31 may 2013

O RETORNO DO "DÚO QUILOVATIO"

PUBLICADO 01/06/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
Hai excesos inaceptables e este é un deles, pois cando un país sofre os rigores dunha crise económica, resulta cando menos intolerable que dous político millonarios, a soldo das eléctricas e da mass media, cun curriculum transitorio, teñan o descaro de erixirse en redentores da situación.

Por se o desvarío político non fose suficiente con Rajoy, o desatino toma condición de esperpento coa entrada en escena do "Dúo Quilovatio", esa parella de comparsa que 
conforman González e Aznar, dous expresidentes que amplificando a súa pensión vitalicia coa forza de enerxía que respectivamente lles reportan as eléctricas Gas Natural - Fenosa e Endesa, decidiron excluír do seu repertorio o aconsellable ritmo do silencio e saír á palestra para interpretar por separado a súa singular versión da "síndrome de Hybris", unha desmesura psicolóxica dos que perden o contacto coa realidade e incapaces de desconectarse de egocentrismo súmense na excentricidade narcisista coa única intención de alimentar o seu trastorno enfermizo pola conquista da gloria eterna.


Hai excesos inaceptables e este é un deles, pois cando un país sofre os rigores dunha crise económica, resulta cando menos intolerable que dous político millonarios, a soldo das eléctricas e da mass media, cun curriculum transitorio, teñan o descaro de erixirse en redentores da situación e sen o mínimo reparo, xogando a patriotas, intenten fascinar o cidadán da pé a través de fantasiosas receitas, coa malsá intención de despistar responsabilidades, coma se eles, ex presidentes de goberno estivesen por enriba do ben e o mal e fosen parte allea ao problema.

Aínda que ambos ex mandatarios, defenden fórmulas antitéticas para afrontar a crise, non obstante, son coincidentes en recoñecer que non a viron vir. Incomprensible casualidade dos que agora intentan evadir responsabilidades, cando é probado, que foron eles o detonante da súa orixe, toda vez que a crise non chega aos nosos días por xeración espontánea, e para tal efecto débese precisar, que nin a corrupción, nin o desmantelamento do modelo produtivo, nin a burbulla inmobiliaria, nin a decadencia do sistema bancario foron creados en tempo presente senón que son consecuencia das nefastas políticas dos anos oitenta e noventa, debendo recordalles polo tanto, que as causas do actual derrubamento mais que buscalas no tempo presente deben localizalas no espazo temporal que arranca coa transición e polo tanto que implica a ambos os dous ex mandatarios.

Felipe González debera apearse da súa altivez para evitar a persistencia no erro, e así poder
corrixir os seus desvaríos que non son poucos. De curar a súa permanente borracheira de poder e encontrarse a realidade, non lle quedaría outra, que asumir os prexuízos ocasionados ao país polo seu atordado ingreso na UE, cuxas consecuencias foron demoledoras, afectando a máis non poder ás actividades incluídas en reconversión como os estaleiros galegos e gaditanos, a minaría asturiana, Ensidesa, a industria de automoción e un extenso etcétera, que marcou o punto de inflexión dun boiante sector industrial, que dun 28,6% do PIB da época, como consecuencia do forzado declive caeu a mais da metade, ata se situar no actual 16,9%.
Engadir igualmente a mínguaa que representou para o sector primario, que dun 7,1%, quedou reducido a un índice simbólico do 2,7% do noso PIB.

O que Aznar chegou a definir recentemente como o seu milagre económico, realmente contrariando os seus postulados, tense que dicir, que non foi o mellor período da nosa democracia senón outro detonante do actual desastre; reafirmación sustentada no ficticio do seu soño inmobiliario cuxa excedida dimensión incrementou a exposición aos prexuízos da crise financeira mundial, arrastrando na  caída o país ao primeiro posto do ranking do paro de Europa. Sendo espectacular o descenso do emprego no sector, que dende o 13,3% da súa situación mais álxida, derrubouse ata un exiguo 6,4% con marcada tendencia decrecente.
Como agravante das súas fazañas de goberno, é Aznar quen consuma o colmo do disparate vendendo as grandes empresas públicas, operacións tan absurdas como ruinosas que privatizou a prezo de bagatela firmas que hoxe en día a pesar da crise repártense cuantiosos dividendos,Tabacalera, Repsol, Gas Natural, Argentaria, Telefónica, Endesa, Aceralia, etc.

Por iso que da interpretación do "Dúo Quilovatio", mais que destacar as súas milagrosas receitas, en boa lóxica, teremos de centrarnos en avaliar a súa verdadeira repercusión, caracterizada por unha terciarización da economía. Factor indicativo da existencia de fortes desequilibrios dentro da estrutura dos sectores produtivos que conforman noso tecido empresarial, extremo que cara á planificación dun programa empresarial contra a crise, fai obrigado que teñamos que considerar en primeiro termo a reorganización intersectorial, por canto, non existirá reactivación económica, sen a realización dun ordenamento previo dos segmentos produtivos necesarios.
Sendo conveniente polo tanto, que este par de ególatras baixen xa do pedestal...!.

No hay comentarios:

Publicar un comentario