PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
Só utilizando as urnas como correctivo á corrupción poderemos recuperar a lexitimidade democrática perdida, á vez de cambiar realmente as cousas expulsando a inmundicia bipartidista do poder.
Agora en formato de comandita os membros do bipartidismo repártense o protagonismo noutra trama de corrupción, polo menos isto é o que se desprende das accións da fiscalía en relación coa operación Patos, ao instar no seu escrito a imputación de varios dos máximos dirixentes socialistas e populares da provincia pontevedresa, ademais de medio centenar de persoas entre as que se atopan significados empresarios relacionados con ambas as formacións, sendo reveladora a vinculación ao proceso do recentemente elixido presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, como do presidente do PP de Pontevedra, Rafel Louzán.
Cabezas visibles dunha trama que polas súas connotacións co desenfreo, poñen de manifesto que en Galicia o PP e o PSOE conforman politicamente o eixo do contubernio da indecencia, non reparando por elo en dar renda solta aos seus excesos e á pillaxe das institucións de representación.
Este novo escándalo para nada resulta un feito illado, por tratarse de algo habitual, dun caso mais do extenso rexistro de anormalidades que acompaña a contratación pública, que tras a entrada en declive do sector inmobiliario tomou papel protagonista ata converterse en referente exclusivo dos repetidos escándalos de corrupción, e todo, como consecuencia da inadecuación de un marco legal que contra toda lóxica funcionou como resorte de impulso na comisión do delito.
Pois aínda que a Lei 30/2007, de 30 de outubro, de Contratos do Sector Público estaba chamada a mellorar a transparencia dos procedementos de licitación, o certo foi que a súa manipulada aplicación xerou a función oposta á prevista, facendo do sistema un todo inservible ao outorgar condición decisoria aos informes á carta que uns técnicos interconectados, emitían acorde á tendencia de discrecionalidade empregada en resolución por uns políticos afastados de todo código de conduta.
Pero se a xestación da nova Lei de Contratos do Sector Público, en tramitación, para a adecuación ao ordenamento xurídico das Directivas europeas en materia de contratación pública, podería ser a oportunidade para o cambio, a xulgar polo actuado, todo apunta a deducir a continuidade dos actuais desenfreos, por canto no seu implícito non se aborda o grave problema da corrupción coa ambición e profundidade que a situación require, pois aínda dedicando no novo marco legal un artigo específico para a súa erradicación, a xeneralidade da súa redacción fai que o seu contido sexa un brinde ao sol, ao outorgar sen concreción ao poder político a potestade unilateral de adxudicación contractual.
Motivo polo que a nova norma queda reducida a unha mera declaración de intencións, cando o seu, sería arbitrar medidas que impedisen os actuais conflitos de intereses nos procedementos de licitación entre os membros do órgano de contratación e os licitadores, para o que sería necesario, introducir de maneira transversal as cautelas oportunas que ademais de evitar a entrada en escena de prácticas desviadas do interese xeral, garantisen a igualdade de trato entre os concorrentes, para con iso, obxectivar os criterios de baremación e adxudicación dos concursos como método paliativo ás estendidas prácticas de corrupción.
Se ademais do xa referido, engadimos que nos últimos vinte anos aprobáronse un total de catro leis sobre contratación pública, á vez que no devandito período a corrupción política no canto de reducir en escala mantivo unha tendencia ascendente que veu a perverter o sistema democrático e debilitar a confianza da sociedade nos seus representantes; non ofrece dúbida que tal circunstancia, é indicativa que o gran culpable desta situación de desastre ten por único referente, a hexemonía bipartidista ostentada polo PSOE e o PP, sendo por elo que o único remedio ao actual estado de degradación pasa irremediablemente polo recambio político e unha substitución xeracional, pois folga dicir que pola súa condición de parte implícita, ambos os partidos perderon toda autoridade para reconducir a situación, tendo en conta que representan ser mais un obstáculo que a solución.
É por iso polo que a operación Patos que estes días axita a actualidade política galega non teña de ser interpretada en clave de excepcionalidade, pois a súa casuística, garda total coincidencia cos múltiples casos de corrupción, que conxuntamente, conforman o historial delituoso da nosa clase política no contexto da uniformidade bipartidista.
Pois aínda cando certos medios opten por acentuar a corrupción política dos contrarios e minguar a dos seus afíns, o certo é que a totalidade dos escándalos de corrupción teñen idénticos autores e análogo patrón de referencia, que non é outro, que a anómala adxudicación de contratos públicos a cambio de comisións ilícitas , e cuxa práctica por infecta, debe ter por resposta o desaloxo do poder dos protagonistas de tan fraudulentas condutas, como antesala ao obrigado cambio político e por extensión á efectiva reforma lexislativa que sen ambaxes esixe a situación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario