7 abr 2017

UN ´NON´ AOS ORZAMENTOS

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Os  integrantes  da  "fábríca política do PP", pola súa comenencia e anteposición dos seus intereses á defensa dos electores, advirten da  feble fiabilidade que debe outorgárselles  en razón á  súa nula integridade e controvertido proceder

 Como todos os anteriores,  os Orzamentos Xerais do Estado (O.X.E.) para o 2017, de ningún xeito  reflicten a imaxe fiel do que necesita o país por conter maiormente  previsións adulteradas,  sofismas  que de ningún xeito se poderán cumprir; novas peripecias  que por iterativas non  deben  representar novidade algunha, por ser a tónica xeral das contas públicas  redactadas durante os anos  en que  Rajoy ostentou a Presidencia do Goberno, en cuxo transcurso, fíxose constante o incumprimento sistemático de todas as súas promesas e compromisos.

O proxecto  en tramitación está sustentado en idéntica    dirección e  mesma liña política  que os que lle precederon, e aínda que   mediáticamente  téntese vender  como o punto final  dos recortes e un referente do crecemento, o certo é que polo sustento da súa redacción neoliberal  o seu contido  máis que reverter a actual tendencia  ratifica  a súa continuidade, prorrogando  a situación deficitaria na  prestación dos servizos públicos básicos, as desigualdades sociais e a elevada taxa de desemprego;  unha proposta por tanto, afastada das políticas  de calado que a  situación require e que para nada favorecerá a instauración dun modelo produtivo eficiente nin a  potenciación efectiva da actividade dos autónomos e pemes como a dos sectores tradicionais da nosa economía.

Carencias que teñen na  crise a coartada  por excelencia  para xustificar un proxecto  de Orzamentos  que  mais que  «pensado para as persoas» está redactado en exclusiva  preferencia  dos mercados; e iso é así, pola nula capacidade do  Executivo  para intervir na economía, como consecuencia   do condicionante de pertenza á UE e á Eurozona, e o agravante  de ter transferido  a maioría dos instrumentos e competencias desta índole económica  ao sector privado.
 Establishment que mais alá dos compoñentes  da  "fábrica política do PP" é quen   na práctica move os fíos  fixando ao   seu antollo e proveito    as pautas económicas do país, fóra da  política fiscal  que  curiosamente  é a única materia que segue  mantendo atribución do Estado,  aínda que , limitada na súa aplicación  pola determinación  dos  propios mercados no que a grandes fortunas refírese, como asemade    polo  condicionante  do non menos estrafalario Pacto de Estabilidade e Crecemento da UE., en razón ao obxectivo da súa finalidade.

Nada distinto por tanto a teor  dos desastrosos resultados acadados polo  actual Presidente no transcurso dos  seus anos de goberno,   falando por se só como paradigma,  o feito  constatable   da falta de reintegro   dos 51.300 millóns de euros  inxectados de forma directa  no ano 2009 en concepto real  de rescate  do sector financeiro, tendo en conta que o incumprimento da súa  devolución despois de oito longos anos, contrasta  coa desvergoña  dos  beneficiarios da  utilización  dese diñeiro público repartindo substanciosos dividendos, dun teórico  "préstamo" que unha vez saneadas as entidades  díxose devolverían,  pero que  todo vén  indicar que pola  propia transixencia dun PP en minoría  e a   permisividade dun sector maioritario do parlamento,  a esixencia do  seu reembolso queda en suspenso  e por conseguinte o seu importe tórnase irrecuperable.

Un atraco  auxiliado políticamente, cuxa  repercusión   ten de percibirse   como  unha volta de porca á  presión fiscal soportada polos  contribuíntes, e de escamoteo  ás  medidas de revitalización  do tecido produtivo  e ao a xeración  de emprego; un  lesivo resultado  que ademais de prorrogar os efectos da crise, evidencia a quen está a favorecer os membros da    "fábrica  política do PP",  resultando notorio  que a permisividade de tal  proceder   ademais  da  presunta condición delituosa  tira  por terra  toda solvencia do contido do  proxecto de orzamentos. ao non  consignar como ingresos o devandito importe.

E mentres isto ocorre e consúmase o escándalo, o Goberno de Rajoy presenta uns Orzamentos para o  2017 en clave de continuidade,  incluíndo novos recortes sociais  e demais aspectos restritivos que contrariamente ao optimismo expresado polos seus redactores, o certo é  que o seu contido   non favorecen en absoluto o crecemento nin a xeración de emprego, mais ben ao contrario, son reveladores do canellón sen saída no que sumiron  ao país,  como así expresa,  o feito  de xustificar a súa aprobación  na contrapartida   de poder  outorgar un préstamo para o pago das  pensións, e todo, como consecuencia de ter  dilapidado  con anterioridade o cuantioso  fondo de reserva existente   e verse agora na tesitura  de afrontar  como único recurso  o a utilización da emisión  de débeda .

Resultando xa o colmo da falacia, que despois de proclamar como creación de emprego  durante anos, a fórmula de utilizar   o  prorrateo de menos horas entre mais demandantes, a base  de acentuar a precariedade e a restrición salarial; véñannos agora  dando por certo  no texto orzamentario como emenda   do actuado, a redución en 3 anos do 90% do emprego temporal, é dicir , comprometendo unha vez mais o que saben de antemán  que coa aplicación das súas políticas son  incapaces  de cumprir

Cúmulo de despropósitos todos eles,  expresivos do anacronismo xeral do contido duns Orzamentos que por inadecuados,  debesen ser rexeitados pola  Cámara e  devoltos ao Goberno  para  a súa corrección e  reformulación 

No hay comentarios:

Publicar un comentario