4 oct 2010

FENE: O POL, UNHA ANÁLISE SURREALISTA

Cando a principios do 2007 o bipartito do PSOE-BNG, meteu a calzador a Lei de Medidas Urxentes en Materia de Ordenación do Territorio e o Litoral, Fene quedou sometida á restrición cautelar que impedía edificar a menos de 500 metros do bordo litoral e tal limitación manteríase no tempo ata que se elaborase un Plan Integral de Ordenación Territorial e, por conseguinte, até que o municipio non adaptase o seu plan xenuíno ás disposicións dimanantes da nova Lei.


Pois ben, en razón ao cambio de signo político xurdido no executivo da Xunta, os novos mandatarios (PP) decidiron promover unha mudanza das directivas territoriais da franxa costeira aprobadas polos seus antecesores no goberno bipartito, e iso, deu nacemento ao Plan de Ordenación do Litoral (POL).


Non entrarei a axuizar polo miudo a diferenza entre o documento do bipartito e o elaborado polo actual goberno autonómico, só direi que o Plan en tramitación supera en racionalidade territorial ao anterior, pero, á marxe de contidos, ambos adoecen do mesmo mal, tal é a carencia de consenso entre os grupos políticos da Cámara Galega, e ese aspecto outorga condición transitoria, e por tanto o novo texto legal, como lle ocorreu ao seu antecesor, queda suxeito a nova alteración se as circunstancias electorais futuras promoven un novo cambio á fronte do temón do aparello executivo.


Pero agora, antóllame destapar outros aspectos do asunto vencellados á posición municipal sobre o tema; e a tal efecto hei deixar constancia precisa da miña favorable posición relativa ao consenso dos grupos políticos municipais, coma tamén á consulta do tecido asociativo á hora elaborar un documento de alegacións ao referido Plan de Ordenación do Litoral, do mesmo xeito como defensor a ultranza do principio de autonomía local, referendo toda posición dirixida a garantir as atribucións que por lei ten conferida a administración municipal e por extensión censuro calquera invasión a este dereito.

Agora ben, neste caso, o incerto da invasión de competencias é o feito que o Concello de Fene a tempo presente réxese por un documento de plan de dubidosa solvencia por canto non garda adecuación ao marco normativo, pois o seu soporte xurídico está referido á Lei 1/1997, de 24 de marzo, do Solo de Galicia (vixente até o 1 de xaneiro de 2003).


Sobre o particular cabe lembrar, que o pleno municipal en sesión de 23 de xaneiro de 2003 aprobou definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal, previo informe preceptivo e vinculante emitido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda en data 20 de decembro de 2002, no que se constataba o período dun ano para adecuación do referido documento de planeamento, por canto, entre outros aspectos, o mesmo non gardaba axuste á Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.


E todo isto a pesares de que nas vísperas electorais de 2007 o actual goberno do PSOE , ofrecía no seu programa electoral compromisos como a adaptación do Plan de Urbanismo á nova Lei do Solo, a axilización da aprobación da modificación puntual do PXOM, para engadir o trazado definitivo dá Rolda Oeste, ou a corrección dos erros do PXOM, entre outros.


O certo é que, na recta final da lexislatura, séguese sen acatar os mandatos impostos pola Xunta e, curiosamente, por ese vaivén lexislativo que provoca a alternancia política, o 25 de marzo do ano en curso aprobouse a (LOUGA) Lei 2/2010 de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, extremo que acentúa o desamaño, facendo que a validez xurídica do PXOM definitivamente sexa un todo cuestionable.


E con semellante historial de contrasensos, vostedes, que nin cumpren cos seus compromisos nin asumen as súas atribucións a estas alturas da película, quérennos coar na escena a un protagonista chamado invasión de competencias, quen non deixa de ser unha frivolidade mal intencionada, pois saben de antemán que ese actor non pode ter papel na repartición.


A vostedes non é que lles invadan competencias; ocorre que, coa súa ineficacia e deixadez, virtualmente teñen renunciado ás mesmas.


Pero con todo, o que realmente é complexo de entender é o actual empeño en resucitar o rigor urbanístico despois da comisión en exercicio de autoría, da maior insensatez de desenvolvemento do planeamento na historia democrática de Fene, e estou a referirme á actuación levada a cabo na travesía urbana, …..perdón, na “travesura” urbana de Conces, e se tal inculpación esta exenta de veracidade, o recomendable sería que puxesen o asunto en coñecemento da Fiscalía de delitos urbanísticos e quedásemos todos á expectativa de resolución. Case seguro que a inhabilitación levaría por diante a máis dun.


Polo visto, o executivo local ten unha concepción de política urbanística moi “sui generis”, e esa é a razón que abre porta a esa dualidade contrastable entre a tolerancia promotora aos seus propios actos e a disciplina prusiana con as actuacións alleas.


Volvendo á orixe do asunto, dicir que o POL en Fene, á marxe de erros cromáticos remediables e defectos de escaso rango susabables, resulta cando menos máis coherente coa vocación territorial do solo municipal do bordo litoral que o redactado e imposto no seu día polo bipartito PSOE-BNG.


Pero cando o bipartito exercía de curia urbanística, os díscolos concelleiros que hoxe denuncian invasión de competencias e outras argalladas, naquel tempo, por afinidade cos oficiantes, enfundáronse a casulla, fixeron soar o tintín e dixeron amén... Que noxo de gregarismo!

No hay comentarios:

Publicar un comentario