12 jul 2013

AS VANTAXES DOS CORRUPTOS

PUBLICADO 06/07/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
O grao de deterioración que vive o país, institucións, representantes e demais aparellos da trama,  fai pensar que aquela transición da ditadura á democracia, aquel proceso definido como modélico e homologable a calquera democracia consolidada, non foi mais que un alarde publicitario.


Hai acontecementos históricos, que lonxe de converterse en referentes da posteridade quedan relegados ao papel testemuñal dunha eventualidade inadvertida, mentres outros episodios por remoto que sexa a súa orixe, en consonancia á carga de impacto coa actualidade e analoxía con feitos presentes, mais que un distraído espazo entre as liñas do sucedido,  manteñen plena vixencia como modelo  de contraste, para converter o pasado en prólogo inequívoco do noso futuro.

Pero aínda cando toda regra ten as súas excepcións, a corrupción por inxustificable, nin dispón de marxe de presunción nin tampouco admite absurdos amparos de procedencia, de aí, que resulta unha estupidez irnos cinco séculos atrás e botar man da arraigada tradición picaresca do país para establecer connotacións entre aquel sub - mundo marxinal do furto e o engano, cos notorios casos de corrupción e enriquecemento ilícito protagonizados na actualidade por un amplo elenco da clase política.

Pois tal correlación á parte de desafortunada, é un intento absurdo de equiparar a repercusión dunha reprochable picaresca co efecto demoledor da corrupción institucional, unha perversión que salpica á case totalidade das formacións políticas no contexto dunha complexa ensamblaxe, que ademais de poñer en cuestión a credibilidade dos representantes públicos, xerando dubidas de estabilidade no propio sistema, pola alarma social e o prexuízo engadido, que mais que unha lenda negra converte á corrupción nun  problema transcendente e a segunda preocupación dos cidadáns.

O grao de deterioración que vive o país, institucións, representantes e demais aparellos da trama,  fai pensar que aquela transición da ditadura á democracia, aquel proceso definido como modélico e homologable a calquera democracia consolidada, non foi mais que un alarde publicitario, un trámite de autosatisfacción, en síntese, a xulgar polos feitos, mais que o logro dunha conquista de transformación social foi unha prorroga dos peores hábitos do réxime absolutista precedente.

Un réxime democrático que se prece, non pode a ningún efecto ser relegado a un segundo plano da súa propia esencia, sendo inadmisible que mentres é cuestionada a vontade popular, as organizacións políticas que debesen cumprir a función de garante das demandas dos seus representados, lonxe de actuar en consecuencia acatando o mandato electoral, opten pola reprodución dunha segunda ditadura, coa única finalidade de deixar bo recado as vantaxes das organizacións de pertenza, a das súas bases militantes e demais achegados, implantando ao efecto un sistema de captura de rendas, onde o interese particular dos seus obxectivos sitúese por enriba do interese xeral da colectividade.

Estas prácticas pouco ortodoxas á parte dun expoñente expresivo da tendencia política á corrupción, é un referente inequívoco do malestar que produce a indignación, e o caldo de cultivo apropiado para que unha nova xeración con diferente compresión política e mentalidade renovada sexa capaz de facer posible un cambio de rumbo 
coa posta en marcha doutra transición, que en boa lóxica, deberá implementarse coa necesaria reforma da constitución para adecuar o seu contido ao desfase causado pola prolongada temporalidade da súa vixencia e a necesaria adecuación aos novos tempos.

Outra das razóns que demandan a renovación integral da cúpula política, é sen dúbida, poñer fin áinterminable historia de turbio financiamento dos partidos políticos, que en se mesma, polo seu carácter estrutural é o río revolto que concentra os maiores casos de corrupción e cuxa erradicación se antolla farto difícil pola dificultade que leva consigo o desmantelamento dunha complexa armazón na mentalidade duns presuntos implicados que a pesar das súas connotacións, sosteñen, que os seus excesos son a forma habitual de facer política.

De aí que non abonde en exclusiva cunha metamorfose de renovación de cadros, 
non 
podemos esquecer que o financiamento irregular dos partidos é tan antigo como a instauración da democracia e que a súa defectuosa disfunción temos de buscala na mala praxe dos propios políticos e as súas e organizacións, mais proclives a seguir desenvolvendo a súa actividade na contraposición xurídica, deixando a porta aberta ao chalaneo e o tráfico de influencias


Xa que logo, é obrigado tomar conciencia, asumindo, que a única finalidade da corrupción política é acumular poder económico, e en razón a iso, a súa continuidade só traerá consigo a prórroga do desprestixio político e a destrución da democracia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario