PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
Ao sistema financeiro español, que coas súas prácticas especulativas provocou unha crise económica sen precedentes, lonxe de eximírselle da devolución dos fondos públicos investidos no seu rescate, debe instárselle á íntegra devolución do seu importe.
Ao Partido Popular que é moi dado
a unxirse como eficiente xestor do
público, a noticia publicada esta semana
polo Banco de España sobre o rescate financeiro á banca, é indubidable,
que ademais de deixalo en evidencia vén
cuestionar a efectividade da súa alardeada solvencia, pois se a tempo
de efectuar a intervención do rescate das entidades financeiras, o presidente Rajoy non dubidaba en manifestar
que os fondos utilizados para tal
finalidade vía Unión Europea, terían de entenderse como un “crédito
á banca que ía pagar a propia
banca”, agora pasado o tempo, todo indica que as
súas proclamas foron unha tomadura de pelo sen precedentes.
Esa polo menos é a conclusión deducible, a xulgar polo afirmado no seu informe polo supervisor do proceso, quen confirma que o 80% do diñeiro investido en sanear ao
sector financeiro, é dicir, polo menos 60.613 millóns de euros, por tácita
condonación, pasarán a cifrar o importe dunha desorbitada factura impagada que nunca
se reingresará nas arcas do
Estado; resultando por tanto que onde non había custo repercutido para os
contribuíntes españois, agora os feitos veñen confirmar xusto o contrario, é
dicir, que unha vez mais incúmprense os contraídos explicitados e que serán os administrados
quen “en definitiva” pagarán oito de cada dez euros inxectados no rescate do sector bancario.
Tal proceder indica a nula
fiabilidade que debe adxudicarse a un
Goberno que ademais de enganar á cidadanía, non repara en estafala, procreando un buraco multimillonario ao
erario público, para así, utilizando a
custo cero o diñeiro de todos, rescatar a unhas entidades financeiras abocadas á bancarrota, e todo, en razón á neglixencia
mercantil e mala praxe das súas cúpulas directivas, á repercusión inducida
dos múltiples escándalos de
corrupción, á manifesta falta de control e fiscalización dos órganos de supervisión, como tamén, á total
incompetencia política na xestión da crise.
Un cúmulo de despropósitos dos
que ninguén se fai responsable e sobre
os que ninguén quere responder, a pesar de equivaler o excesivo importe da
evasión á contía recadada
anualmente en concepto de IVE; un desfalco que por mais que tenten
escapulir ten responsables políticos concretos, cuxa
dirección e identidade apunta
cara ao Presidente do Goberno e demais
membros do seu Consello de
Ministros que acolléndose á denominación
de - rescate bancario - como perversa expresión adicional de
xustificación da fraude, non dubidaron en afrontar o risco e exercer de presuntos autores materiais dunha
malversación de caudais públicos.
Tendo en conta que o mero feito
que o Banco de España dea por perdido o importe das multimillonarias axudas á banca, e o Executivo de Rajoy asente co seu silencio,
tal actitude de transixencia, é
expresivo da súa anuencia, e por tanto, de implícita renuncia a exercer o
imperativo político de recobrar o diñeiro investido nos rescates.
Cando o abandono para esixir o
reintegro de todas as axudas públicas
que recibiron as entidades financeiras entre 2009 e 2017, coincide como resulta ser o caso, co feito
que as firmas rescatadas repártense dividendos, entón, ao conculcarse os dereitos dos contribuíntes por repercusión instigada,
advírtese ás claras unha
imaxe de sordidez e capitulación dun gremio de acólitos políticos encartados aos designios da banca,
á que polas súas prácticas temerarias e
para evitar que se afogase nos seus propios excesos houbo que salvar endebedando á
cidadanía; non sendo de recibo por tanto, que tras a súa orxía financeira,
agora, sexan eles quen queden co noso diñeiro, e que nós sen o cheirar, teñamos que
cumprir o papel de fiduciarios da
súa débeda.
A mal denominada reestruturación bancaria xerou unha avultada factura, que mais alá de
eximila é obrigado esixir que o Goberno, poña en movemento todos os mecanismos ao seu alcance para recuperar integralmente o diñeiro
prestado para a reflotación das entidades rescatadas, en liña á racionalidade
de criterios seguidos noutros países do ámbito da Unión, como veu de ocorrer en Holanda e
Irlanda por exemplo.
Dando por certo de partida que non pode haber alternativa sen
devolución, por mais manipulación
estatística que se empregue para maquillar a realidade, o certo é que non existirá posibilidade real
de reactivación, en tanto que
cada familia española, ademais de soportar a dureza dos recortes aplicados,
teña repercutido a mayores, un lastre lapidario de 12830 euros en concepto de rescate bancario.
Nin que dicir ten
que sen mediar a existencia do
actual pacto de conivencia entre a banca e a política, non
existiría soporte de complicidade para
poder levar a termo o simulacro do
rescate bancario no formato que
foi consumado, e moito menos, poderíase
publicitar a operación como un éxito económico e elevar a mesma a rango de referente de consolidación e saneamento do sector financeiro, cando a
impostura de tales conclusións é un todo evidente.
Así, por mais cosmética que
utilicen, a realidade pinta xusto ao revés,
tal cal vén referendar a
multimillonaria e non satisfeita débeda do rescate, ao que haberá de
engadírselle a crecente perda de confianza e diminución da
carteira de clientes polas súas mais que censurables prácticas
mercantís, que sitúan ao sector, no peor
momento da súa reputación social.
Argumentos máis que suficientes para frear toda tentativa de condonación, e razón argumental sobrada para esixir taxativamente a devolución ata o último céntimo das axudas públicas outorgadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario