003;  excedido importe  que acumulado na temporalidade,  pechará o exercicio do 2012 cunha cifra superior aos 30 millóns de euros.

Pero quen agora instalado na  súa arrogancia  característica, tenta asiduamente dar leccións de bo goberno, é o mesmo que en primeira instancia,  coas súas ocorrencias, creou a burbulla inmobiliaria a través da   modificación  que o seu Goberno impuxo ás entidades financeiras para facilitar o cambio de tipos fixos a variables.  Extremo este que derivou nunha  "orxía de crédito", unha ilusión  narcotizante interrompida polo espertador da realidade. Dando orixe a unha crise, que se mire por onde se queira,  ten neste  precursor o seu máximo responsable.

Por se iso fose pouco, este firme defensor da austeridade e os recortes  autoexclúese do marco de repercusión. E así,  mentres o común dos mortais   ve afectado seus intereses; os seus,  ademais de disparatados, mantéñense invariables como é o caso da súa pensión vitalicia  de 80000 euros,  a prestación de 200000 euros que percibe da eléctrica  Endesa, ou a retribución dos 133000 euros de News Corporation, e  outras suculentas  remuneracións.

Por tanto  debe entenderse que esta persoa non alberga  talante moral para  instruír austeridade nos demais, e moito menos  para impor un  modelo neoliberal, que en se mesmo é o freo que impide  dar resposta aos principais problemas que veñen afectando á nosa  sociedade.
A todos os lectores, Bo Nadal e Feliz Ano 2013


No hay comentarios:

Publicar un comentario