23 may 2014

IR INDO, DA CRISE AO NAUFRAXIO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


Despois de tres décadas continuadas dominando o escenario político, o dogma neoliberal causante da crise, fracasa no seu intento de reconducir a situación por aplicación de medidas inadecuadas, que mais que remediar o problema acentúan a recesión


Nula fiabilidade poden merecer aqueles que sendo un desastre ao tempo de predicir a chegada da crise, agora dedícanse a prognosticar a saída a esta, pois resulta difícil de entender que os que no seu momento non foron quen de detectar anticipadamente a xénese das súas causas, o sexan hoxe en día para determinar as solucións de futuro, máxime cando é farto sabido que os autores de tales vaticinios, lonxe de operar dende a autenticidade da soberanía política, o fan, dende a subordinación que supón falar coa voz prestada dos donos e señores dos mercados financeiros.

Ese factor de dependencia, fai que actualmente exista unha suplantación na linguaxe do poder ,y todo, como consecuencia dese deixamento de funcións que envolve o comportamento dun amplo segmento da representación política, que ademais de ocasionar un golpe baixo á democracia representativa, fai que se impoña extensivamente o discurso neoliberal nas súas coordenadas socio - económicas mais estritas; situación que colocando á cidadanía en estado de orfandade dirixente non só xera unha quebra no Estado social de dereito, senón que esas practicas de impostura, fan que esta doutrina de aplicación sen ser solución de nada pase a tomar condición totalizante, deixando fóra de xogo os dereitos da sociedade do benestar e o marco de liberdades ao só obxecto de satisfacer as apetencias dos operadores especulativos.

Mal vai este país se non cambia de traxectoria, toda vez que polo rumbo do neoliberalismo é mais que evidente que transitamos dende a situación dunha economía de garantías fundamentais cara á anomalía dun novo formato económico, orientado á consolidación de privilexios en favor dunha trama organizada, cuxo principal referente, ten de establecerse no escándalo do coñecido rescate bancario, daquela acción desvergonzada onde con diñeiro público de todos os contribuíntes se impuxo o pagamento ás malas praxes destes traficantes mercantís, que cos seus perversos métodos botaron a perder con todo indicio de economía produtiva, á par, de poñer patas arriba a estabilidade do país, para unha vez resarcidos da fazaña esixir dun domado Goberno, completar a faena, en liña de autorizar a tan patrocinado grupo de elixidos o saqueo das empresas públicas rendibles a través da súa privatización xeneralizada.

Esa escandalosa relación de clientelismo, tendeu a concentrar a riqueza en órbita dunha elite específica de marcado carácter especulativo, situando o poder económico nas peores mans imaxinables, sen reparar que os efectos secundarios de tan lesivo proceder, pola expansión de desigualdades induciu severos prexuízos na estabilidade e continuidade de pemes e autónomos, que a pesar de ser os principais referentes do sistema produtivo, pezas clave na dinamización da economía real e motores da creación de riqueza e emprego, afectados pola marxinación e a supresión de estímulos, pasaron a converterse en parte intrínseca da crise sen que a súa reversión sexa outra distinta á reversión global  que esixen as políticas neoliberais do Goberno

Por mais dispendio de optimismo que se lle queira adxudicar ao futuro, o certo é que permanecemos estancados na crise sen visos de reactivación, e todo, porque os mandamais da actividade política se empeñan en manter vínculos de permanencia con valores ideolóxicos afastados da eficiencia, tal é así, que a pesar do nefasto resultado das políticas coercitivas ao crecemento que limitan o avance da actividade produtiva cara a posicións competitivas na escena global, a acción do Executivo en vez de operar en corrección, segue impoñendo por toda norma a continuidade dunha férrea austeridade que ademais de manternos no estancamento, delata a total incapacidade deses mesmos políticos en adoptar decisións efectivas cara á economía real.

Polo tanto na actual tesitura, cando a crise cumpre xa mais de sete anos e acentúa a súa severidade crecente, resulta inaudito o mínimo presaxio prometedor de melloría, máxime, cando o único que se expande a noso arredor son os índices de deterioración e os síntomas de retroceso.

De aí que toda solución aos problemas do país haxa de pasar irremediablemente pola erradicación da eiva do neoliberalismo e a súa versión mesiánica do mercado, eliminando en procedencia o conxunto de reformas neoliberais levadas a termo, para en substitución, dar paso a un sistema alternativo que harmonice a liberdade da acción empresarial no contexto dun Estado que tome compromiso responsable co cumprimento doutras garantías económicas, relativas ao marco laboral, da saúde e  a educación, no ámbito dunha política fiscal progresiva e distributiva vía presupostos.

Pois só dende esta concepción poderase reorientar o futuro, facendo do país a casa común dos seus cidadáns, quen non a leira privada dun fato de aproveitados.



No hay comentarios:

Publicar un comentario