PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
A terna (PP-PSOE- C's), ante a ameaza do sorpasso de Podemos, conviñeron meter de cheo a Venezuela na campaña dos comicios do 26-X, nun intento de perturbar o seu desenvolvemento e escapulir así todo debate sobre o fracaso do credo neoliberal.
Coma se as circunstancias que vive o país fosen para predicar co exemplo, os candidatos aos comicios do 26-X afíns á doutrina neoliberal, no canto de envorcarse en articular solucións á precariedade creada como consecuencia da aplicación extensiva desa ortodoxia política, lonxe de proceder en consecuencia e sintonizar coa realidade, declinan todo encontro con esta, apostando pola camuflaxe que reporta correr un compacto veo, tras o que encubrir a súa incapacidade traendo a colación a arbitraria versión dun contexto foráneo e alleo en todo caso á complexa esencia da nosa propia idiosincrasia..
Sendo así como os expertos en simulacros, os artífices do detrimento democrático e dinamizadores da corrupción xeneralizada, vendo o que se lles aveciña tras o pacto de Podemos e as súas confluencias con Esquerda Unida, notándose incapaces de frear esta marea e neutralizar a depreciación electoral que tal alianza causará aos seus respectivos partidos, como o cambio repercutido de tal circunstancia na distribución do Congreso, ademais do feito, que como forza emerxente esta fronte electoral ten atribuída de antemán a probabilidade reitora de formación de Goberno.
Ante esta nova realidade, inquietados pola repercusión do mais que seguro sorpasso, deciden desertar do xogo limpo para decantarse polo todo vale arrabaldeiro, de quen, incapaz de achegar solucións á hecatombe da súa propia colleita, opta por exercer a rivalidade política utilizando o extravagante artificio de externalizar a campaña electoral facendo de Venezuela o amplificador do seu discurso de axitación e propaganda,como tamén o foro das súas exóticas proclamas á liberdade.
E nada mais oportuno para a ocasión que utilizar como pasaporte aleccionador o moi apropiado marco lexislativo da lei mordaza, dado o seu carácter exemplarizante como argumentario da súa intromisión política no exterior.
É ostensible que a inxerencia española en asuntos internos do país caribeño ten establecida a súa intensidade en correspondencia ao resultado adxudicado a Podemos nas previsións demoscópicas, por iso que agora cando o movemento encabezado por Pablo Iglesias pasa a figurar no segundo lugar das enquisas con tendencia ascendente, sexa o momento mais álxido da ofensiva desatada por parte dos membros do séquito neoliberal, cuxa verdadeira preocupación, mais que o esgrimido interese polo pobo venezolano, é utilizar á oposición daquel país para a través de argalladas botar abaixo o discurso de transversalidade da formación morada e cuxa aplicación por acertada magníficos resultados vénlle deparar.
Considérese senón a desatinada aspiración do representante do C's, Sr. Rivera na súa odisea venezolana, quen cheirando a desfeita da súa formación nas urnas, como mero convidado non se lle ocorre maior despropósito que instar da Asemblea Nacional daquel país que emprazase a Podemos coa finalidade de insistir na fustrigación acusatoria do tan trillado financiamento bolivariano.
Un asunto que a pesar de estar dirimido e arbitrado polos tribunais españois omite a propio intento , posto que o propósito da súa manobra non é destapar a verdade, senón enturbar con malas artes a campaña electoral tratando así de arrecunchar durante o seu transcurso a esta forza emerxente nun intento de circunscribila no seu encadre a un
exclusivo etiquetaxe de esquerda, que ademais de limitar a súa tendencia electoral aborte o seu ritmo ascendente.
exclusivo etiquetaxe de esquerda, que ademais de limitar a súa tendencia electoral aborte o seu ritmo ascendente.
Aínda non sendo ortodoxo utilizar a situación interna doutro país como arma arreboladiza no contexto duns comicios como os nosos, o aquelarre electoral cos seus rituais e feitizos non fixo mais que empezar, e en breve, cuestionando as credenciais democráticas do país suramericano, o PSOE a pesar do seu perfil de centro esquerda, como forza política mais afectada nos seus intereses electorais pola irrupción de Podemos, non dubidará o mais mínimo en aliarse ao clan da bruxería e do maleficio venezolano no seu intento de sacar partida da situación, para así, facer mais leve a súa propia caída e a dun deostado Pedro Sánchez .
Pero con todo, nesta cerimonia de intromisión, a palma tena gañada con diferenza o PP, que ostentando función de Goberno distou en todo momento de estar á altura das circunstancias na súa relación con Venezuela, tal foi así, que no canto de facer gala de moderación nos seus actos e tender pontes de entendemento que favorecesen un marco estable de concordancia, optou por poñer en risco os investimentos empresariais españois, polos seus espaventos, e manobras de derrocamento do réxime, que por excedidas, mais que favorecer o marco de relación e acougar os ánimos motivou a actual tensión diplomática,. agravada pola dinámica dunha conflitividade permanente que converte á formación liderada por Rajoy en responsable do seu propio medicamento; á parte de poñer en serio perigo as relacións comerciais con aquel país.
Sendo por iso que a tan recorrente manobra de arrear contra Caracas ao tempo de ser compracentes con A Meca, resulte electoralmente contraproducente e politicamente patético