PUBLICADO EN : Galicia Confidencial; La Opinión; Globedia
Os políticos teñen
conferidos un conxunto de privilexios alleos á demanda da súa función
representativa, que lles reporta un status especial con blindaxe de seguridade
ante os contratempos e reveses que si ten
que aturar estoicamente o resto da cidadanía.
Algo así como un
economato é o que teñen á súa disposición as súas señorías na Carreira de San
Jerónimo, xusto ao interior do Congreso dos Deputados, un establecemento no que
os nosos representantes poden tirar de consumición a moito menor prezo que nos
establecementos da contorna, mesmo inferior ao do seu propio custo. Vantaxosa
prestación á que poden acollerse os beneficiarios porque aos españois vía impostos repercútesenos o
diferencial, ou o que é o mesmo, temos
de pagar relixiosamente 1.155.000 euros para que os deputados poidan
seguir tomando canas de cervexa a menos de 1euro.
Algo máis do dobre
que os 556.200 euros que os contribuíntes sufragaban xusto dez anos atrás, e
por tanto, un incremento desproporcionado especialmente cando se produce no
marco temporal dos peores exercicios da dobre recesión económica e no contexto
dunha situación na que a gran maioría das familias víronse afectadas nos seus
dereitos polas políticas de recortes e o radical austericidio.
Un servizo
subvencionado ao que se engadimos as instalacións de iguais características
radicadas nos Ministerios e o Senado, arroxa un cómputo anual de 8 millóns de
Euros, e todo, para que os beneficiarios entre outras contraprestacións poidan
champar un menú consistente en (dous pratos máis sobremesa e bebida) polo
módico prezo de 3,40 euros.
Non hai dúbida que co
paso do tempo os obxectivos cambiaron, e se nas súas orixes os economatos
laborais creáronse perseguindo unha finalidade social determinada, tal era
complementar o poder adquisitivo da retribución duns traballadores con escasos
ingresos económicos, na súa nova modalidade a función é diametralmente oposta
pois na actualidade están a utilizarse ingresos do Estado para subvencionar a
bebida e comida duns deputados que cunha retribución superior aos 3500
euros/mes superan con fartura a media de ingresos dos españois do montón.
Agravio comparativo
que xustifica de sobras suprimir este trato preferente, deixando en suspenso a
irracional inxección de diñeiro público para que os deputados como o resto dos
mortais paguen do seu peto os prezos de mercado pola prestación do servizo,
porque neste país hai millóns de necesidades de maior calado e moito máis
perentorias que esixen preferencia.
Resulta intolerable
que mentres a repercusión das políticas de austeridade e recortes mantén baixo
mínimos os niveis de prestación social, ese economato do Congreso dos Deputados
sexa o bar máis barato de España á conta do peto dos cidadáns, que para
sufragar a comida e bebida das súas señorías cústalles a nada desdeñable cifra
de 4000 euros por deputado cada ano.
Pero as súas
prerrogativas non quedan aí, tendo en conta que como especie protexida que son
aínda cando se lles suprimiron dispensas que raiaban no obsceno, o trato de
preferencia que ostentan segue diferindo no substancial do recibido polos seus
representados, e así aínda cando as súas señorías están afiliados no Réxime
Xeral da Seguridade Social como a maioría dos traballadores, a diferenza é que
no seu caso, o abono das cotizacións corre integramente a cargo do Orzamento do
Congreso en razón a un convenio especial subscrito co INSS polo Parlamento.
E sobre a base dun
tratamento especial que lonxe de dignificar a política a demoniza, por canto a
pervivencia e continuidade dos privilexios veñen a deslexitimar á propia
institución, desde o punto e hora que exime aos parlamentarios do cumprimento
das decisións que toman nas Cortes e que si afectan o resto da poboación, cando
o seu debese ser predicar co exemplo.
Regalías que fan
aflorar a dobre moral das súas señorías, e moi especialmente a daqueles
deputados que reproban de plano o incremento do salario mínimo interprofesional
ata os 900 euros polos prexuízos que ao seu entender entraña tal subida na
economía do país, e con todo, na súa contradición non reparan en lexitimar a
percepción dunha dieta tres veces superior (1800 euros mes), para sufragar o
importe do seu aloxamento na vila e corte.
Pero as concesións
non quedan exclusivamente en recompensas de índole económica, pois a maiores
pola excepción que lles reporta a blindaxe da súa condición de aforados, teñen
conferida preferencias xudiciais; de tal modo, que os deputados en supostos de
procesamento teñen de ser xulgados
exclusivamente polo Tribunal Supremo.
Un tratamento
diferenciado que causa suspicacias ao ser eles mesmos os que pactan a
composición desta estancia xudicial.
Sendo por iso que
teña de excluílos da miña felicitación de Nadal, que si fago extensiva aos bos
e xenerosos.
Bo Nadal
No hay comentarios:
Publicar un comentario