15 jun 2013

MAIS QUE UN PACTO, UN DESIDERÁTUM

PUBLICADO 15/06/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia


Resulta un exercicio de frivolidade que en vez de abordar con determinación os grandes males estruturais da nosa economía, os membros da alternancia bipartidista intenten agora despistar a  vasalaxe que gardan aos mercados financeiros.


A crise, oficialmente recoñecida polo seu compoñente económico, tivo na destrución do sector da construción o seu factor desencadeante como consecuencia da política especulativa dos empresarios e a anómala xestión das entidades financeiras; colectivos, que gorecidos na permisividade urbanística que representaba a aprobación da Lei do Solo do PP, asumida en prorroga polo PSOE, fixo que durante unha década, a irracionalidade do referido marco lexislativo se convertese en fío condutor da apoteose inmobiliaria xerando a reprodución expansiva dun modelo de urbanismo inadecuado.

Todo iso, coa aquiescencia dos dirixentes dos gobernos de dual signo político, os que, a pesar da desaconsellable advertencia de expertos analistas, en vez de proceder en cautela tomando nota de dominio, fixeron oídos xordos sobre os riscos que se estaban a acumular. Errónea conduta que por se mesma foi a peor das decisións posibles.

Por iso que en razón ás súas actitudes irresponsables e desprevidas, hase de sinalar, que en primeiro termo foron as autoridades políticas os directos responsables do estalido da crise, pois a pesar do risco que tal permisividade entrañaba, admitiron que aumentase o endebedamento en beneficio da banca, e cando o erro debese ser referente de emenda, en vez de proceder en consecuencia apostaron por manter unha situación de persistencia, de aí, que contra todo prognóstico e a pesar da negación de resultados, na actualidade, sigan mantendo a absurda pretensión de intentar saír da crise sen acometer as reformas estruturais que desencadearon a súa xénese.

Así, o notorio desleixo e falta de reacción política, foi a escusa apropiada para que "a presión
dos mercados financeiros" levase a cabo o que sempre ambicionara esta elite dominante, tal era, ostentar o ámbito exclusivo do poder de Estado, para así dende a xerarquía de mando, impoñer o seu libre albedrío coa única finalidade de prodigar que o investimento nos sectores especulativos fora a directriz preferente en detrimento da economía produtiva.

Pero por mais empeño que os representantes políticos do PSOE e PP poñan en disfrazar a realidade e por mais sutilezas que ambas as dúas formacións empreguen en camuflar a súa obscena reforma constitucional de blindaxe oportunista  dos mercados especulativos; o que supera a desvergonza política, é, que os nosos representantes democráticos adxudiquen aos electores o papel de chibo expiatorio, chegando ao extremo, de esixir aos que non tiveron responsabilidade na orixe da crise, que paguen os pratos rotos, facéndoos asumir ao efecto o financiamento xeral. da débeda mediante políticas de austeridade ao só obxecto que as clases de renda alta non teñan que contribuír ao soporte do Estado.

Desafortunados plans de axuste, cuxo contido ademais de insolidario, lonxe de desempeñar un efecto estimulante cumpre a función oposta, provocando de forma inevitable a deriva da economía cara ao desastre.

En liña ao exposto, resulta un exercicio de frivolidade que en vez de abordar con determinación os grandes males estruturais da nosa economía, os membros da alternancia bipartidista intenten agora despistar a vasalaxe que gardan aos mercados financeiros, a través dunha montaxe de evasión, consistente na posta en escena dun pacto de conveniencia política entre Rajoy e Rubalcaba, a través dun armisticio exento de contidos transcendentes, pero con altas doses de valor simbólico, que para nada acelerará a recuperación, nin exercerá función revulsiva de ningún tipo. 

Mais ben acentuará a prórroga do estado de precariedade existente, dilatando a posta en marcha da mais que necesaria proposta de resolución integral, determinación obrigada pola situación dunha economía, que mais que arranxos puntuais, precisa a substitución completa dunha maquinaria que non funciona.

Xa que logo, resulta inaudita a estendida incongruencia ideolóxica de quen exercen de valedores do dogma neoliberal, e á vez, nun exercicio de disparatada dicotomía, intentan atribuírlle a este mesmo modelo político a calidade de xerador de emprego sen ningunha base empírica de sustento, cando é farto sabido, que en tal doutrina, un elemento crave no crecemento do sector financeiro de carácter especulativo foi a polarización das rendas do capital a custa dunha redución das rendas do traballo. Circunstancia que por derivación induciu unha lesiva repercusión na economía produtiva que levou engadido a mingua de emprego, para converterse en mostra concluínte, conforme sen a erradicación do devandito dogma é imposible afrontar con éxito a saída da crise.

No hay comentarios:

Publicar un comentario