14 nov 2014

EMPREÑAR POLAS ORELLAS

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Dar credibilidade ao facer político do bipartidismo, é divorciase da obxectividade, e así, dar cancha aberta ao absurdo, ata acadar a excentricidade de empreñar polas orellas.

Contrariamente a toda manifestación estatística, empreñar polas orellas foi sen dúbida a modalidade de embarazo mais prolífica do país, coa peculiaridade engadida, que non só eran as femias as xestantes senón tamén os membros do xénero oposto, e a singularidade, que nesta dualidade fecunda, a preñez era concibida en exclusiva por exaculación política subliminal, para xerarse durante catro longos anos no encéfalo dos encintados ata chegar ao alumeamento, cuxa eclosión producíase no insólito quirófano que conformaba o constrinxido prisma dunha urna electoral.

Sendo así como dende a orixe da "Transición" e ata este tempo de desencanto, a credulidade dunha cidadanía proclive ao orgasmo político, facilitou a transformación do seu miolo en placenta embrionaria do voto electoral, que paradoxalmente, xusto celebrados os comicios e satisfeita a súa utilización para inclinar a balanza de resultados, era desbotado repetidamente tras cada plebiscito para converterse así no planificado aborto do día despois.   
                                                                                                                                 
Feitos que ademais de supoñer unha manipulación psicolóxica dos votantes, converteron cada proceso electoral no cuarto escuro da democracia, e ao cerebro do electorado, na caixa negra do facer político.

Por iso, cando chegada a hora da verdade eses mesmos electores viron afectados no esencial os seus dereitos fundamentais, a renuncia a toda servidume electoral tornouse nun todo ostensible, e o rexeitamento á continuada fecundación auricular tomou condición de contestatario radicalismo. 

Sendo casualmente no contexto do actual escenario político, onde a inmensa maioría dos outrora fertilizados polo sistema, agora afectados nos seus intereses polos problemas da recesión e as nefastas medidas dos dous gobernos que en alternancia xestionaron o país, quen, defraudados nos seus intereses, frustrados pola crecente desigualdade e anoxados pola interminable proliferación de casos de corrupción, decidiron rematar coa súa continuidade no simulacro de trinta e cinco anos de estabilidade para apostar abertamente polo cambio, e así, dar un xiro radical ao degradado panorama político español.

Así foi como a estabilidade que mantiña o bipartidismo PP - PSOE ao desencadearse a crise no 2007, cando entre ambos os dous partidos repartíanse o 77,1% do electorado, sete anos despois, cáesen ao reducir nun terzo a súa base electoral que hoxe en día suma no seu conxunto o 51,4% do total, nunha pronunciada tendencia a seguir caendo.

Expresión manifesta que revela a entrada en escena dun modelo de funcionamento contraposto ao actual, que ademais de poñer fin ao bipartidismo, sexa clave para o apoxeo doutras alternativas políticas mais acordes cunha nova realidade, e  á parte de dar acceso á implantación doutro estilo na relación electoral convértase en porta de entrada a unha forma distinta de facer política.

Sen conducirnos por esta dirección, resultará totalmente inviable erradicar as servidumes existentes e desenredar a redes clientelares nacidas conxuntamente no seo do bipartidismo corrupto, por ser esa traxectoria igualmente condición " sine qua non" para afrontar de forma efectiva o procedemento de rexeneración democrática que o sistema político necesita para facer que o país sexa capaz de rescatar o seu presente ao mesmo tempo que afrontar con plena solvencia o seu futuro. 

E iso ten  de ser así por exercicio de compromiso con nós mesmos, pero tamén, por actitude de responsabilidade en evitar ser copartícipes en silenciar as demandas cidadás, e sortear que por tácito comportamento, síganse outorgando inmerecidos privilexios a unha infame casta política, ao manter a continuidade á súa blindaxe de impunidade.

De aí que despois de trinta e cinco anos de ser enganados repetidamente polos membros do bipartidismo en toda campaña electoral, a estas alturas xa deberamos estar de volta da nula credibilidade que merecen os seus integrantes, e saber polo tanto, que no seu facer político, o importante, non é para nada o que digan, senón o que deixan de dicir, e nese sentido, rexeitar con contundencia as súas mentiras e enganos como forma de declinar a realidade.

Para tal efecto, dende todo punto de vista deberamos ter asumido, que a rexeneración do sistema ten de ser incompatible con toda conduta de mitomanía polo seu enganche patolóxico coa mentira, pero tamén, coa credulidade de quen por asunción prodiga a farsa, e en vez de facer oídos xordos ante a falsidade opta por outorgar certeza ao inaudito, ata chegar ao feito absurdo de empreñar polas orellas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario