24 abr 2015

CONCELLOS: INTEGRIDADE E EMPREGO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia


En todo concello, a recuperación só será factible cando o goberno municipal exerza como promotor económico ao unísono das PEMEs, traballadores e dos emprendedores da localidade.


Para que os concellos deixen de ser un referente máis no contexto da xeneralizada corrupción que domina o país e pasen a cumprir unha función efectiva como administracións transparentes e próximas á cidadanía, é necesario dar un xiro radical á situación, afrontando un cambio real que mude de raíz o actual formato de política municipal, substituíndo a anacrónica representación duns cargos institucionais mais preocupados pola súa promoción persoal, que por facerse receptores das demandas sociais e dar solución aos problemas dunha veciñanza sumida nunha precariedade galopante.

Nin co nariz tapado, os electores deben facilitar co seu voto que a gobernabilidade das entidades locais sexa ostentada polos cómplices da casta bipartidista; polos colegas políticos de quen tras trinta e cinco anos de sucesión no poder, manteñen no seu haber o record dos máis elevados índices de paro en Europa e os máis baixos en renda per cápita, ademais do liderado en corrupción e no desfalco das arcas públicas.

Xustificación dabondo para canalizar a indignación causada en favor de partidos alternativos, que en substitución, ademais de afianzar o cumprimento das regras democráticas garantan a limpeza e transparencia que debe presidir a actividade política, exercendo o noso dereito ao sufraxio a través dun voto realmente útil, que ao mesmo tempo de rematar co bipartidismo, induza un cambio de rumbo sensato na gobernabilidade municipal para os próximos catro anos, e así, poder afrontar un cambio de rumbo en positivo, erradicando os malos hábitos que afectan á esfera local, para mellorar os niveis de xestión coa finalidade de crear as condicións apropiadas para superar o actual estado de hipertrofia institucional.

De aí que as próximas eleccións municipais do 24 de maio, mais que unha reafirmación dos postulados dos partidos políticos maioritarios, teña de ser o punto final ás prácticas de parches dirixidos a aplacar con cambios cosméticos as crecentes demandas dos cidadáns, pois será imposible superar a actual crise económica sen antes ter superado tamén a crise institucional, e tal solución, esixe explicitamente a caída do bipartidismo, toda vez que a súa continuidade, ademais de acentuar o estado de incerteza, prolongaría a crise sistémica, económica, institucional e social.

O tempo electoral é a oportunidade que bríndanos o sistema aos cidadáns para que poidamos emendar os vicios máis escuros da nosa historia recente, para así, corrixir os excesos do poder político, apoiando electoralmente alternativas de recambio, a partidos de novo cuño dispostos a afondar a revisión da funcionalidade das nosas institucións locais, para así, poder retomar a senda da modernidade, e abandonar definitivamente os fantasmas do caciquismo, o nepotismo e a corrupción, que caracterizaron, tres longas décadas de degradación crecente para desgracia da nosa historia municipal.
Unha oportunidade democrática que vén a recordarnos que ninguén poderá axudarnos a rexenerar as nosas institucións, se non o facemos nós mesmos.

Á marxe das competencias formais establecidas pola Lei de Bases de Réxime Local, unha das competencias naturais ligadas aos concellos é a proximidade aos cidadáns pola obrigada finalidade de estreitar o vínculo entre a administración e os administrados, pois a pesar diso, as medidas de adelgazamento e de restructuración lexislativa alteraron de forma radical o anterior marco competencial diminuíndo a súa capacidade operativa, e así, a pesar da súa proximidade ao cidadán, de ser a Administración que mellor coñece as necesidades da súa poboación e a mais adecuada para prover de servizos que repercuten directamente sobre ela. os concellos foron relegados en competencias co obxectivo de reducir o déficit público, e suprimir ao unísono todo principios de cohesión social.

Limitacións que as corporacións resultantes do proceso electoral teñen de superar cando se trate de loitar contra o desemprego, pois ante o problema do paro, todo concello á marxe de atrancos legais que impoña o Executivo correspondente, deben tomar cartas no asunto e comprometerse decididamente na creación de condicións que permitan crear emprego no seu propio ámbito, ao ser moitas as familias e residentes afectados, que pola precariedade da súa situación, están no seu dereito a obrigar que as súas respectivas administracións locais convértanse en promotoras da actividade económica, para deste xeito, facilitar a xeración das condicións apropiadas para o relanzamento.

Sendo por iso que en correspondencia, teremos de outorgar noso referendo electoral a quen, decidisen poñerse en forma e recuperar músculo que poñer ao servizo do concello e os seus veciños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario