1 feb 2013

ESTALEIROS EN DECLIVE


PUBLICADO 02/02/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia


A decisión de abandonar a execución do dique flotante, contrariamente á versión adúltera que agora se intenta vender, foi unha disposición política tomada en exclusiva polo Partido Popular, co pertinaz empeño de saldar o sector naval da ría ferrolá.


En asuntos políticos, deixarse ensimesmar pola mentira cando se coñece de antemán  a verdade  é unha  actitude  propia de imbéciles, de individuos   de escasas luces ou de marcada tendencia ás profecías. Por iso, entre persoas aparentemente  espertas, resulta incomprensible o seu  ostensible enfado  ao tomar coñecemento  da negativa  do PP en afrontar  a construción do dique flotante para Navantia,  cando antes de facerse público o rexeitamento, tal resolución,  xa era un clamor a voces, e por iso calquera intérprete por neófito que fose  debese traducir anticipadamente este desenlace, pois por extrapolación do  seu proceder rutineiro era un todo evidente que esta organización  política  faría todo o contrario  do ofertado electoralmente.

Por iso é de torpes considerar que o  naval ferrolán tería de ser un  verso solto, cando resultaba  notorio que  as estrofas redactadas  polo   partido conservador  manteñen idéntica secuencia nas súas rimas, dominadas por asonancias tales como  a mentira, o discurso  contraposto ou a omisión  programática. Sendo  exemplo expresivo da súa obra,  poemas tan  hostís   como  a reforma laboral, a destrución empresarial, os recortes en sanidade  e educación, a inxección de diñeiro público na banca privada, a amnistía fiscal    e todo un cúmulo de despropósitos    aos que por ostensible dedución, era visto que estes indolentes,  tentarían  engadir  o desmantelamento definitivo do sector naval.

Non obstante, sendo remisible o feito de ter outorgado confianza aos vaticinios, tema distinto é ter que tragar a posteriori coa autoproclamada inocencia dos cómplices. Con esa evasión que en evitación de fugas de reputación, sistematizan os políticos autonómicos, comarcais e locais do PP, a través dunha burda estratexia, consistente, en aparentar o papel de decepcionadas vítimas, e á vez, intentar confundir á cidadanía aducindo por toda xustificación, a necidade, de facer recaer en Navantia a culpa de tan adversa resolución; torpe manobra dirixida dende o aparato do partido, ao obxecto de saír airoso camuflando toda responsabilidade política.
Claro que tirando de tan absurdo argumento, tamén eu por agnóstico, seguramente sen decatarme, resultarei ser o bispo de Canterbury.

Aquí non caben encíclicas nin epístolas para crédulos, como tampouco alegacións incoherentes, por canto, a decisión de abandonar a execución do dique flotante, contrariamente á versión adúltera que agora se intenta vender, foi unha disposición política tomada en exclusiva polo Partido Popular, co pertinaz empeño de saldar o sector naval da ría ferrolá.

Determinación, que á parte de merecer  unha contundente repulsa, obriga a rescatar  o debate para traer a colación, tanto  a  cuestionada lexitimidade  que acompaña esta posición, como a controvertida autenticidade democrática do acordo desestimatorio.  Por canto  debemos  constatar , que o triunfo electoral do PP creou  ao actual   Executivo  un vínculo de obrigado cumprimento  co sector naval  en razón a senllos compromisos programáticos, como eran, a construción do dique flotante  e  o levantamento do veto. Representando  o abandono  destes contraídos,  unha infamia  que reviste  de nulidade  a expresión outorgado polas  urnas,  feito  que  ao suceder, ademais de consumar unha fraude electoral  adxudica á decisión a condición de afronta    política.

Nun procedemento  escudado  na falsidade  e a  mala praxe, o Partido Popular burlouse desta comarca  ao negar agora   o seu apoio  a unha demanda esencial  para a  continuidade dunha actividade estratéxica e por tanto  vital para  a sustentabilidade económica  e laboral. Nin unha cousa nin a outra, nin  construción do dique, nin levantamento do veto, este foi o veredicto deste tribunal "popular", unha  sentenza  que ten por única meta   suprimir a   continuidade da actividade naval, utilizando a dinámica de baleirar a carteira de contratación  e inducir con iso a  inactividade    que  xustifique  a desaparición do sector. 
Queda visto pois ,  que o PP nunca albergou interese algún por defender o futuro dos estaleiros, só aproveitouse da súa manifesta eventualidade para lograr rendementos electorais; estratexia que contou coa participación dos seus  aliados mediáticos na  temporalidade das campañas electorais, onde Rajoy e Feijoo,  rendibilizaron o resultado deste  deplorable  artificio.

Por iso, a pesar desta planificada adversidade,  a masa social da comarca de Ferrolterra  non se pode dar por vencida, pois non  é época  de distensión; agora mais que nunca é tempo obrigado  para reaccionar ao unísono, utilizando se é necesario a confrontación social para frear esta nova  fase  de demolición, este colofón de destrución masiva que representa  ser  o capítulo final  dunha morte anunciada tres décadas atrás. De non proceder en consecuencia  repetiremos erros pretéritos, co agravante que  esta vez non só seremos as vítimas  senón tamén os  culpables.

No hay comentarios:

Publicar un comentario