PUBLICADO EN : Galicia Confidencial; La Opinión; Globedia
Quen desde a esquerda queira reorientar a función política, debe ter presente de antemán que mais alá das aparencias, polas súas marcadas connotacións co neoliberalismo o PSOE é alleo a ese ámbito de acepción ideolóxica.
A ninguén minimamente documentado debe sorprender a celebración dunhas novas eleccións, pois o fracaso da investidura lonxe de obedecer ao desencontro conxuntural que se aduce, atende a un plan urdido moito tempo atrás, preconcibido mesmo antes da celebración dos comicios do 28A, como consecuencia do intento do PSOE en reconciliarse cos grandes do IBEX a efecto de relaxar o descontento mostrado por estes despois dos pactos selados tras as municipais e autonómicas do 2015 que facilitaron a conformación de gobernos de coalición e progreso a través de pactos puntuais con Podemos, e que a xuízo da gran patronal levou a unha "deriva radical" cuxa reconducción cara á centralidade política foille esixida en contrapartida a estabilizar o marco de relación
O empeño dos membros desta oligarquía empresarial en impoñer ao seu antollo o goberno do país mediante manexos e malas artes non é nada novo; non reparando o máis mínimo en utilizar todas as medidas ao seu alcance para a consecución de tal finalidade, ata o extremo de arrogarse como propia a representación da vontade popular, sen que represente obstáculo algún o historial das súas turbias prácticas mercantís, onde se mesturan quebras e rescates bancarios con hábitos de corrupción e a constante rotación de portas xiratorias.
Por iso, quen desde a esquerda queira dar pasos en positivo cara a un novo tempo político, máis aló de deixarse levar por artificios mediáticos e versións adulteradas, debe saber de antemán que o PSOE é alleo a ese ámbito de significación ideolóxica, pois á hora da verdade a súa práctica política é reflexo do fundamentalismo neoliberal e de acatamento ao mandato dos mercados; formulacións diametralmente opostas aos postulados pola esquerda real e progresista, máis proclive a implementar un cambio de modelo que salvagardando o marco de liberdades propicie maiores cotas de prosperidade, desde dinámicas de crecemento, e sempre, tendo presente o cumprimento do mandato electoral.
Quen como Podemos teña en mente cambiar o rumbo da situación ten de asumir que tal labor é de imposible consecución en tanto o PSOE leve a voz cantante, pois aínda resultando o menos malo dos dous partidos hexemónicos que se alternaron no poder desde 1982, en ningún momento actuou en liña de crebar a estrutura e a cultura institucional herdada do franquismo; máis ben ao contrario, optou non só por manter a súa prórroga senón que introduciu á vez no ADN do partido o máis radical neoliberarismo.
Tal é así, que despois de ostentar durante vinte anos funcións de goberno, a pesar do suposto carácter socialista non só demostrou non ter coraxe para domar ao capitalismo, senón que medorento da súa xerarquía someteuse en todo momento aos ditados dos mercados e demais poderes financeiros, sen reparar o máis mínimo no prexuízo repercutido da súa actitude cara aos intereses de quen supostamente representaba.
Nesta tesitura as desigualdades máis que remitir téñese cronificado, e ante tan notoria evidencia , lonxe de afrontar medidas paliativas o PSOE segue sen enfrontarse ao poder económico aburando a complexidade do maior problema do país, que en clave de desigualdade social na actualidade ten fóra do sistema a 12 millóns de españois, facendo que a hipótese coa que naceu Podemos estea hoxe máis viva que nunca.
Pero a cúpula dirixente de Podemos parece pechar os ollos a esta evidencia, aparentando descoñecer igualmente que o seu discurso político é visto por unha maioría social como coincidente ao do PSOE; e se ademais engadimos a iso que tras a viraxe – retórica- da socialdemocracia europea cara ao multiculturalismo, ao ecoloxismo e ao feminismo asúmese como propio o programa socialdemócrata do Estado de benestar, deixa sen moito espazo a unha formación morada que por revisionismo dos sesu postulados aparece como un mero corrector moral ou cuantitativo do orixinal socialista.
Cando os problemas de fondo que nos conduciron á crise en 2007 seguen indemnes, resulta un despropósito formar parte dun Executivo a cuxo Presidente lle pode máis a proximidade neoliberal que domina ao PSOE que a idea de iniciar un proceso de cambio real, tanto do modelo económico como do modelo de Estado, por iso é polo que Podemos debe absterse de participar no mesmo, aínda e cando como mal menor preste a súa dispoñibilidade e man tendida para facilitar a súa conformación en rexeitamento de novos comicios.
Polo demais para que Podemos funcione en clave de racionalidade, debe proceder en consecuencia co establecido no seu ideario primixenio, centrando a función política no ámbito lexislativo e na mobilización social, desempeñando para o efecto funcións efectivas de oposición con renuncia expresa á lóxica neoliberal, pois na actualidade a súa controvertida traxectoria caracterízase por actuar seguindo expresamente o discurso que viña desterrar
No hay comentarios:
Publicar un comentario