PUBLICADO EN : Galicia Confidencial; La Opinión; Globedia
A pandemia do Covid-19 sitúanos nunha encrucillada sen precedentes en “tempos de paz”, que fará variar no substancial o formato do actual sistema e deixará unha fonda pegada no conxunto da sociedade, cuxos efectos se recruarán de seguir utilizando o virus neoliberal como antídoto.
Desde que entramos na Unión Europea foi incesante o bombardeo publicitario sobre as bondades que reportaba a pertenza a este ámbito xeopolítico, ata o punto de facernos crer que dispoñía de capacidade sobrada para neutralizar a primacía militar e económica que representan China e EE. UU; cando lonxe de ser certo a evidencia veu indicar que se trataba tan só dunha unidade de desavidos.
Tal é así que pasados 60 anos desde a súa fundación e 72 anos desde o fin da II Guerra Mundial, aquela alianza constituída co obxectivo de lograr unha paz perdurábel en Europa e cohesionar un bloque político e social a través do fortalecemento dos países membro, a UE pasa pola peor etapa da súa historia, ata o extremo que na actualidade non é máis que un Sansón co pelo rapado, unha imaxe oposta ao potente xigante que se nos tenta vender
O fracaso do proxecto da Eurozona consumouse iniciada a década dos oitenta, cando se aplicaron as políticas neoliberais coa creación do euro, pois a partir de entón, o dogma neoliberal é quen domina ao completo as políticas dos gobernos, e é aí onde radica o problema, que se fai máis intenso naqueles países, onde foi aplicado con maior severidade e crueza.
Que ninguén pense por tanto que a actitude do neoliberalismo ante a pandemia do Covid-19 vai ser distinta á mantida #ante a crise iniciada no 2008, pois a pesar dos perniciosos efectos que induciu a xestión daquel transo no benestar xeral, a actitude que mantén a Unión Europea diante a nova eventualidade segue sendo a dun armazón burocrático disposto a manter ex profeso a ortodoxia económica ultraliberal ´sen que lles preocupen o máis mínimo os efectos colaterais do seu impacto.
Coa xente confinada e sen trazas por tanto dunha reacción popular, todo vén indicar que diante o coroa virus a Unión Europea comandada polo neoliberalismo manterá idéntica tónica e non se poñerá ao servizo dos afectados ao nivel que require a situación, polo menos iso é o que expresa o naufraxio do cume dos ministros de Economía do euro á hora de acordar unha resposta conxunta ante a praga vírica, e iso a pesar que entre outros prexuízos foi o austericidio neoliberal cos seus recortes o responsable do enfraquecemento sanitario que actualmente se advirte.
Usando a estabilidade como escusa desmantelaron en gran medida todo aquilo que tiña que ver coa sanidade pública , finiquitando camas de hospital, pechando baixo sete chaves plantas enteiras , ao tempo de amortizar as prazas do persoal sanitario público que xubilaron, mentres en paralelo atomizaban as listas de espera ata extremos de provocar a desatención preventiva, sen que a xulgar polos feitos albísquese intención algunha en cambiar o paradigma vixente desde a crise pasada, en tanto, seguen multiplicándose os contaxios e os falecidos e cando isto ocorre, cando non se antepon o dereito á vida a calquera outra consideración, posibilitando de facto que o goberno das finanzas destrúa a “Europa social” , resulta obvio que diante tal tesitura a continuidade do noso país nese club é cando menos unha incoherencia fatal.
Debemos ter moi presente que a Unión Europea que agora nunha situación extrema resístese a emitir a contía necesaria de “coroa-bonos” cos que poder mitigar o impacto económico-social inducido pola pandemia do Covid-19 ,non só é a mesma institución que referendou o rescate bancario con fondos públicos, senón tamén, a que mensualmente habilita decenas de miles de millóns de euros para a súa dación ás entidades financeiras.
A total ausencia de dirección colexiada e carencia de cohesión ante esta calamidade vírica, indica sen erro a equivocación que estamos no principio do fin do futuro da Unión, que ao ser invadida na súa estrutura funcional polo neoliberalismo, pasou a manobrar como un mercado planificado para beneficio exclusivo das elites transnacionales-financeiras do capital.
E se cando diante ante unha catástrofe de semellante envergadura reafírmanse na insolidariedade especulativa non cabe máis tolerancia que proceder en consecuencia e en defensa do interese xeral investir o tándem privatización de beneficios – socialización de perdas, coa responsable determinación de poñer punto final á función xerárquica que ostenta o “neoliberalismo” no goberno da UE.
De non proceder nesa dirección, máis aló das vítimas que queden polo camiño, a traxedia social irá acompañada deseguro dunha desfeita económica sen precedentes, con grave convulsión social, que traerá consigo unha hecatombe sen paliativos que dexenerará de forma extrema en perxuicio das condicións de vida da cidadanía
No hay comentarios:
Publicar un comentario