30 may. 2014

CANDO QUEBRAN AS ENQUISAS

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Resulta sarcástico que un personaxe da catadura do sociólogo Arriola, alma máter do PP na sombra, intente inverter o fracaso da súa permanente inclinación ao erro, utilizando como tapadeira o ataque furibundo con acusacións de frikismo cara a un directo rival político.

É hábito estendido que toda campaña electoral veña asistida por técnicas de investigación social que anticipadamente á xornada de votación adianten a tendencia dos votantes; pero cando as enquisas difiren no substancial do resultado efectivo das urnas como acaba de acontecer cos comicios ao Parlamento Europeo ,entonces, é cando a polémica está servida e daquela, cando os gurús desta disciplina, como é o caso do sociólogo Pedro Arriola asesor electoral de Rajoy, perde os papeis, e enfurecido, atrévese a subvalorizar e emprendela con descualificacións   arrabaldeiras, contra os que polo seu éxito nos comicios chafaron as súas previsións demoscópicas, que ademais de deixalo en evidencia viñeron a cuestionar a súa solvencia profesional para o desenvolvemento desta actividade, despois de exercer un cuestionado servizo en Génova 13, musitando ao oído da cúpula do PP o que os seus membros querían percibir.

Non hai que despistar da análise dos acontecementos, o facer de tan "afamado" sociólogo e a súa práctica executiva, por canto a súa función na sede dos populares non se limitou a cumprir o papel dun simple asesor, senón que en todo momento tivo conferidas plenas competencias no campo da estratexia de comunicación do partido, ou o que é o mesmo, asumiu como propios labores de poder, facendo que das súas prácticas dependese o éxito ou o fracaso do PP en función ao resultante dos apoios e votos obtidos do electorado, e que no caso presente, derivou cara a unha derrota estrepitosa e humillante, e cuxa responsabilidade intenta agora camuflar mediante arrebatos alporizantes  dirixidos a terceiros.

Por iso cabe referir que a verdadeira causa do desastre do PP é netamente endóxena, agravada por ese cúmulo de despropósitos que acompañaron sucesivamente a función de Arriola como estratego da comunicación do partido, que co visto e prace do aparato, acumulou todos os erros estratéxicos e tácticos habidos e por haber, fallos dunha importancia substancial, como o deseño e posta en práctica do culto ao absolutismo  en detrimento do respecto polas prácticas democráticas, co implícito desprezo aos cidadáns e á súa intelixencia, e todo iso, acompañado polo todo vale da perversa esencia  de que o fin xustifica os medios.

E así, cando era condición sine qua non que a súa sondaxe electoral non expresase as súas propias preferencias, deixouse levar polas súas miserias ideolóxicas e onde a directiva do bo facer obrigaba tirar de transparencia e autenticidade impuxo a mentira e a opacidade, mentres omitía o demoledor impacto da corrupción con renuncia expresa á rexeneración democrática, á vez que despistaba o efecto demoledor do incumprimento das promesas contraídas co electorado, etc, etc. Todo un conxunto de prácticas en clave inversa que surtiron o efectos contrario ao previsto ao subtraer o marxe de confianza que proxectou nos electores unha xeneralizada sensación de falsidade e rexeitamento ao apoio electoral.

Esta lectura foi a que quixo burlar este "avantaxado experto" ao establecer a súa singular estratexia de comunicación electoral, adxudicándoo mais valor ao seu olfacto que rigor científico á análise electoral de acompañamento, e todo, porque a verdadeira finalidade que perseguía coa súa manobra de despiste, mais que un encontro coa realidade demoscópica era enganar os electores elevando o índice de posibilidades que tiña o PP para convencelos de tal tendencia; é dicir, que na antesala da campaña optou por negar a repercusión electoral das medidas políticas do goberno, coa nociva intención de manipular ao seu antollo a situación difundindo resultados de simulación, que por incertos, aínda supoñendo unha fraude xogaban ao seu favor, ao entender que exercían influencia positiva para cativar a intención de voto dos electores.

Tras a súa deserción da ética profesional, na súa torpeza, ao parecer este gremialista en decadencia non se decatou que a cidadanía non é tan doada de enganar ao ser capaz de percibir a política de forma intuitiva, por iso que as enquisas son armas formidables para armar estratexias electorais, pero tan só cando se axustan a códigos de conduta, resultando altamente nocivas cando son empregadas como truco para conseguir votos con simulacións enganosas.

De aí que se o PP aínda ten a pretensión de salvarse da hecatombe, a solución mais que arremeter de malos modos contra o contrincante político, ten de pasar irremediablemente por tirar lastre pola borda e desfacerse urxentemente do propio Arriola como tamén do presidente Rajoy, co fin de poder mudar de prácticas políticas e de estratexia de comunicación, na vía de establecer a debida corrección de conduta acorde ás normas básicas do sistema democrático que obrigatoriamente deben presidir toda acción electoral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario