6 jul 2019

Ao PSOE ráscanlle as marchas

PUBLICADO EN :  Galicia Confidencial; La Opinión; Globedia



Aínda sen mediar impedimento de inhabilitación, para desempeñar cargo público, eticamente, é un despropósito a concorrencia electoral e o exercicio de representación política de quen incorreu en quebrantamento de condena firme.

Salvando o sobresemento, no procedemento penal a sentenza é quen pon punto final a todo proceso xudicial, que de resultar condenatoria e firme é de obrigado cumprimento, pois suposto contrario ,é dicir de quebrantarse, estaríase a incorrer noutro ilícito penal por incumprimento da condena imposta, ou o que é o mesmo, por ataque á función xurisdicional no seu específico labor de executar o xulgado.

A Xustiza desempeña a función máis axeitada  na resolución dos conflitos, agora ben, para facer efectiva a súa condición de servizo público eficaz, teñen de utilizarse todos os resortes posibles ,de tal xeito que se garanta o cumprimento das resolucións ditadas por aqueles que teñen conferida tal función; e iso debe ser así porque a democracia fundaméntase non só na división de poderes senón no sometemento de todos ao imperio da Lei e por conseguinte ao estrito cumprimento das resolucións xudiciais.

Por tanto a obrigatoriedade de cumprir coa disciplina legal é de “todos e todas” sen excepción, aínda que, quen desempeña a función política aténdose ao compromiso ético que teoricamente ten establecido coa cidadanía non só debese acatala senón velar polo seu estrito cumprimento, un obxectivo de difícil consecución nun país onde o sentido da moralidade está conectado coa cantidade de engano co que os representantes institucionais atópanse cómodos.

Tal indicador non ten visos de cambiar, pois para que así fóra, a ética e a política terían que circular na mesma dirección, situación oposta ao que asiduamente está a suceder, tendo en conta que ante o desmedido interese por ocupar un cargo e permanecer nel, os partidos políticos lonxe aplicar unha óptima selección de candidatos con garantía de bos principios e valores éticos, seguen promocionando os perfís menos apropiados para o desempeño da devandita actividade o que facilita a proliferación de comportamentos antiéticos no ámbito público, dando pé a que a cidadanía deixe de confiar nos seus representantes e mesmamente  nas institucións.

Esta falta de control favorece que o acceso á función política sexa un sumidoiro do mais infecto, chegando ao colmo que no concello de Fene a implicación nun quebrantamento de condena xudicial, non foi obstáculo para acceder á función política vía aspirante á Alcaldía, aínda que a maioría dos electores eran totalmente alleos aos complexos lances coa xustiza e ao despropósito engadido que só sabían a súa condición de cabeza de lista a proposta por un determinado partido político.

Se a iso agregamos o distanciamento entre a política e a cidadanía, o anoxo do pobo polo extravío da súa finalidade e o seu afastamento do ben común, tal circunstancia condúcenos a reformularnos en corrección quen pode exercer a política e en que condicións debe facelo.

Cando polo ben xeral é crucial ter aos mellores á fronte da política non se pode dar continuidade á mesma dinámica para a selección dos aspirantes que en recomendable corrección debe seguir outros canons que favorezan determinar quen pode estar na política profesional , de que modo e con establecemento de límite de temporalidade; pero ademais, hase de transparentar todo signo de opacidade, por iso é polo que quen aspire a ser político, pola súa condición de persoa pública ao servizo da comunidade debe asumir , que a sociedade ten de estar ao corrente de toda a súa vida pública, acceso ao seu currículo oculto en aras a despexar toda incógnita, do mesmo xeito que referencia expresa do seu nivel de ética.

Á vista dos feitos todo vén indicar que aquelas promesas de rexeneración que no seu conxunto proclamaban as organizacións políticas garantindo exemplaridad e transparencia, volvéronse papel mollado, pois resulta evidente que nos últimos tempos o debate sobre o particular desapareceu do discurso político, poñendo de manifesto que foi mais unha moda pasaxeira que a intención de crear as bases de sustentación dun sistema democrático solvente, e así, cando a situación  política segue a ser a segunda preocupación dos cidadáns non só apárcase o debate sobre a súa  rehabilitación  senón que se aproveita o estancamento para afianzar a colonización que os partidos fan das institucións, e con iso o control interesado da xestión cotiá da administración.

Unha vez máis os males estruturais da política española quedáronse en rexeneración interruptus, e como referente, no concello de Fene un PSOE á vella usanza instálase no esperpento facendo caso omiso ao quebrantamento da lei e favorecendo para mais inri o amarre institucional da dereita .

No hay comentarios:

Publicar un comentario