9 nov 2018

Neoliberalismo: Parapeto ultra



 PUBLICADO EN :  Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia

Mentres falar de democracia equivalla a oficializar a superioridade dos máis poderosos, o ascenso da ultradereita farase imparable, e non decaerá, en tanto manteñamos o modelo neoliberal como sistema de desenvolvemento político, económico e social.

O núcleo ontolóxico do neoliberalismo é antagónico por natureza coa democracia, por canto, a súa propagación viral é diametralmente oposta á idea dunha sociedade igualitaria, pero tal diverxencia non é nada novo senón reflexo dunha eterna confrontación, pois lonxe da aparente sincronía debemos ter presente que a clase capitalista segue proclamando na actualidade que o sufraxio universal mais alá de ser un dereito inalienábel é unha ameaza que facilita que a maioría democrática poida abolir os seus privilexios.

Se durante a cuarta e quinta década posteriores á postguerra accederon de mala gana a redistribuír a riqueza no contexto do estado de benestar e a regulación do proceso económico por parte do Estado, dando aparencia de igualdade, estabilidade e un mellor nivel de vida para a cidadanía , co estalido controlado da crise do 2008 a tirantez fíxose notoria pola repercusión dos seus efectos que produciron unha diminución na rendibilidade do capital do mesmo xeito que a caída en picado da taxa de crecemento.

Circunstancia que aproveitaron non só para forzar o desmantelamento gradual daquel estado de benestar senón tamén para instaurar a precariedade en todo o relacionado coa esfera económica laboral, ben fose a través da xeración de inestabilidade no emprego ou mediante a redución salarial, restricións auxiliadas estratexicamente pola imposición de políticas de detención do crecemento e intensificación da desigualdade, e todo, coa expresa determinación de minar a democracia e evitar así que a vía electoral puidese influír nas decisións fundamentais da vida económica.

É dicir, cando a incidencia da crise pola súa condición de fracaso debese derivar nunha moderación posneoliberal, contra todo prognóstico, o que aquí realmente estase consumando é un proceso de radicalización do neoliberalismo e iso facilitado pola cobertura prestada por unhas forzas políticas afíns que ostentando a función de Goberno mais que dar prioridade ás persoas transixiron con esta minoría.

Sendo mostra de tal dicotomía a conversión dunha crise de débeda privada, xerada polo propio bloque oligárquico neoliberal, nunha crise de débeda soberana, cuxo montante sen xustificación algunha terminou sendo repercutido sobre a totalidade dos contribuíntes, e cando isto ocorre e é a cidadanía quen ten de asumir como propia a cuantiosa factura orixinada pola mala praxe dos especuladores financeiros, tal anomalía é indicativa do desprestixio político e por conseguinte da débil saúde democrática que padece o país.

Asistimos sen inmutarnos a unha subxugación en toda regra do mal chamado Estado de Dereito, mentres os directos responsables de tal coerción non decaen no seu empeño de validar o anómalo adxudicándolle clave de normalidade, utilizando os resortes propagandísticos ao seu alcance a través da mass medía especializada en fabricar e difundir o discurso do poder oligárquico; un prosélito mensaxe cuxa divulgación ten por finalidade facer crer que non pode haber outra lóxica política distinta do neoliberalismo e que as políticas de austeridade son incuestionables.

Coa fractura do consenso social a reacción dos gobernos de corte neoliberal, amparados politicamente polos teóricos representantes da cidadanía, lonxe de articular medidas paliativas que favorecesen un cambio de rumbo, non fixeron mais que manter a continuidade do sistema e ante a mobilización social  decantáronse pola aplicación de reformas coercitivas do Código penal e o endurecemento da represión; xerando con iso unha frustración colectiva na sociedade.

Este empeño en manter a aplicación das políticas neoliberais ademais de perpetuar o inservible, crea un sentimento de abandono e frustración nun amplo sector da poboación que marxinado polos seus efectos e desatendidos polas institucións políticas, na súa orfandade convértense en referentes de conquista dunha emerxente extrema dereita que sen complexos á hora de levantar a voz faise receptora das iras de moitos sectores marxinados e afastados de toda solución. 

Pois sabido é que a extrema dereita prospera sumando ás súas filas ás vítimas do neoliberalismo, ás que lles promete volver a un pasado idealizado de orde e prosperidade, é dicir, que o auxe da ultra dereita é consecuencia directa das políticas de austeridade e do afundimento dos principios de democracia, xustiza social e solidariedade, e en tanto non cambiemos de modelo o éxito da dereita radical estará garantido. 

Pero visto o visto todo vén indicar que lonxe de proceder en corrección os políticos cómplices da situación mantendo a súa traxectoria de revisionism encartaranse á teoría de Hayek, defensor a ultranzas do neoliberalismo, e mais que cambiar as cousas en positivo, asumirán abolir a democracia para rescatar ao capitalismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario