"Se non fixeches
cousas dignas de ser escritas,
escribe polo menos
cousas dignas de ser lidas"
24 ago 2012
OS OUTROS FUNCIONARIOS
PUBLICADO 25/08/2012 EN :Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia
Antes de meter a man na carteira do cidadán, ou previo á aplicación das adversas políticas de recortes, o executivo de Rajoy, en primeiro termo, estaba obrigado a someter ao Estado a un estrito plan de adelgazamento, eliminando toda repercusión financeira a prol de partidos políticos, sindicatos e patronal.
Nin estado de dereito, nin estado de excepción; nin o un nin o outro. Na actualidade o modelo característico que rexe o noso destino atende a un novo formato que poderiamos acuñar coa denominación de Estado de Imposición, en correspondencia á teoría do seu afianzamento, consistente en acompañar toda acción política, toda medida lexislativa, por un compoñente impositivo encuberto.
Esta práctica desconcertante, pon de manifesto que a clase política ten colmado a cobertura das súas necesidades en razón á percepción das súas prestacións, que por avultadas, á parte de insolidarias, extravían a análise do seu patrón de referencia, motivando neles unha enganosa apreciación de uniformidade alcanzando a confundir o factor de equivalencia entre a potente capacidade da súa renda e a limitación retributiva que percibe a maioría social.
Así a xulgar polos feitos, no noso país onde temos máis políticos por habitante que ningún outro país da UE, os 76.895 cargos electos de tan ampla familia, por notoria deformación demostran atoparse fóra da realidade, non sendo conscientes ao parecer, da substancial diferenza entre o seu vantaxoso status e a desfavorable realidade maioritaria, cuxa principal característica se corresponde coa severa estreiteza que produce o salario mínimo dun crecente enxame de parados, ou no mellor dos casos, coa cinguida capacidade do soldo mileurista dos sobreviventes do tsunami do desemprego.
Claro que tal interpretación non deixa de ser unha expresión xenerosa, unha opinión tolerante coas actitudes do gremio político, pois a realidade dos actos apunta cousa distinta, coa semellanza dunha peza escénica onde a indecencia do poder toma papel protagonista.
Se así non fóra, antes de meter a man na carteira do cidadán, ou previo á aplicación das adversas políticas de recortes, o executivo de Rajoy, en primeiro termo, estaba obrigado a someter ao Estado a un estrito plan de adelgazamento, eliminando toda repercusión financeira a prol de partidos políticos, sindicatos e patronal, como tamén tería que suprimir de raíz, a desaforada contía de cargos públicos e postos superfluos de centos de miles de enchufados que viven a conta do erario público.
Paradoxalmente mentres se prodiga a "opresión fiscal", en tanto, a descapitalización da economía doméstica acentúase e a diminución de poder adquisitivo das familias faise cada día mais ostensible, o novo inquilino de Moncloa, no canto de frear excesos e apostar pola moderación, prorroga o ritmo de incontinencia do gasto público. Tal é así, que borrando da memoria as críticas ao seu predecesor sobre dispendio en materia de asesores, nun alarde de incongruencia, incrementa a contía dos seus conselleiros persoais até alcanzar os 632 membros actuais, coa inmoral ostentación que tal decisión carrexa.
Pero o colmo con maiúsculas da desvergoña do PP, reside en manter aos 368.673 políticos que por designación directa, son empregados en todo tipo de organismos e a todos os niveis da administración, convertendo ao nepotismo no novo sistema de oposición e á función pública na gran axencia de colocación da clase política.
Este séquito de eventuais nomeados a dedo, forman un armazón clientelar, unha forza de choque que os seus padriños potencian co só obxectivo de acabar vía suplencia cos funcionarios de caste como colectivo heteroxéneo, para así, controlar ao seu libre albedrío o funcionamento do aparello administrativo do Estado, sen sometemento á disciplina que impoñen, quen por vocación ao servizo público teñen por oficio esixir á clase política o pleno cumprimento da lei e o dereito. Regra sen hábito de observancia dunha clase política que non pon reparo algún en liberar aos seus afíns á conta das arcas públicas.
Por esa correspondencia de alianzas, esta garda pretoriana, ten status seudo político sen fixación a imperativos de restrición salarial nin a eliminacións de dereitos repercutidos á oficialidade funcionarial.
O carácter de normalidade outorgado á liberación de este exercito de enchufados innecesarios, á parte de supor un atraco descarado ao interese xeral, ten a condición dun exercicio de cinismo político intolerable. Pois ao amparo dunha petición de sacrificio colectivo para paliar os avatares da crise, tras a aplicación de medidas impositivas excepcionais que sitúan ao limite a capacidade dos contribuíntes, descubrimos atónitos que existe outra realidade de destino, outra finalidade de repartición, cal é, seguir mantendo unha montaxe inútil coa única finalidade de protexer a chupatintas e vividores.
A solución pasa por devolver aos funcionarios a súa lexitimidade e dereitos, e a este séquito de intrusos impresentables, devolverlles tamén, pero ao curral político de onde nunca debesen ter saído.
No hay comentarios:
Publicar un comentario