9 ene 2015

UN GROTESCO SAINETE BIPARTIDISTA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Os membros do bipartidismo veñen de achegar conxuntamente posicións ideolóxicas en torno ao credo neoliberal, coa finalidade de frear todo fenómeno de masas, e calquera outra acción política de emancipación.

Non é ningún desvarío afirmar que neste país o oficialismo político é unha farsa radical, pois cando pasan xa de trinta e cinco os anos que os membros do bipartito permutante disfrazaron a democracia de carnaval, esa falsificada mascarada sostida como formato funcional, para nada foi referente de autenticidade por mais que se agochase no disimulo dunha aparente seriedade.

Por iso á marxe de todo subterfuxio, dificilmente hai quen dende o oficialismo político poida alardear de ser animador de prácticas democráticas, cando o certo é que a partir daquela enganosa Transición a democracia brillou pola súa ausencia, ao ser os mercados que ninguén votou os que, arrogándose papel protagonista, coa anuencia dun bipartidismo corrupto, oposto á vontade dos electores, impuxo a súa primacía ata o extremo de converter aos axentes financeiros nos exclusivos e supremos mandatarios do país.

De aí a nula fiabilidade que debe outorgárselle aos membros do acoplado bipartidista; ao facer político duns representantes, que como os líderes rexentes do PP e PSOE, converteron o dereito a elixir nunha práctica desvalorizada, ocasionando que os electores pasasen de ser o referente democrático a estafados polos seus repetidos incumprimentos e deliberados enganos, e iso, a xulgar pola súa ostensible tendencia a contravir o contido dos seus programas electorais, que escritos en papel mollado foron pensados en todo caso e de antemán coa única finalidade de ser transgredidos ao día seguinte de alcanzar o triunfo electoral, co propósito establecido no contexto dunha miserable manobra de artificio político.

O uso e abuso das malas artes políticas, é dicir, a súa pérfida praxe, fixo que a asidua tolerancia da que os electores fixeron gala durante anos perdese toda continuidade, para dar paso á severidade inducida por unha frustración xeneralizada, mutación que causou que a fórmula empregada dende a Transición extraviase toda efectividade, e que en razón a iso, tanto a alternancia política entre os dous grandes partidos coma a súa continuidade estea actualmente ao bordo do abismo.

Chegando ao extremo que o protagonismo do PP e PSOE que en outrora dominaba de forma abafadora o escenario político, actualmente desgastados  polas impopulares respostas á crise e os casos de corrupción, sitúense nas súas horas mais baixas, e que en razón á súa erosionada credibilidade os compoñentes do bipartidismo pasen a xogar o seu futuro nos próximos comicios electorais co risco mais que evidente que as desercións no seu electorado por transvasamento cara a outras opcións políticas mais fiables sexa o referente de inflexión cara ao seu ocaso político.

Actuando como desencadeante deste declive o seu propio gregarismo político, que por arrastre de complicidade impídelles escoitar a voz da rúa, ao igual que exercer como lexítimos valedores da vontade soberana dos electores ao admitir sen réplica as interferencias antidemocráticas exercidas por eses poderes fácticos, aos que préganse, sen atreverse en modo ningún a desafiar as súas concernidas prioridades, e todo iso, a pesar das catastróficas consecuencias e lesivas repercusións que o seu alcance provoca nos intereses xerais da cidadanía.

Esta realidade coa súa carga de dramatismo, pon de manifesto a escasa fiabilidade que debe outorgárselle aos políticos e voceiros bipartidistas, pois coas súas prácticas de perversión ademais de estar a ofrecer un espectáculo bochornoso, mais que demostrar interese pola cousa pública poñen de manifesto a súa exclusiva propensión cara á continuidade dos seus privilexios, así como, a defensa extrema de intereses espurios.

O actual modelo bipartidista na súa conformación reúne ás dúas caras da mesma moeda, de aí que aínda cando o PP e PSOE se esforzan por acentuar distintivos de diferenciación, o certo é que son coincidentes no esencial, por canto, ambos os dous concordan en exercer como tapadeira política daqueles que concentran o poder económico, sendo por iso o seu exercicio unha rémora do cambio, ou o que é o mesmo, unha forma de cambiar para que todo siga igual, é dicir, toda unha práctica que ademais de coartar a participación e deliberación dos cidadáns nos asuntos públicos, fai que a ideoloxía imperante sexa a dos poderes económicos, e que en razón a iso, a súa aplicación práctica mais que o reflexo dunha democracia real teña por equivalencia a representación dun grotesco sainete bipartidista.

Miseria ideolóxica, que forza desbotar ao bipartidismo como alternativa en todo proceso electoral, pois a rexeneración do sistema pasa pola radicalización democrática.

No hay comentarios:

Publicar un comentario