7 mar. 2014

OS DOUS RASEIROS DO MERCADO LABORAL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Algo ten que andar ao revés, pois mentres que á maioría social se lle acentúan as estreitezas, o sector político, asesores e outros parásitos de confianza parecen ser os únicos que non se viron afectados pola crise económica que asola o país.

Nun arrebato de excentricidade e sen inmutarse o máis mínimo, días atrás, a Conselleira de Traballo e Benestar do goberno galego Beatriz Mato, non reparou en afirmar en sede parlamentaria que "ningunha estatística rigorosa vincula emprego con emigración"; pero con tal declaración, veladamente, a protagonista de tamaño disparate traía a colación unha insolencia medida, pois o que verdadeiramente intentaba coa súa intervención, non era outra que darlle esquinazo á evidencia, pretendendo con iso, ademais de tomarnos por imbéciles, camuflar tras as súas palabras o dato certo que vén a corroborar que a emigración da poboación activa está a evitar que o paro no noso país teña superado a estas alturas os 6 millóns de afectados.

Pois se non fose pola saída forzada dos 395.000 cidadáns que sen solución de presente nin expectativas de futuro, dende o ano 2011 se viron abocados á emigración, a taxa de paro na actualidade tería alcanzado o 27,9%, e iso é así, porque contrariamente ao que sostén a incongruente Conselleira da Xunta, a exclusión do mercado de traballo desa masa inxente, ao constrinxir o censo de poboación activa fixo diminuír o número de parados inscritos como demandantes de emprego e por extensión o índice de paro, sen que tal circunstancia "stricto sensu", trouxese implícito a creación efectiva de emprego, pois obviamente por puro rigor estatístico é doado deducir que a menos demandantes de emprego, menos parados.

Realidade que fai ostensible o desastre laboral que está a vivir o país, e o que é mais grave, que delata o proceder inédito dun Goberno que á par que a crise segue destruíndo postos de traballo, intenta facernos partícipes do seu soño de descender o paro sen necesidade de crear emprego, cando é farto sabido que coa desorde do actual modelo produtivo e sen o acompañamento de políticas de crecemento, esa meta, se antolla canto menos un desafío inverosímil, fundamento probado, aínda que por incoherencia sexa ese o argumento utilizado polo Executivo para vender por éxito, o que evidentemente é un estrepitoso fracaso en materia de política laboral.

Pero con todo, o exposto só afecta á clase de tropa suxeita a disciplina e instrución, toda vez que neste país o comportamento do mercado laboral non mantén uniformidade extensiva que afecte por un igual ao conxunto da cidadanía demandante de emprego, pois cada unha das dúas Españas, manteñen a súa excepción, salvidade que neste asunto favorece en concreto o persoal de libre designación ou confianza política enchufados na administración pública; sendo a diferenza característica entre ambos os dous sectores, que mentres os agregados ao primeiro están suxeitos aos avatares e comportamento do mercado laboral, a este gremio de patrocinados, lles é dabondo con dispoñer de afiliación política para ser nomeados con carácter discrecional sen cumprir mais requisitos nin ter que probar experiencia ningunha, e que para maior desvarío o seu disparatado custo en soldos supera de sobra o dispendio anual de 1650 millóns de euros

Estas prácticas por se mesmas non só representan un acto de prevalencia do sector político a favor dese enxame de parentes e militantes que conforman a armazón de partidos políticos, senón que mesmo, con ese nepotismo endogámico estase a consumar un agravio comparativo en vantaxe dese colectivo de 30000 agraciados, cuxa contratación a dedo ademais dun indiciario delito de prevaricación, está a acoutar o acceso e a libre concorrencia de calquera outro demandante de emprego a esa administración paralela; feitos que producen un burato negro no funcionamento do sistema democrático, cuxas consecuencias por opacidade e parcialidade fan que conflúan eses turbios manexos de contratación co estendido fenómeno da corrupción.

A xulgar polos feitos, hase de afirmar que a estabilidade por esta singular tipoloxía de emprego político é a única e auténtica preocupación que en materia laboral mostra a clase dirixente do país, sendo proba diso, ademais da reserva do dereito de admisión, a blindaxe e resto de vantaxes outorgadas ás condicións contractuais do privilexiado equipo deste operativo, e así confírmano referentes como, a percepción media de 66.500 euros ao ano, a exención de recortes aplicados ao resto de funcionarios da administración, a exclusión da Reforma Laboral, etc., é dicir, todo un cúmulo de prerrogativas e tratos de favor que poñen de manifesto a marcada distinción de trato e por engadido os dous raseiros  do mercado laboral.

Posiblemente aí radique a indución ao erro da señora Conselleira, que habituada por afinidade á modalidade de emprego político, nun lapso reflexivo, se referise a esa protección xenuína ao momento de afirmar que "ningunha estatística rigorosa vincula emprego con emigración", pois de ser así estaría no certo, por ser un feito veraz que neste país nunca teñen que emigrar os apadriñados políticos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario