25 may 2012

DE XESTOSO A REIKIAVIK


PUBLICADO 26/05/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia
Habería que responsabilizar  directamente  dos  prexuízos aos suxeitos causantes, pois contrariamente ao que agora téntase vender, non todos somos culpables.
Días pasados saíu á palestra nacional unha  noticia, que por única, resultou ser impactante. O seu  protagonista, un sacerdote galego titular  da parroquia de Xestoso no municipio de Monfero, e polo seu contido, o exercicio das súas  funcións de apostolado,   máis que  ampararse no oficialismo da  encíclica vaticana, semella acollerse aos    fundamentos que conducen a     a Teoloxía da Liberación.

Así, nunha pastoral ponderada de marcado  corte crítico, o párroco en cuestión, atendendo  ao  indecente contexto dunha realidade  socio-económica que afecta  en maior medida  aos grupos sociais expostos a alto risco, non dubidou en arremeter contra os políticos responsables da situación,  adxudicándolles ao efecto, a condición de falsos católicos, por prodigar a vulneración dos dereitos esenciais  do cada vez mais nutrido  colectivo  de relegados  sociais.
Igualmente o oficiante, non esqueceu reservar no seu sermón, un espazo para os  banqueiros como referentes do poder financeiro, non dubidando en tacharlles de usureiros    que  propagan a inxustiza, para ao final concluír pedindo a excomunión para uns e outros.

Eu, contrario ao clericalismo, e por tanto,  oposto á intervención das institucións relixiosas nos asuntos de corte político-financeiro,  hei recoñecer  que sorprendeume a  elocuencia e fervor  do predicador, e seu singular método de repartir excomunions a torto e a dereito. Pero o que non alcanzo a saber,  é, se o crítico   clérigo, na súa acesa  condena contra as esferas de poder, incluía no paquete,  aos  afíns ao seu propio gremio, pois é de sobras coñecido  que ao redor da idea de Deus, téñense constituído auténticos holdings, bancos, etc., que obviamente non son alleos en responsabilidade  ao resto da trama  financeira que forxou a actual crise coa  anuencia do poder político.

En todo caso, aos supostos afectados,  cuxa única doutrina  é a  avaricia desmedida  pola acumulación de riqueza sen respecto a código de conduta que impida satisfacer ese afán  de opulencia,  é fantasía  pura e delirante, tentar frear os seus excesos  cunha  ameaza de excomunión, que devandito sexa de paso tenlles totalmente  sen coidado.
Máis que simulacros de excomunión, os colectivos  responsables, debesen ser suxeitos dunha  "islandización", que é a única  fórmula e primeiro paso   consecuente  de afrontar a crise de forma severa.

Ao efecto habería que responsabilizar  directamente  dos  prexuízos aos suxeitos causantes, pois contrariamente ao que agora téntase vender, non todos somos culpables. Por iso a solución ao problema de ningunha maneira pode pasar pola socialización da débeda, facendo pagar   a xustos por pecadores.
Tomando  razón da situación, debésemos  saber que desde que se produciu a bancarrota dos bancos de investimento estadounidenses como o Lehman Brothers de Luís de Guindos; aldrabada do xermolo da crise. Os distintos gobernos europeos  destinaron ao rescate das súas respectivas entidades financeiras, a friorenta, de 5 billóns de euros, e tan disparatada contía, tivo como argumento fundamental a absurda xustificación , que tal determinación, era o mal menor  ou o único método de impedir un colapso económico de maiores proporcións.

Basear as insólitas axudas ao corrompido sector financeiro, no pretexto que representa afirmar que a caída dos mercados  agravaría a dimensión da crise, tan só, pode ter a súa autoría na rara habilidade  dos membros dunha clase política  supeditada ás determinacións do propio poder financeiro,  cuxo perfil resulta ser a nota dominante da maioría dos representantes institucionais dos países que agrupadamente conforman, a  nunca mellor denominada Europa dos mercaderes.

Pero antes de decidirnos a ocultar  a nosa miseria baixo  a túnica da  inxustiza, debésemos botar man do contraste reflexivo, para   resolver, que existen  outras propostas capaces de pór  remedio á  crise, sen ter que asumir como propia  unha débeda da que non somos responsables.
Nada mas acertado que  tomar rumbo a Islandia,   conscientes de que cada pau ten de  aguantar a súa vela, e alí, veremos a uns cidadáns, negando asumir como propia a temeridade dunhas entidades financeiras, e aos responsables da bancarrota,  respondendo patrimonialmente e xudicialmente  dos seus delitos.

No entanto, aquí, onde se mantén o benestar dos culpables á conta de sumir no drama social  aos inocentes, sen previa  "islandización", pouco efecto fará, a  tan  predicada excomunión.



No hay comentarios:

Publicar un comentario