PUBLICADO 20/07/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
En política hai excesos imperdoables e os que incorren en prácticas corruptas non deben ter rexeneración posible.
Ironicamente, mentres o PP promove no Parlamento a Lei de Transparencia que supostamente persegue erradicar o escurantismo institucional, o Presidente do executivo négase a comparecer nesta cámara de representantes, para dar explicacións sobre as graves acusacións destapadas en sede xudicial polo ex tesoureiro popular Luis Bárcenas, nunha nova versión dos feitos que nos depara este elo do Gürtel, alentado esta vez o inesperado ingreso en prisión do seu principal protagonista.
Trátase de impactantes revelacións que supoñen un xiro copernicano ao declarado anteriormente, por canto o seu contido lonxe de ambigüidades incribles, destapa unha nova versión mais verosímil dos feitos, que resulta ser especialmente demoledora para o líder de Xénova 13 ao atribuírlle a percepción de sobresoldos en diñeiro negro, como tamén, ter tolerado o financiamento ilegal do partido conservador. Aspectos que por hixiene democrática o señorRajoy, en primeira instancia estaría obrigado a explicar con luz e taquígrafos ante o poder lexislativo, á marxe das decisións que sobre o particular decidira o poder xudicial, pois de confirmarse a veracidade das devanditas confesións, é evidente que tería incorrido en encubrimento, branqueo e tráfico de influencias.
A actual reacción á defensiva do máximo executivo do Estado, delata que é agora cando estamos ante a auténtica versión dos feitos, de aí, o radical cambio de posición mostrado, despois de cinco anos consecutivos defendendo publicamente a inocencia do seu ex correlixionario e a súa calidade de home honrado.
Sendo agora, en coincidencia co destape de inconvenientes secretos cando o Presidente decide mudar a versión de outrora para subscribir a teoría da chantaxe; toda unha clara manobra de evadir responsabilidades, mentres toma bautismo de hipocrisía ao tempo que, nun alarde de grandilocuencia manifesta que o Estado de dereito non se somete a chantaxe.
Afianzarse nun triunfo electoral desvalorizado, mentres se subestima un crecente clamor cidadán de réplica, non é propio de políticos intelixentes, mais ben, é unha mostra de insensatez de quen a través do engano e subterfuxios aposta por secuestrar a vontade dos electores ao tempo que desoe o descontento social coa malsá intención de desvirtuar a democracia.
Nociva tentativa de alterar a normalidade, para no medio da desorde oficializar a corrupción como norma de goberno; práctica estendida que aínda emanando do bipartidismo ten actualmente no PP o seu principal artífice; en razón a un acumulado de alarmantes prácticas que pola súa superada dimensión culminou os límites do escándalo para tomar escala de alarma social de primeira magnitude, nun contexto de frustración colectivizada. onde as palabras política e honradez se fan totalmente incompatibles.
E é nese marco de complexidade, exhibindo un irresponsable optimismo, onde o presidente Mariano Rajoy maltreito polos receos da corrupción, deambulando, transita ao fío dun grave conflito institucional que por carencia de responsabilidade ameaza con encistarse e poñer en serio perigo a estabilidade e gobernabilidade do país.
Non deberamos identificar a situación como un caso mais de corrupción, ou un escándalo que destapado polos medios de información acaba nos tribunais. Aquí a cousa é distinta e maior a súa envergadura, como o demostra o feito de estar ante a singularidade dun caso excepcional que afecta a multitude de lideres do partido do goberno, coa agravante incluída que entre os afectados está o propio presidente do Executivo.
Por máis afección que a falta de escrúpulos ocasione nas filas conservadoras, nada será comparable co prexuízo que eles causaron na estabilidade política do país, que mais que menos, era o mais importante baluarte fronte á crise, ao que haberá que engadir igualmente a depreciación da credibilidade ante o exterior. Sendo por iso agora indistinto, que consumada a quebra, Rajoy explique ou cale o que negociaba con Bárcenas.
En política hai excesos imperdoables e os que incorren en prácticas corruptas non deben ter rexeneración posible, e iso tamén deberan sabelo os máximos responsables da patronal, pois por mais que acudan en auxilio e outorguen cobertura de referendo ao actual xefe do Executivo, teñen de asumir, que despois da súa lamentable odisea sempre será un presidente baixo sospeita, que polo ben do país e limpeza democrática, non lle queda outra que presentar a súa dimisión e convocar novos comicios para que o pobo poida elixir a uns representantes fiables e confiables.
Ese que non outro, debe ser o único desenlace posible para os que se dedicaron a impulsar a apoloxía do hermetismo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario