PUBLICADO 22/06/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
A CEOE lonxe de significarse como o referente do vangardismo empresarial no sentido colectivo e plural, funciona como un lobby das grandes empresas, e fala por boca "do Ibex 35".
O escándalo aínda recente de Gerardo Díaz Ferrán, expresidente da CEOE, quen a semana pasada foi inhabilitado pola Xustiza durante 15 anos para representar ou administrar bens alleos, sumado, á desvergonza demostrada por quen fose vicepresidente da entidade,Arturo Fernández, quen en razón a denuncias cursadas polos seus propios traballadores se viu forzado a abandonar o cargo por incorrer en prácticas salariais pouco ortodoxas; foron senllas perversións que por excedidas, fixeron saltar a barreira da camuflaxe poñendo ao descuberto un conflito que por mais condición de actualidade que aparente, a súa matriz, é tan antiga como a propia institución.
Á marxe da probada proximidade de ambos os dous personaxes ás filas do PP, resulta evidente, que durante o exercicio de mando destes dous representantes no foro empresarial da CEOE, déronse cita ao completo todas as terminais da corrupción, entrelazándose turbias conexións entre a opacidade dos paraísos fiscais co non menos velado financiamento dos partidos políticos. Unha turbia deriva que veu a agrandar o desprestixio dunha institución, que a pesar da súa cuestionada lexitimidade, ten atribuída en exclusiva a representación patronal do país.
É nesta tesitura cando o actual presidente da organización Juan Rosell, trata de atallar ese desprestixio interno a través dunha modificación estatutaria, coa aprobación dun código de boas prácticas para que a transparencia e a ética estean presentes no conxunto de actuacións da patronal; referendo alcanzado co apoio maioritario dos asistentes á Asemblea Xeral clausurada o martes pasado, éxito que ao final será unha ratificación de pura formalidade con nulo valor efectivo e que por conseguinte, para nada alcanzará o obxectivo desexado polos promotores da iniciativa.
Iso débese a que a CEOE lonxe de significarse como o referente do vangardismo empresarial en sentido colectivo e plural defendendo as distintas sensibilidades na súa relación coas institucións, funcione tan só como un lobby de grandes empresas, cuxos membros falan por boca "do Ibex 35".
Práctica de representación que deixa á marxe a un colectivo de tres millóns de traballadores
autónomos ao igual que aos tres millóns duascentas mil Pemes, sendo significativo que mentres a CEOE avala as medidas do goberno e considera que a economía iniciou a súa recuperación, no extremo oposto, son estes dous colectivos os que lonxe de sumarse a ese optimismo esixen do goberno unha rebaixa de impostos e medidas financeiras que posibiliten a creación de actividade. Toda un reflexo de dúas realidades encontradas que por dispares en modo algúns poden ser resoltas no contexto artificioso dunha uniformidade prefabricada.
De aí que o dispendio de optimismo teña as súas matizadas reservas, e así, cando o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e os empresarios de elite, encabezados polo líder da CEOE, Juan Rosell, coinciden en manifestar que o peor da crise económica está superado e que a necesidade de afondar nas reformas iniciadas debe seguir o seu ritmo, tal percepción, non deixa de ser unha distorsión, un calculado deseño participado conxuntamente por un selectivo bloque empresarial en combinación co goberno conservador do PP, co obxectivo de alterar a realidade nun imprudente intento de encubrir o evidente
Pero o certo é, que tras ese finxido entusiasmo a certeza se encarga de espir as aparencias para situarnos ante unha realidade oposta, cuxos efectos indican que o derrubamento da estrutura empresarial mantén a súa tendencia ascendente, sinalando para o efecto, que xa son mais de 425000 o número de pemes e autónomos que tiveron que botar o peche nestes anos de crise, aínda cando a recén aprobada Lei de Emprendedores formalmente establece para ambos os dous colectivos medidas de axuda, estímulos e bonificacións fiscais, para mitigar os efectos da crise.
A pesar do contido do novo marco lexislativo, por consentida permisividade do Goberno coas entidades bancarias responsables da crise, son estas, as que esta vez coa súa dinámica de retención financeira seguen sendo o factor de constrición, e responsables do continuo desmantelamento do tecido produtivo.
Por iso ante esa actitude e á marxe do permanente escamoteo manifestado pola CEOE, o certo é, que as Pemes e os autónomos son a forza motora da nosa economía e os principais xeradores de emprego, por iso resulta necesario que de forma inmediata se establezan medidas de calado na dirección de salvar a obtención de crédito e liquidez. E sobre calquera outra medida, esa ten de ser a resposta debida para lograr a recuperación económica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario