PUBLICADO 19/05/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia
Cando nun estado,
o poder executivo é desempeñado
por un equipo de goberno cuxas decisións por desacertadas e incoherentes, son indicativas da súa
incapacidade para o desenvolvemento das funcións atribuíbles ao cargo,
entón nese país, ademais de estar en situación de alto
risco dirixente, é evidente que os
electores, ou ben foron suxeitos dunha
fraude electoral, ou equivocaron a orientación política do voto. En calquera
caso, a realidade dos feitos, viría demostrar
que até a grandeza democrática
ten o seu lado imperfecto.
O resultado desa
imperfección, chega ao rodo español cada venres despois do consello de ministros,
cando a portavoz Sáenz de Santamaría, ponnos ao corrente das últimas medidas acordadas
polo executivo como solución á crise económica que nos comprime, e cuxos contidos,
demostran ser a solución de nada.
Iso é así, por canto, tras uns meses de goberno e unha
desenfreada e obsesiva onda de recortes para cumprir os obxectivos do déficit,
os efectos paliativos de tan arriscada
política arroxan un balance negativo,
peor se cadra, que o dos seus predecesores no cargo.
A xulgar polos feitos, agora a crise parece tomar unha
prórroga de temporalidade ilimitada,
ante o agravante da contracción do mercado interno e a
diminución das exportacións; factores que sumados á consumación
dos peores presaxios que puidesen
aventurarse sobre a presión especulativa dos mercados e á caída do 0,4% do PIB,
supuxeron que España tecnicamente entrase en recesión.
Pero a pesar de todo, os asiduos da Moncloa parecen non querer asumir que non
sairemos do conflito mantendo
a inadmisible decisión de tomar como propias as políticas impostas
por quen goza dunha realidade socio económica, que por positiva, difire no substancial da limitación da nosa posición específica.
Pensar que á emperatriz Merkel preocúpalle o máis mínimo a
saúde económica de España, é igual que
pensar que a prima de risco non é un sobreprezo da compra de débeda, senón unha
parenta que temos en Alemaña..
Moi ao contrario, as nosas políticas de reactivación teñen
de orientarse por flexibilizar na temporalidade a amortización da débeda a fin de dispor dos medios e prazos
necesarios para afrontar o obxectivo preferente, que necesariamente, pasa pola potenciación e fortalecemento do
tecido produtivo, a través da creación e
recuperación de actividades
empresariais e o ascenso da
taxa de emprego. Aspectos motores para pór en marcha a dinamización da actividade
económica coa alza inducida do Produto
Interior Bruto do país.
Cabe referir ás portas dun
semestre de goberno conservador, que
á marxe da adversa reforma laboral, o
executivo do PP, non tomou unha
soa medida, centrada en reequilibrar os
sectores produtivos para recuperar e
dinamizar a actividade empresarial, como tampouco, estableceu alternativa algunha para activar o emprego, e todo iso, a pesar que a última enquisa de poboación
activa, sitúa ao paro en 5.639.500 afectados, é dicir , a taxa máis alta de
Europa co 24,44%, do mesmo xeito que o é
o paro xuvenil, que alcanza o 51%. Tendo de engadirse a iso, o peche
de 178500 empresas e comercios,
como igualmente o incremento dos ERE nun 54,8%. Este é o outro hándicap,
caracterizado por unha constante de quebras empresariais e máis desemprego, que
veñen contraer aínda mais a decaída estrutura produtiva.
Pensar que o dilema
entre crecemento e déficit non ten sentido,
é decidir liquidar a crise esperando que obre o milagre e fornezan
efecto as políticas impostas pola
chanceler alemá, e referendadas incomprensiblemente polo presidente Rajoy.
Maiormente cando tal criterio é rexeitado pola propia oposición do país saxón, que
razoablemente, condiciona o seu apoio ao
pacto fiscal, á inclusión complementaria dun
imposto ás transaccións financeiras e un programa de crecemento e
emprego.
Tan só a un presidente de goberno curto de luces,
ocórreselle, axustarse a realidades alleas e comportarse como o
subordinado cónsul dun protectorado xermánico, despistando
o feito,
que foi a intransixencia da
metrópole quen impuxo a súa arrogante
xerarquía, evitando que o Banco Central
Europeo, puidese financiar directamente aos estados, práctica que amparou os excesos dos mercados especulativos,
que en sínteses, foi o verdadeiro factor desencadeante da actual crise do euro.
Mentres se manteña a
servidume foránea con renuncia ao propio
foro; mentres non sexa o cárcere a única disuasión aos delitos
financeiros, o goberno do
PP logrará sen dúbida arruinar o
país, pero o que non conseguirá, será
resolver a crise económica, por
máis que a nova capital de España sexa
Berlín.
No hay comentarios:
Publicar un comentario