14 ago 2015

DEIXADE QUE RESPIRE A DEMOCRACIA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Para a súa efectividade, a rexeneración democrática ten de acadar o cambio das cousas mediante un exercicio de renovada alianza entre representantes e representados, de xeito, que frutifique en vantaxe do interese xeral.



A pesar de non dar saído do epicentro das turbulencias, hai quen na súa propensión á fantasía e ao engano político non dubida en afirmar que estamos a superar a crise, aínda cando, tal proclama contraponse a unha realidade oposta representada por un novo escenario social onde a precariedade faise dona da situación, como pon de manifesto o feito que mais dun terzo da cidadanía viva en estado de pobreza extrema, no contexto dunha tendencia que non só vaise manter senón que toma marcada traxectoria ascendente, que ademais de acentuar en maior medida as desigualdades, os seus efectos, de non se remediar cun cambio político de novo signo, condenará ao ostracismo a un amplo segmento da poboación que terá coartado de por vida toda expectativa de progreso na escala social.



É falso, que haxa síntoma ningún de recuperación, nin poderá habelo, mentres a súa promoción recaia en políticos obstinados en escapulir a súa implicación na xeración da crise, e en obxectar como descargo de responsabilidade a absurda abstracción de afirmar que esta é causa do propio réxime, cando o certo é que da súa orixe aínda iniciándose no sistema financeiro, a gran responsabilidade ten de adxudicárselle aos actores políticos, porque políticas foron as decisións de desregulación e liberalización incontrolada dos mercados ao igual que a admisión do seu dominio sobre o poder executivo e sobre as institucións reguladoras. Consecuencias que en termos económicos ademais de dilapidar ao completo a última década, tiveron efectos desvastadores na destrución do tecido produtivo e o emprego cuxa repercusión segue a manterse e pon de manifesto a nulidade do bipartidismo político como solución de futuro.


É por iso que cando como agora o poder financeiro impón a súa xerarquía sobre o poder político con consentida aceptación deste último, resulta indiscutible que sen a destrución do tan subordinado bipartidismo tórnase imposible a reconstrución da democracia, e por iso, inviable á súa vez o cambio que a situación require para detraer o poder que indebidamente ostenta a elite financeira; pois sen devolverlle o papel protagonista á democracia as cousas manterán o seu curso actual facendo inútil todo intento de reactivación económica e social, ao non ser posible en modo ningún alcanzar tal obxectivo en tanto se erradique definitivamente a "alternancia" bipartidista na Moncloa, e iso é así á marxe de todos os  discursos que en sentido contrario quéiranse emitir, toda vez que de ter actuado con rigor e sensatez política a situación do país sería mais propicia e diferente.

Non foi ningún mandato electoral quen obrigou aos membros do bipartidismo a tomar decisións de goberno que contrarias ao interese xeral conducírannos ao actual atranco, por iso que é de pura lóxica deducir que a condición causal do bipartidismo coa situación, reflicte a existencia dunha dobre linguaxe política, a derivada por unha parte da relación cos votantes durante o proceso electoral, e a resultante por outra, do cumprimento dun tratado oculto, cuxa repercusión por pacto implícito coa elite económica, en primeiro termo subtraeunos as ferramentas de produtividade para logo atraparnos nunha emboscada financeira irreversible, e todo en cobertura de estabilidade por unha descomunal débeda financeira que arrastran as arruinadas organizacións políticas da trama bipartidista (PP- PSOE) e que as propias entidades de crédito satisfán tomando favor en renda mediante as cuestionadas decisións políticas. Débeda, que no suposto de que estas organizacións fosen empresas lles colocaría en situación de quebra, e de ser familia, desafiuzadas.

Un débito multimillonario de ambos os dous partidos cos bancos, que paradoxalmente nun alarde de dispendio seguiu crecendo a pasos axigantados, mesmo en plena restrición do crédito, dando que falar por sorprendente, o exiguo tipo de xuro que as entidades financeiras aplicaron aos partidos en cuestión, non esquecendo tampouco que ata a aprobación da Lei Orgánica de financiamento político, os bancos si condonaron débedas millonarias a ambos os dous partidos; un trato de favor que ademais de representar unha obscenidade, fai de todo punto inadmisible imaxinar a inexistencia de contrapartidas políticas compensatorias. Sendo pola súa situación de quebra técnica, as súas connotacións de dependencia sumado á turbiedade da conduta de ambas as dúas organizacións, que tal comportamento desaconselle a súa continuidade alternante á fronte do goberno do Estado.

Na actual tesitura, patrocinando a continuidade política destas formacións poderase perpetuar o estado de degradación, pero en modo algún lograrase poñer punto final ao caduco e inservible réxime do 78, impedindo con iso a entrada en escena doutra forma de facer política máis aberta e participativa, ao igual que máis transparente e responsable; sendo hora polo tanto de imprimir un cambio de rumbo, de levar a termo sen dilación un programa de rexeneración democrática que lonxe da cosmética da aparencia chegue ao fondo da cuestión e que por fiabilidade, require ser liderado por forzas emerxentes que politicamente nada teñan que ver cos partidos colonizados polo poder, para así lograr saír do afogo bipartidista e deixar que respire a democracia e con ela a sociedade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario