PUBLICADO 16/02/2013 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Atlántico Diario; Globedia
Aquelas políticas neoliberais que pola súa alta dose de impopularidade ocultáronse estratexicamente no fondo de armario electoral, agora, pasados os comicios impóñense como obxectivo preferente.
"Non cumprín coas miñas promesas, pero cumprín co meu deber". Quen anden distraídos da actualidade política, ao ler o contido desta introdución; pola súa carga de evasión e a súa tendencia ao pretexto, seguramente en primeiro termo non dubidarían en atribuír a súa autoría intelectual á mente exaltada dun militar golpista á usanza, que despois de atentar contra a orde constitucional, optase por xustificar o seu episodio involucionista amparándose nunha interesada interpretación do cumprimento do deber.
Pero contra todo prognóstico, neste caso o autor nin se esconde tras o anonimato nin tampouco vén ataviado con galóns militares, pois aínda resultando sorprendente, a paternidade de semellante desvarío, ten de atribuírselle, nin máis nin menos que ao cidadán Rajoy, quen para maior proxección de alarma, na actualidade ostenta a presidencia do goberno do país.
Representa pois un problema, predicir se a lixeireza expresiva do xefe do Executivo é consecuencia dun puntual trastorno de egocentrismo, se a actitude de extravío obedece á insuficiencia de hábitos democráticos, ou se a súa motivación vén causada pola confluencia de ambos os extremos .
O que está fóra de dúbida, é a carga reaccionaria que dita locución arrastra; por canto, resulta evidente que o implícito do seu contexto atenta de forma intolerable e perigosa, contra o funcionamento da democracia e contra a estabilidade do propio estado de dereito.
Proba diso, simbolízao o feito de minimizar relevancia ao incumprimento continuado dos contraídos que terían que estar supeditados ao mandato electoral. Mudanza, cuxa gravidade se dispara até pasar o límite da falsidade, máxime cando o PP non satisfixo nin unha soa das súas ofertas vinculantes; circunstancia que á parte de subtraer total solvencia ao seu facer político, por infracción manifesta, anula toda lexitimidade ao desempeño da función executiva do goberno, e por riba, suprime o poder de representación aos membros das cámaras de representantes que utilicen o seu voto para referendar aquelas accións que por contrapostas supoñan a consumación do maior desfalco electoral da historia democrática.
No entanto, se a infracción programática non fose carga de desprestixio suficiente, agora, aquel candidato que en novembro do 2011 conquistara a vontade popular asegurando que a súa conexión desde o goberno cos cidadáns estaría presidida pola sinceridade, a participación e a transparencia. Resulta que logrado o seu obxectivo, "manda calar" aos cidadáns, e nun alarde de arrogancia marca distancias a través dun testemuño de prepotencia, que acentúa o desengano, ao impor que a súa xerarquía está por encima da soberanía do Estado. Valga como alerta a tal afirmación, esa proclama de fachenda , cando unilateralmente, dende a súa cobiza enfermiza, Rajoy, decide suplir as normas de relación democrática por unha incoherente e exasperada interpretación do cumprimento do deber.
Tras esa manobra de obscenidade política cometida por quen se proclamara como un presidente previsible, se enmascara a infame misión dun deber ficticio, tras o cal, se oculta a verdadeira magnitude da maior fraude electoral cometida por unha forza política, e cuxo nivel de escándalo non ten parangón de contraste na temporalidade transcorrida dende os albores da transición.
As súas graves derivacións poñen ao descuberto a escasa vocación democrática que profesan os membros do PP, aos que lles é indiferente gardar a palabra, como tamén crear distancia entre obrigarse cunha cousa ou facer diametralmente o contrario. De aí que ese recorrente "cumprimento do deber" do que tira asiduamente o inquilino da Moncloa, mais que un método de ruptura de lazos de obriga, haxa de adxudicárselle a función de sistema condutor polo que facer circular aquelas políticas neoliberais que pola súa alta dose de impopularidade ocultáronse estratexicamente no fondo de armario electoral, e que agora, pasados os comicios impóñense como obxectivo preferente.
Polo tanto, xa non cabe a trivialidade de xustificarse na herdanza recibida, agora xa todos coñecemos os resultados e as consecuencias do que Rajoy insiste en denominar "cumprimento do deber". A masa electoral está ao tanto da metamorfose do embeleco, así como da imposición lexislativa dunhas medidas inspiradas nun neoliberalismo estéril. Mostra diso son os recortes en pensións, en sanidade ou educación, ao igual que a suba do IVE e ol IRPF, como asemade o rescate á banca, as taxas xudiciais ou os soldos dos funcionarios; medidas todas elas de nula eficacia e que para nada representa o cumprimento de deber algún, que si, a consumación dunha fraude electoral sen precedentes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario