24 oct. 2010

A HEMEROTECA ASASINOU Á METAMORFOSE



“Desde o punto de vista económico, é unha barbaridade a situación de desocupación na que se atopa o antigo estaleiro de ASTANO, integrado no grupo Navantia, sen carga de traballo propia”.

Non pense ninguén, que esta introdución é unha proclama en boca dun combatente polo retorno do estaleiro fenense á construción naval convencional, lonxe diso, o seu verdadeiro protagonista e autor,   non foi, nin mais nin menos,  quen  nos seus anos mozos no campus universitario madrileño, ostentaba satisfeito o sobrenome de Xesucristo  Superstar; e quen a tempo presente  despois de dedicar  súa pródiga  vida laboral  á función iterativa do desempeño de cargo político de confianza, fai gala hoxe, do bastón de mando da corporación ferrolá, é dicir, o incombustible Irissarri,

Claro que a cita non é recente, pois tal manifesto está selado na temporalidade de novembro do 2006, e obedecía exclusivamente a unha estratexia electoral, e tal é así, que  no transcurso da campaña, a súa preocupación por Astano foi en ascenso, chegando mesmo, a propor o rescate da concesión que ten outorgada o estaleiro, imos,  todo un  simulacro de reprobación á política da SEPI.

Era a época da comedia, tempo dos  activos ociosos, ou o que é o mesmo, do empeño consciente  en levantar falsas expectativas para rendibilizar os resultados electorais.

Pero este exercicio  de engano e  oportunismo propagandístico, non resulta unha  conduta illada ou puntual, pois é,  foi e será,  a tapadeira estratéxica  que  a  trama política socialista utiliza  usualmente como revestimento á marxinación permanente que esta comarca vén padecendo  desde os albores do mal chamado proceso de reconversión, e cuxos artífices promotores paradoxalmente foron eles mesmos.

Avala tal criterio, o feito contrastable do papel xogado polos representantes socialistas da comarca  no parlamento do estado, léase, Teijeiro, Couce Pereiro e Javier Carro, quen contrariando seus compromisos electorais,  a posteriori, instaláronse na compracencia, e así, a súa influencia decisoria ao amparo da súa credencial, traduciuse nun constante acatamento e obediencia aos mandatos do  seu aparello  político, aínda que iso, supuxese consumar unha transgresión democrática, por canto accederon ao cargo pola colleita duns votos, para unha vez instalados no posto, utilizalos no prexuízo dos propios votantes e por extensión do conxunto da sociedade  desta  contorna.


A inconvertibilidade endémica e o colaboracionismo continuo  dos representantes do PSOE da comarca, segue sendo o maior  obstáculo para alcanzar  a imprescindible ortopedia industrial que precisamos , pero ademais do xa exposto,  existe un  factor  inducido  que favorece tal circunstancia, que non é outro, que a política de alianza que lles presta a forza nacionalista  (BNG), que pese a quen pese, comendo contradicións, non pon reparo en colaborar institucionalmente con este  gremio de sucursalista e participar como tendeiros rexentes á fronte dun  mostrador común que viñeron denominar como  gobernos de progreso.

Sendo pouco entendible o progresismo nese consorcio de confusión, haberase considerar que tal linguaxe atende a  unha astucia de ocultación de ambicións de poder, pois resulta cando menos pouco xustificable e altamente  comprometido, conformar goberno levando por socio a quen crearon e seguen promovendo a adversidade na maioría dos fogares da comarca……...se iso é progresismo, eu debo ser o bispo de Canterbury!

Contrariando a inscrición recorrente entre  dereitas e esquerdas, os  electores han entender  que ese argot  xa é un discurso rancio,  as adhesións electorais á marxe de significacións partidistas, debesen decidirse sobre a premisa  do compromiso correspondido en evitación que a vontade popular, como agora ocorre, faga que a hemeroteca haxa de asasinar a metamorfose  

Agora que se aproximan as eleccións,  os cociñeiros de sede de Ferraz,  xa  están nos fogóns condimentando un refrito de alucinóxenos para excitar o entusiasmo dos electores, e por aquilo da antelación debida, o primeiro prato fornéceo o vindeiro mércores no campus de Ferrol, o xefe de camareiros  de Navantia.. 


En resumo, á hora de depositar seu voto, os electores  han saber que os dereitos se exercen, e os candidatos han ter presente que os deberes se obrigan, e tan só cando ese binomio tome corpo efectivo, teremos dado o primeiro paso para levar  áncoras e pór rumbo ao futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario