20 feb 2015

FENE: SEN CAMBIO NON HAI FUTURO

Como consecuencia dunha sobredose de bipartidismo e un empacho de austeridade, en Fene, de non se afrontar os cambios necesarios mediante políticas de dinamización, a reactivación económica e a creación de emprego será pura entelequia.

Dicir que todo o país esta patas arriba é un todo evidente, pero se hai un  recanto no marco xeográfico do Estado que sufrise no seu territorio a máxima severidade dos desmandos desvastadores do bipartidismo do PP e PSOE, non hai dúbida que temos de apuntar cara ao zorregado concello de Fene, pois ese enclave municipal da Galicia setentrional a pesar de reunir as condicións óptimas para ter garantido o seu futuro e resolta en boa medida a crise coa solvencia debida, como consecuencia do cúmulo de atropelos inferidos á súa estrutura produtiva por ambas as dúas formacións políticas, este Concello contra todo prognóstico foi situado na antítese da racionalidade, ata o extremo, de levar  35 anos colmando o esperpento de dispor dun estaleiro para non facer barcos.

A dialéctica urbanística do municipio expresada en escala de patrón industrial, fai aínda mais incomprensible o seu actual estado de deixamento, máxime cando dispón de "vitamina territorial" dabondo para incrementar se cadra a condición de liderado industrial que ostentara noutros tempos, pois non en balde, é de referir que mais da ventaba parte do seu ámbito espacial urbano ten consolidada a condición de solo industrial, incentivado pola excelencia do seu estratéxico emprazamento e a achega dunha fluída comunicación.

Unha sorte de vantaxes que chocan frontalmente coas nefastas políticas levadas a termo polas organizacións que en alternancia ostentaron o Executivo estatal, e cuxa fatídica repercusión fixo que o uso e destino dos dous polos que conforman o tecido produtivo do municipio, mais que funcionar como acicates da reactivación económica e do emprego, a tempo presente, estean maiormente infrautilizados ou totalmente inactivos, circunstancia que ao impedir o desenvolvemento da actividade produtiva coarta toda solución de futuro.

Así é como os 900000 m2 de superficie marítimo - terrestre ocupados pola que fora a mais cualificada e funcional factoría naval do Estado, consecuencia de repercutir politicamente ao estaleiro o maior "peso" das restricións impostas pola integración na Unión, sumado aos prexuízos por discriminación territorial no marco do Estado, convertesen o devandito espazo nun necrópole industrial, onde a tempo presente só quedan os enterradores, e como sarcástico signo do seu apoxeo de outrora, a inútil mole do pórtico grúa convertido para a ocasión nun irónico tótem estático.

De igual xeito, os 475000 m² do polígono industrial de Vilar do Colo, creado especialmente para paliar o negativo impacto causado pola crise do sector naval ao tecido produtivo da localidade, non cumpriron en modo ningún as expectativas previstas ao abortarse no tempo a dinámica de crecemento que inspirara a súa implantación, e impoñerse en sucesión o regresivo formato dunha incoherente austeridade. Unha decisión política que por anacrónica converteu o seu ámbito no mellor termómetro da crise, expositivo dun escenario desolador,  acorde a un espazo inconcluso sementado de farois, con naves pechadas ou a medio executar, que derivou en desertización polo decaemento inducido da actividade empresarial, a falta de expectativas e a supresión das fontes de financiamento.

Se en boa lóxica o que Fene precisaba para saír do atranco era xusto o contrario do que vén de suceder, o corolario das tres últimas décadas converteuse no prólogo da continuidade, e iso é así, pola analoxía efectiva entre o bipartidismo dos dous de sempre, que habituados á farsa de utilizar a mudanza política como variable de opinión en función ao papel de goberno ou oposición, chegada a hora da verdade, nos seus ciclos de alternancia no Executivo estatal, uns e outros, puxeron de manifesto a súa incapacidade política e a súa falta de autoridade executiva para dar saída ao maior escollo do municipio, poñendo de relevo co seu disidente proceder que ambas as dúas formacións políticas por insolventes, mais que constituírse en solución convertéronse no auténtico problema.

Por iso, cando os chamados a rexer o noso destino fano de costas á realidade cotiá con reincidente proceder, o resultado non pode ser outro que a frustración colectiva, e cando a situación creada como é o caso, excede socialmente os límites do levadeiro, cando iso acontece e sobreexcédese toda marxe de confianza, non queda outra que poñer freo á continuidade do prexuízo apostando polo recambio e desaloxando do poder os directos responsables da situación para dar vitalidade á democracia e transformar o mapa político coa finalidade de converter a maioría social en maioría política.

Pois sería un contrasentido seguir outorgando confianza a quen podendo facer xusto o inverso, ademais de estancar o crecemento e provocar unha paulatina perda de poboación, coas súas adversas decisións, converteron o municipio nun inhóspito laboral, como cifra o 27,6% de paro xeral e un 54,3% de paro xuvenil, e todo, cando Fene co aproveitamento das súas potencialidades e sinerxías non tería que estar a padecer o actual calvario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario