3 sept 2018

Concellos e insuficiencia financeira

PUBLICADO EN :  Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia


Para dotar aos entes locais das condicións políticas e económicas adecuadas coas que poder ofertar á cidadanía os servizos que demandan, é imprescindible a instauración dun novo marco legal de financiamento local en substitución da caduca e inservible lexislación vixente 
Na actualidade, os concellos á marxe do signo político do Goberno de quenda, atópanse sumidos na peor situación económica desde a instauración da democracia. 

As entidades locais como administracións máis próximas ao cidadán non poden seguir exercendo o papel de cincenta da administración pública , non deben asumir por máis tempo o incremento de tarefas nin afrontar novas competencias sen a transferencia dos medios económicos de acompañamento, pois tal dinámica rematará por empeorar aínda máis a súa debilitada saúde financeira ata o extremo de conducilas de xeito irreversibel  a unha situación de quebra técnica.

É un contrasenso que á parte de negar aos concellos o recoñecemento dunha débeda histórica pola prestación de funcións impropias, cando a asfixia económica acentúase ao perder unha das súas primordiais fontes de recadación vinculadas ao urbanismo, e consolídase unha situación carencial xeneralizada, no canto de establecer medidas fundadas na lealdade institucional que contribuísen a garantir a súa suficiencia financeira desde a corresponsabilidade das Administracións de rango superior, contra toda racionalidade impuxéronlles as coercitivas medidas da Lei de Estabilidade que ademais da súa negativa repercusión económica induciu una  detracción na súa marxe de manobra e unha práctica invasiva da súa autonomía local.

O resultado é de sobras coñecido, caracterizado por permanentes tensións entre os recursos dispoñibles e as crecentes necesidades financeiras, nun contexto de continuidade que non terá corrección posible mentres non se estableza un novo modelo de financiamento acorde ás competencias efectivas e reais, e observante coa obrigada cobertura en materia de infraestruturas básicas e de adecuada prestación dos servizos municipais de competencia.

Nova normativa que debe ser establecida con matizada concreción, á marxe da ambigüidade característica do actual marco legal en materia de financiamento das facendas locais , cuxa indefinición favoreceu que desde a súa entrada en vigor, relevantes aspectos do seu contido non fosen de aplicación, como así ocorreu ata a data co concernente á utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos, que aínda cando a Lei Reguladora das Facendas Locais ( RDL 2/2004) deixou teoricamente establecido desde a súa instauración, as empresas enerxéticas negáronse a asumir o seu cumprimento, abrindo en salvagarda dos seus intereses unha prolongada batalla legal entre partes durante un prolongado período de quince anos de duración.

Agora tras o fallo ditado polo Supremo posibilitando que os concellos poidan reclamar este pago, é cando a inconcreción do lexislador faise aínda máis patente, pois a sentenza do Alto Tribunal evidencia aínda máis a descontextualización implícita do marco legal, tendo en conta que en discordancia co expresado no seu articulado, para que naza a obrigación tributaria non abonda con que as grandes compañías enerxéticas utilicen o dominio público para o desenvolvemento da súa actividade lucrativa, senón que ademais, os concellos terán que adaptar as súas ordenanzas fiscais, mediante a aprobación en pleno; pois só poderase repercutir cota tributaria nos municipios que conten cunha ordenanza fiscal específica que recolla a obrigatoriedade dese pago.

Tamaña incongruencia, dimanante das dúas leis básicas locais -a Lei de Bases de Réxime Local e a Lei Reguladora das Facendas Locais-, que ademais da descapitalización democrática da súa repercusión, coa súa aplicación complicouse o funcionamento dos municipios, pois ante o deixamento doutras administracións de rango superior, lonxe de avanzar na mellora do seu financiamento agravaron a súa situación carencial, ata o extremo, que desde o inicio da crise económica, a significativa caída dos ingresos xenuínos enlazada á significativa diminución dos ingresos na Participación dos Tributos do Estado conduciu aos municipios a unha xeneralizada bancarrota económica cunha total falta de equilibrio orzamentario e de liquidez.

Complicación que cerna o principio constitucional de suficiencia financeira das Entidades Locais establecido no artigo 142 da Constitución, unha situación límite que esixe a recondución do actuado a fin de articular un Novo Modelo de Financiamento Local que mitigue as disfuncionalidades da actual Lei de Facendas Locais en aspectos tales como a ineficacia do sistema de tributos directos, o prexuízo das transferencias condicionadas e a inadecuada repartición na participación das transferencias estatais


Só desde esa premisa poderase reconducir a situación

No hay comentarios:

Publicar un comentario