5 jul 2013

EN CORRUPCIÓN, NON HAI FUTURO

PUBLICADO 06/07/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia

Iso ten  de ser así, porqué tamén os moi patriotas ademais de   entoar o seu himno deben lavar a bandeira.

Hai coincidencias reveladoras, concorrencias que por confusas, poñen de manifesto a difícil relación entre ética e política; son situacións que deixan ao descuberto a falta de escrúpulos da clase política, quen salvando matizadas excepcións, mais que identificarse con accións de correcta actitude en proveito do interese xeral; independentemente das ideas, os seus protagonistas, funcionan como un colectivo de individuos despolitizados, unha casta corporativa cohesionar, cuxa única pretensión é a autoperpetuación no cargo, para dende tal vantaxe exercer en exclusiva a defensa dos seus propios intereses.

Indecente conduta de quen, ademais de abandonar o seu compromiso de representación, prodiga o triunfo do ilícito facilitando que se impoña a barra libre da corrupción, que polo relaxamento dos principios éticos e a violación do deber institucional ten alcanzado carácter orgánico.

Por iso que na actualidade, cando xudicialmente faise patente a identidade corruptora e corrompida e, aínda a sabendas de estar ante unha práctica contraproducente para o desenvolvemento económico e social do país; as forzas políticas involucradas, lonxe de recoñecer a súa implicación nos feitos e evacuar responsabilidades a través de accións de loita contra esta pandemia; a pesar da contundencia do evidente, proseguen na súa obstinación de negar a súa existencia, sen caer na conta, que ocultar a corrupción é idéntico a compartila.

Nin que dicir ten que tras esa negativa a cambiar o estado das cousas, subxace o irrenunciable empeño en manter a opacidade como regra de competencia co fin de proseguir a actual dinámica de adxudicación nos procesos de licitación pública, dando continuidade á abusiva figura do concurso fronte á poxa, e iso, en razón a que o concurso por ben estructurado que estea, sempre ofrece unha marxe de discrecionalidade á hora de avaliar os seus contidos cualitativos, extremo que facilita, que políticos e funcionarios implicados no procedemento poidan dirixir ao seu criterio o sentido da adxudicación.

Interesado formato polo tanto, para os que perseguen utilizar esa discrecionalidade en beneficio propio, pero fatalmente pernicioso, cando o manexo de tal recurso non conta con sistemas de control axeitados e por excedido atropelo pasa a converterse no detonante da corrupción.

De aí que sexa esta e non outra, a razón mais relevante pola que  a contratación pública deba identificarse como a actividade de goberno máis vulnerable á corrupción, e a causa principal deste problema é sen dúbida a concentración do poder político.

Por iso, que aínda que Rajoy negue que España é un país corrupto, ou manifeste que tal afirmación é terriblemente inxusta por inadecuada e aleatoria, o certo é, que o noso país ten 1.661 causas xudiciais abertas por corrupción política.

Tamén cando as grandes construtoras aseguran que calquera relación do seu colectivo con presuntos casos de corrupción é unha infamia máis contra o sector que nada ten que ver coa realidade; están a ocultar que algunhas destas empresas construtoras, ademais de aparecer como doadores de grandes sumas, fixeron ingresos directos en contas abertas por Luis Bárcenas en Suíza, como pagamento de peaxe polos lucrativos contratos públicos que lonxe de lograrse por conduto regulado, foron "adxudicados a dedo" por administracións gobernadas polo Partido Popular e, cuxa contía excede os 6600 millóns de euros.

De aí, que ante a contundencia das probas sexa totalmente inaceptable que os directos
implicados, en vez de afrontar a realidade dos feitos e poñer remedio á situación, intenten aliviar responsabilidades a través de versións absurdas para convencernos da súa inocencia, cando o camiño pasa pola instauración dun cambio dirixido a reconquistar a honestidade na función pública; pois a persistencia da corrupción ademais de crear inestabilidade política deteriora o ámbito das actividades económicas afectando a factores claves na saída da crise e moi especialmente ás Pemes, motores de desenvolvemento e de creación de emprego, pero extremadamente vulnerables cando entra en xogo a corrupción.

En liña ao exposto, é deducible que ante a complicación que representa o fenómeno da corrupción resulte imprescindible que expertos en materia afronten con urxencia a redacción dun estudo analítico, que aborde a súa natureza e efectos, e a seguinte paso, utilizar as conclusións para elaborar unhas directrices practicas coas que afrontar o seu proceso de erradicación e o rescate parello da transparencia democrática, poñendo especial énfase en recuperar o concepto de servizo público que debe cumprir a  función política.

Iso ten  de ser así, porqué tamén os moi patriotas ademais de entoar o seu himno deben lavar a bandeira.


No hay comentarios:

Publicar un comentario