21 ene 2011

O LABIRINTO DAS ANDRÓMENAS

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado,29 de enero del 2011



Se alguén de incógnito e sen arbitrar   exhorto,  chamase á túa porta para ofrecerche desinteresadamente  información detallada sobre a existencia  dunha trama política - empresarial, imaxino que en primeiro termo a incredulidade  e a desconfianza apropiaríanse da túa persoa  e máis que curiosidade por acceder ao contraste  de veracidade da oferta, tentarías evadirte e evitar a   entrada informativa ao  labirinto das  andrómenas, non fose resultar, que as hipotéticas vantaxes que che brindaba  o coñecemento á identidade dos implicados, transformáranse  nun risco  irreversible que puxese en serio perigo  túa integridade e a dos teus achegados, pois compre non esquecer,  que o acceso ás verdades comprometidas adoita resultar altamente perigoso.

O lector, ha interpretar  que a  abertura desta crónica ten  carácter alegórico, pero tamén ten de saber que sen modificar un chisco, sen mover un punto nin unha coma,  o seu contido pode converterse  nun expoñente empírico dunha  realidade  contrastable, e tal  dualidade  non atende a un poder máxico do teclado do articulista, xa  que a sorpresa  vive na continuidade do tempo, e por iso,    paradoxalmente, día se e día tamén, almorzámonos con novos  escándalos de corrupción participados pola comitiva de comparsas do delito, que promoven os seus saqueos agachados  na impunidade institucional,  coa propulsión que lles outorga a disposición  dunha  credencial electoral,   que representa ser a   tapadeira por excelencia, para  converter a  honra en ignominia.

Resulta frustrante, comprobar como co paso do tempo non se afianzaron as boas maneiras nin os hábitos  democráticos, entrañando tal circunstancia máis que un  freo a condutas desviadas  de norma, unha disfuncionalidade de dirección oposta, que estimula as apetencias  e voracidade dun amplo sector da  clase política,  que instalada nas institucións, á parte de adxudicarse  unhas prestacións económicas  que por excedidas e disparatadas  soan a saqueo das   arcas públicas, pero por se iso fose pouco, apostan  por incrementar seu patrimonio e nivel de vida, a través da   posta en práctica de métodos e sistemas discordantes coas pautas  que deben presidir o procedemento, funcionamento e bo goberno  dunha plataforma  común como resultan ser os organismos corporativos públicos .

Está sintomatoloxía, demostra que  a transición política quedou a medio camiño,  pois nun  país, con 30  anos  de historia  desde o inicio da transición política, se ante a  primeira eventualidade económica, o goberno ten de  rebaixar o listón das  prestacións sociais e  situar  ao  sesenta por cento  dos cidadáns por baixo do limiar da pobreza, é evidente  que a democracia pola coexistencia  coa súa propia antítese e a permisividade dos excesos cometidos, non só decaeu do seu autentico significado, senón que nunca se consolidou.

Polo visto cando cacarexamos   paternidade de ter realizado unha transición  política exemplarizante, mellor deberiamos estar calados,  pois máis que certo, tal asunción é pura vaidade.

Pero a indignación acrecéntase   cando descubrimos  que o verdadeiro patrón da   finxida estabilidade do sistema  resulta chamarse  cleptocracia, é dicir, unha forma de democracia “sui generis”, cuxo poder executivo e  control interventor, recae exclusivamente en suxeitos  que fan da actividade política súa alternativa e solución de vida, e tal circunstancia e dependencia,  mais  que ser remedio contra a corrupción, incentiva ambicións e posibilita a utilización do cargo público  para obtención de beneficios persoais.

Por mais que a prosaica elite política, tente proxectar ao exterior  un novo look, unha imaxe  do noso país como un expoñente de seriedade, modernidade  e de progreso, mal que lles pese e gracias a eles,  seguimos encaixando á perfección  no estereotipo de “Spain is different”, pero agora á parte de propagar a paella, os touros e o flamenco,  podemos publicitar  os subornos e a  corrupción, pois tamén en isto resultamos ser portada exclusiva para  Europa. 

Sen dubida  existen  aspectos de contraste ilustrativos  para  arrogarse a continuidade dentro do argot  “different”, pois mentres nunha cidade europea de entre 200 e 500 mil habitantes, poden estar a soldo o alcalde e dous representantes políticos, o verdadeiro poder executivo funcional osténtao un staff directivo de dimensión acorde as necesidades reais, conformado por profesionais nomeados por maioría cualificada dos representantes electorais, coa singularidade que para evitar graos de dependencia política,  o  período da estancia  non é coincidente co ciclo electoral.

Contrariamente no noso pais como non podía ser doutra maneira, a contaxiosa enfermidade da  politización excedida das institucións públicas, fai que  o partido que accede ao  goberno local en solitario ou en coalición, á parte de prodigar a figura da dedicación exclusiva do cargos electos, complete tales  excesos, co nomeamento  dun tropel de altos cargos e asesores, cuxa lealdade política está por enriba de cualificación ou méritos , e, á vez, establece unha maraña de padroados, unha malla de negociados  con plena reserva de nomeamento  do seu cadro de  persoal. Resultando pois, que nunha cidade media española semellante á do exemplo europeo, son centos  os  asalariados con dependencia política do partido ou coalición triunfadora electoralmente

A democracia por se mesma  non é medicamento contra a corrupción, a solución pasa pola modificación urxente  da  lexislación en materia,  e velar por que súa aplicación á parte de taxativa teña condición de rixidez   disciplinaria, e opere como alarma anticipando á entrada en escena de conflitos  de intereses e do enriquecemento económico impropio.

Pero as medidas disuasorias ademais de diminuír o monopolio da estrutura política, teñen  que afectar aos corruptores potenciais, de tal xeito que ambas  partes, pola  rigorosidade do novo marco legal e os prexuízos derivados , entendan por adiantado que o  risco de detección e sanción é superior aos beneficios acadados .

 Mentres isto non aconteza hai corrupción para longo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario