13 may 2011

O UNIFORME DO XENERAL

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 14  de mayo   2011



Mal iriamos neste  país, se despois de consolidar nosa traballada  democracia, por razóns  de disparidade, cada  quen tivese   por lexítima  a potestade  de cuestionar    os resultados dimanantes  da vontade   maioritaria dos  electores, máxime, se a diverxencia viñese  amparada na  xustificación que o  desenlace das urnas  inclinase  a balanza  a favor de posicións opostas á nosa  afinidade política.

Lamentablemente naquel xullo do  36 do século pasado, un fanático e aloucado xeneraliño, non satisfeito coa vontade popular,  fóra dos seus cabais, por ilícita disensión, a través das armas disolveu a orde constitucional  impondo  a etapa  mais dramática  da nosa historia contemporánea, onde a carencia de liberdades, conviviu durante  40 longos anos  co imperio das alcaldadas, arbitrariedades e tropelías.

Quen íntegra ou parcialmente viviron e padeceron aquela longa noite  da ditadura franquista, agora,  instaurado e estabilizado o sistema democrático, resultan ser excepcionalmente sensibles á hora de velar pola garantía  dos  dereitos e liberdades fundamentais, e notablemente esixentes coa estrita observancia  dos seus valores intrínsecos, por canto o seu logro e   conquista, á parte dunha  función tenaz e comprometida,  quedou referida  textualmente nunha carta colectiva   que non precisa de sobres nin dobleces por canto mantén permanente actualidade ao  tratarse  da   nosa  magna Constitución. 

Fundamentado o anterior, debésemos dar por sentado  que a estabilidade dos hábitos democráticos, ten de ser unha constante de acompañamento da actividade política, pero por paradoxal que resulte, as prácticas e os idearios circulan en dirección oposta e con cotiá notoriedade a referencia daquel ingrato pasado, reaparece como referente de actualidade  e como perigoso  prólogo do futuro, e así, o que debese ser unha fantasía do ficticio, con asidua iteración transfórmase en desagradable acompañante das nosas  vivencias.

É manifesto que ademais  da complexidade que induce  o cambio de ciclo económico como causante   de inestabilidade social, actualmente, para maior abundamento, temos como engadido inverso, o factor dual dunha crise política e de representación, que conxuntamente, sumiron  á nosa sociedade no máis alarmante conflito de valores desde a instauración do réxime de liberdades, facendo cuestionar a validez  do actual modelo como sistema apropiado de convivencia,  circunstancia que sen  paliativos orienta  a  reformulación  democrática.


A orde social ten que tomar protagonismo, e as institucións son obrigadas  a recuperar a credibilidade e a confianza, non podemos asumir como estable o desequilibrio permanente, sendo imprescindible a imposición preferente  do cumprimento da lei, sen distingos entre cidadáns e  a clase  dirixente.

Agora cando só resta unha semana para a celebración dos comicios electorais, aqueles candidatos que  opten a conquistar unha credencial de representación  en institucións públicas,  xa sexa por prórroga renovable ou por novo desembarco, debesen deixarse de coquetear coa quimera  e centrar súa mensaxe na racionalidade do  tanxible, pois o aleatorio  adoita ser produto do azar e o que os electores precisan é coñecer a autenticidade do candidato.

Obviamente ao elector asístelle o dereito  de coñecer a catadura moral do candidato, o límite da súa aspiración crematísticas, seu respecto e disciplina ás leis, é dicir, o elector ten que dispor dunha radiografía  determinante do grao de confianza  que pode depositar no candidato que concorre aos comicios, para asegurarse que o resultado do seu exercicio como votante, non tome  a curto prazo  corpo de fraude electoral.

Un elector non pode correr o risco de outorgarlle  o voto a quen pola súa voluble persoalidade,  unha vez alcanzado a credencial, exerce seu  labor de representación,  sen  disciplina, reparo ou acatamento ás determinacións e regras que rexen a función pública, ou  facendo caso omiso dos informes vinculantes emitidos polos responsables técnicos ou xurídicos  que  asesoran e fiscalizan o facer das corporacións  municipais.

A democracia, é a  constante posta en valor dos activos que sustentan  o réxime de liberdades, e os cidadáns, temos o dereito  de estar representados por auténticos demócratas, e se algún candidato ten reminiscencias  das funcións e hábitos absolutistas de épocas pretéritas, entón,  no canto de concorrer aos comicios, atendendo os seus instintos, debese cumprir a gala   uniformándose á semellanza do ingrato xeneral.



No hay comentarios:

Publicar un comentario