Neste estado de extrema dependencia e autoritaria hexemonía xermánica, quedan poucas dúbidas para afirmar que o proxecto de Europa é un fracaso estrepitoso, por canto, perdeuse a esencia da súa finalidade, sustentada nun proxecto de cohesión político - social.
Protectorado alemán |
"Diga a verdade, é a primeira vez na historia deste
país que nos puxeron obrigas". Esta frase acusadora ten a súa paternidade
intelectual nun aguerrido Rajoy; sendo proferida a súa locución en foro
parlamentario dende o seu escano, cando como xefe da oposición arremetía contra
o seu antecesor no cargo, o ex presidente Zapatero, acusándoo de ser o
responsable de enterrar a nosa soberanía económica para converternos nun
protectorado alemán.
O certo era que a xulgar polas súas palabras, ao líder do PP, agora
presidente do Goberno, non lle faltaba razón en censurar a Presidencia de
quenda da UE, por canto, Rodríguez
Zapatero finalizaba a súa xestión cun balance desastroso; tanto era así, que
poñía termo ao seu mandato semestral deixando ao propio país coa "economía
intervida", e iso, a pesar os bos augurios que anticipadamente preconizara
a pitonisa oficial do PSOE, Leire Pajínco seu galáctico acontecemento
planetario.
Á marxe do anecdotario do disparate, agora, cando o resultados da
política do novo Executivo falan por se sós, é cando o Presidente en vez de
predicar co exemplo se empacha de contradicións, asfixiando a súa decaída
integridade na incoherencia dos seus anatemas de antano.
E así, o que entón resultaba ser un pernicioso protectorado alemán, a
tempo presente, transformouse nun referente de devoción, nun enclave onde a
sacerdotisa Merkel predica a doutrina neoliberal que resulta ser o sono da
dereita española, de aí, que agora a Rajoy se lle desinche aquel empacho patrio
e decida engadirlle crise á crise, renunciando ao principio de soberanía para
que o seu Goberno cinga o facer político ao exclusivo ditado do enxame político
teutón.
Á parte dos manifestos despropósitos do actual Presidente do Executivo,
neste estado de
extrema dependencia e autoritaria hexemonía xermánica,
quedan poucas dúbidas para afirmar que o proxecto de Europa é un fracaso
estrepitoso, por canto, perdeuse a esencia da súa finalidade, sustentada nun
proxecto de cohesión político social, entre cuxos obxectivos mais relevantes
estaba o reequilibrio económico territorial, é dicir, a eliminación das
periferias a través de significativos fondos estruturais coa finalidade de
uniformar a riqueza.
Pemes sen financiamento |
Pero o que se presumía factible, aínda cando os primeiros anos de
integración achegaba síntomas prometedores; como consecuencia da construción
neoliberal do euro e do BCE, quebrouse todo o proceso anterior, e por
imperativo dos intereses económicos do Bundesbank - banco central alemán, os
países ex periféricos volven a ser considerados no seu termo de orixe,
contrariando a lóxica colectiva que presidía as decisións iniciais,
circunstancia que impuxo a dinámica de centro-periferia como práctica
dominante, co despropósito engadido, que en axuste a este novo formato,
inversamente ao imaxinable, quen ostenta o papel de centro non é a Comisión
Europea, senón que o pleno dominio recae unilateralmente en Alemaña.
Aquí non caben mais ambigüidades políticas, e polo tanto, ante a
ofensiva a que estamos sometidos, os representantes institucionais mais que
pregarse a intereses espurios teñen de tomar posición decidida, pois dende a
responsabilidade do seu cargo de representación están obrigados a poñer limite
a estafa que actualmente sustenta a montaxe da construción dunha Europa, supeditada ao capital financeiro alemán en prexuízo do resto dos estados
membro; para evitar con iso que no conflito de compatibilidade forzada entre
democracia representativa e neoliberalismo non sexa este o triunfador da
contenda, pois os feitos avalan que o neoliberalismo non só é unha concepción
política económica, senón tamén, unha filosofía política e ideolóxica que
perturba todas as dimensións da vida social.
Por iso mais que dar continuidade a tan perigosa deriva,
estratexicamente, o obrigado sería establecer un consenso para que a UE
afrontase de partida a reformulación do seu deseño e a pluralidade da súa
finalidade, suposto contrario, a democracia terá os días contados e o futuro de
Europa terá alcanzado a súa mais que probable disolución.
Xuventude vía emigración |
Nesta dirección, resulta un anacronismos relegar o relevante ao plano do
accesorio, e en vez de forzar a restitución dos valores democráticos, caer na
complicidade de validar a disfuncionalidade existente e a primacía dominante, a
través de absurdas estratexias, como o pacto referendado por PP, PSOE, CiU,
PNV, UPyD, CC e UPN, cara ao Consello Europeo, clausurado onte, cuxo contido
foi un novo brinde ao sol, onde as reivindicacións formuladas sobre a unión
bancaria, o financiamento das pemes e o plan de emprego xuvenil, unha vez máis
quedaron nunha lista de bos propósitos por obra e graza da intransixente austeridade neoliberal
do protectorado amigo da emperatriz
Merkel.
No hay comentarios:
Publicar un comentario