18 oct 2010

AS TOLEMIAS DE PEPIÑO O FOGUETEIRO







Os que nesta comarca xa peiteamos canas, mantemos vivo o recordo de infancia daquelas festas patronais onde a pirotecnia era un todo omnipresente,  pois  xa  ao amencer espertábannos as  salvas  de rigor, para logo,  ao fío do xantar dar  paso ás intensas e explosivas tracas ás que puñan  colofón  o estrondo das bombas de palenque, e como broche final, entrada a  media noite,  sobre a pantalla  dun  ceo apagado despedía a  xornada os resplandores  de colorido variado dos fogos de artificio.  

Eran  tempos de cheiro a pólvora  festiva, unha época de auxe dos afamados fogueteiros Cabrita e Millarengo, oficio que co paso do tempo, sen  consumar extinción, foi minguado actividade para quedar nun referente testemuñal, por iso nesta situación de decadencia da profesión, parecía  encomiable a  garantía   que representaba para a súa continuidade, a anunciada incorporación ao mundo da pirotecnia de Pepiño o Fogueteiro, ese lucense de Pas de Rei  que publicamente  decidiu tomar a testemuña  para evitar  o decaemento  desta  actividade tradicional.

Pois ben, de orixe este novo puntal  na arte da faísca e a centella,  despuntaba  boas formas e supúñaselle unha  revelación  profesional no   gremio da lucería e os  explosivos, pero inesperadamente,  deixou o seu madrileño campo da festa de San Isidro, para instalar  os seus trastes profesionais  ao interior deste  cemiterio colectivo chamado Galicia, e aquí,  de súpeto, en pleno enterro fai estalar os seus artefactos festivos,…….. a verdade que até asustouse o morto.!,…….  pero moito máis os familiares e achegados  do defunto que quedamos arrepiados.

Nos anos da miña vida, nunca tal cousa lémbrase, vir montar un alboroto pirotécnico nas  exequias dun  cortexo fúnebre!

Polo visto este fogueteiro de última xeración, debe ter metido na súas lixeirezas   de cabeza, que os seus paisanos  galegos, somos  unha recua de nenos instalados no  infantilismo crónico, cuxo conformismo aténdese  autorizándolles  a recollida das canaveiras  dos seus dispositivos detonantes, sen caer na conta,  que tal concepción mais que dunha persoa de rango ministerial, parece provir dun insensato estudante universitario que plantase a súa carreira  incapaz de superar o primeiro de dereito; a non se que ambas cousas sexan o   mesmo.

Sr. Blanco; é un sarcasmo e á vez unha pedantería  que sexa vostede como socialista quen se proclama  como “foguete” da economía galega,  cando os gobernos do seu signo político (PSOE),  incluído o seu, o único que fixeron coa nosa comunidade foi sumila na noite dos tempos, e todo iso, coa súa  conivencia  e a dos  seus camaradas galegos nas cortes do estado, que lexislatura tras lexislatura, fixeron abandono  do compromiso contraído co  este país   e os seus electores, e alternativamente apostaron por facer baza en prol das súas  melloras  crematísticas ..

Mire Vostede, a realidade non se altera con simulacros  nin con xenialidades paranoicas, pois a unha sociedade afectada por reveses  político – económicos,  hai que darlle solucións efectivas e auténticas, e non entrar na estupidez  de entronizar a vulgaridade como fórmula de resposta.

O escaso investimento que está a desenvolver o Ministerio de Fomento en territorio galego, en materia viaria e ferroviaria,  é a repetición  dun feito  que ano tras ano o executivo estatal socialista ten deixado pendente ou deserto de consignación orzamentaria; por tanto,  o fraccionamento a conta pingas dunha débeda histórica,   non pode venderse cara á galería  como un éxito de xestión, e moito menos,  ter a pretensión de xustificar este escamoteo continuado na continxencia  comparativa  do plan  investidor  do goberno Autonómico

 Ese método ademais de pouco ortodoxo,  deixa ao descuberto que  a sensatez non é o seu forte, de aí, que  promova a súa aposta pola confusión; pero a torpeza e carencia argumental  delátanlle  cando rebaixando   a intelixencia dos cidadáns, téntalles enganar  con bagatelas  dialécticas……. A verdade que o seu é decadente.! 

Pero se a política investidora  da esfera de competencias  do Sr. Ministro no contexto xeral  do marco territorial da comunidade é deplorable, se entramos nunha análise pormenorizada sobre os efectivos previstos para Ferrolterra,  resulta cando menos insultante, pois o seu importe tradúcese nunha ridícula contía de 0,57€ por habitante ……..comprenderá Vostede que con semellante  suma, poucos foguetes hanse   botar, pero malo sexa que en correspondencia coa súa función non  alcance para uns petardos.


De calquera xeito, se o que persegue na súa función de fogueteiro é lograr maior  altura de lanzamento, admítame recoméndelle dúas localizacións perfectas, como son, a viga do pórtico de Astano en Fene,  e a cúspide da  cheminea de Endesa  nas Pontes. Agora ben, se acepta esta suxestión non esqueza en vir acompañado da banda de gaitas de CCOO e UXT, pois así a festa quedará mais lucida.

Sen dúbida,  o seu  si é de traca..!

No hay comentarios:

Publicar un comentario