PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
A recentemente aprobada Lei do Solo de Galicia, nace lastrada entre outros motivos pola falta de consenso e de aspectos de disfuncionalidade, que no seu conxunto, xustifican a súa substitución acorde a novas pautas de ordenación territorial.
A mediados de Marzo entrará en vigor a nova Lei do Solo de Galicia despois que a semana pasada o pleno do Parlamento prestase aprobación ao seu contido; un novo marco lexislativo que nace lastrado de orixe por falta de consenso ao ser referendado en exclusiva polo PP co rexeitamento de toda a oposición política, que de antemán, xa alerta que deixará sen efecto o seu contido suposto caso de alcanzar nas próximas eleccións o goberno da Xunta.
Un dos propósitos establecidos no novo texto legal é a implantación de planeamento xenuíno no 73 % dos municipios que non dispoñen do mesmo, é dicir, facer agora o non logrado tras trece anos de vixencia da lei anterior, despois de comprometer que os 314 municipios da comunidade dispoñerían de plan urbanístico nun prazo que expirou en xaneiro do 2006, incumprimento xeneralizado que coa norma na man fai que os 276 concellos sen plan ou que non adaptaron o seu contido á lexislación do 2002 estean fora da lei. Motivo mais que sobrado para tomar lección dos erros e evitar converter de novo en utopía o seu cumprimento.
Se así se fixese, saberiamos que para a súa eficacia e permanencia no tempo, a nova Lei do Solo habería de ser elaborada tras un debate serio e rigoroso que ademais de asegurar a pluralidade política contase coa participación de asociacións, colectivos e restantes partes implícitas, e iso debese ser así porque as leis para que o sexan deben de ser concibidas en beneficio da xente e non para vantaxe de quen as elabora.
Por iso é polo que cos antecedentes de acompañamento resulta un despropósito afirmar que o recentemente aprobado texto lexislativo nace con vocación de futuro e de permanencia, cando o certo é que a súa fonte de inspiración orienta deducir xusto o contrario, pois lonxe de optar pola consecución dun modelo territorial sustentable e cohesionado en vantaxe do interese xeral, o contido do seu contexto, reflicte inequivocamente a súa afinidade coas pautas de liberalización e desregulamento dos anos 90, sendo por iso que a súa aplicación non pode reportar resultado distinto aos da súa propia xénese, é dicir, o adecuado a unha lei diverxente , obsoleta e insustentable.
Sendo razoable afirmar por tanto, que os cambios operados na lexislación do solo de Galicia, non son de ningún xeito a ferramenta adecuada para abordar os retos de futuro en materia de planeamento municipal, desde o punto e hora que o artificialismo lexislativo de referencia impide establecer pautas efectivas sobre a ordenación do territorio, a dirección cara a onde debe ir e como debe facerse. Inconclusas incógnitas que imposibilitan cumprir o anunciado obxectivo de dotar a todos os concellos da comunidade da apropiada figura de planeamento,
Impedimento ao que se ha de engadir a imposibilidade financeira da Xunta á hora de sufragar os 51 millóns de euros de axudas aos municipios para a redacción dos seus plans de ordenación, obrigación que toma formato de «compromiso virtual» a xulgar pola morosidade que arrastra actualmente o goberno da comunidade, quen contra o optimismo das súas previsións leva dous anos sen conceder un só euro de axudas aos concellos para redactar os seus plans xenuínos o que dificilmente pode facer crible o cumprimento das estipulacións establecidas para o efecto no novo marco normativo.
Por iso, agora cando a escaseza de recursos municipais orixinados pola mínguaa dos seus ingresos fiscais, das transferencias do Estado e Comunidade Autónoma ou das restricións impostas pola Lei de estabilidade orzamentaria constrinxen as posibilidades de déficit e endebedamento, cando o urbanismo entre outras funcións debese ser utilizado como fonte de financiamento institucional; xorde o inconveniente que para a súa plena efectividade é condición esencial dispoñer dun marco lexislativo adecuado á situación e aos tempos, de tal modo, que polas súas condicións e características facilite o establecemento dun modelo urbano coherente. Extremo que de ningún xeito pódese acadar coas limitacións e inconvenientes que impón a aplicación da recentemente aprobada Lei do Solo.
Instrumento que debendo ser imprescindible para poñer orde no planeamento urbanístico local, por disparidade de contidos e absoluta carencia de consenso, lonxe de resultar sustancial para harmonizar a ordenación territorial do ámbito municipal e propiciar o seu crecemento económico resulta ser o maior dos obstáculos para a consecución de tal finalidade, e todo, pola súa total ausencia de racionalidade e o protagonismo outorgado no seu implícito á liberalización do solo acorde ao formato empregado nos mellores tempos de Aznar.
En suma, arbitrarios aspectos que no seu conxunto subtráenlle toda eficacia ao tempo de xustificar a súa suspensión por desprotección territorial; unha situación que demanda reconducción para así facilitar a ordenación urbanística que precisan tanto as entidades locais como o conxunto deste país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario