21 mar 2014

ROSELL, O OUTRO MINISTRO DE RAJOY

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Nun país onde os autónomos e pequenas empresas, soportan 2/3 do PIB e do emprego, a súa función preferente na reactivación económica debe estar compensada polo alivio dun excedido esforzo fiscal.

Así como o poder serve para facer cousas grandes, mal administrado, pode inducirnos a realizar exhibicións innecesarias, sendo boa proba de tal afirmación, as últimas declaracións do máximo mandatario da CEOE, Joan Rosell, que dende a xerarquía de mando que lle outorga a presidencia do selecto club da gran patronal española, en vez de optar pola grandeza de esixir medidas políticas efectivas que favorezan a reactivación empresarial e a diversificación dos sectores produtivos, nun alarde de nimiedade decide poñerse a mexar fóra do testo, mentres aposta decididamente por lograr a recuperación económica a custa dunha maior restrición en materia salarial.

Posicionamento que sen ser solución de nada, si lle achanda o camiño Rajoy para proseguir o severo cumprimento das determinacións establecidas pola Troika e cuxa expresa finalidade leva idéntica traxectoria, tal é, afondar na reforma laboral coa redución implícita das retribucións do traballo.

Ao parecer este seguidor acérrimo dos 'mini-jobs' alemáns, facendo gala dese dogmatismo neoliberal que lle caracteriza, aposta por reproducir en España a precariedade que ata agora era a norma laboral da xuventude  xermana, de aí a súa absurda e inconstitucional excentricidade de propoñer por mimetismo un salario mínimo para amocidade, inferior ao xa por si minúsculo Salario Mínimo Interprofesional (SMI), aínda a pesar que cos seus 645 euros brutos mensuais é un dos máis baixos de Europa; é dicir, aplicar á nosa mocidade o pioneiro experimento do país teutón a través dun tratamento discriminatorio dirixido a dar base legal a contratos de baixa remuneración.

Toda unha extemporánea e desafortunada  formulación, máxime cando isto acontece ao tempo que a propia Merkel, despois de anos de negativa a fixar un salario mínimo, por razóns de gobernabilidade, vese obrigada a ceder nos seus postulados e establecer un fito na historia laboral do país saxón ao implantar por lei un estándar de mínima retribución como medida de estabilidade social e forma de paliar a descomunal brecha salarial que a súa volátil política de emprego causou no segmento mais novo  da estrutura laboral alemá.

O paradoxo preséntase cando a pesar de tal mutación, o superintendente da patronal española en vez de proceder en consecuencia prosegue coa súa teimosía propoñendo para a nosa mocidade a disciplina dun réxime laboral prusiano cando a súa propia precursora xa o decidise desbotar.
Pois si que imos ben!.

O que raia no paranoico é o feito que tan disparatada proposición sexa utilizada polo seu autor como un recorrente discurso en xustificación da redución do paro xuvenil, cando é farto sabido que non se crean máis empregos por máis baixos salarios senón por máis baixos impostos laborais, e é aí onde o Presidente da patronal véselle o plumeiro, ao virar as costas aos seus representados, silenciando o que as pemes e os autónomos como afectados directos veñen denunciar a cotío en viva voz.

Tal é, a abusiva presión fiscal do Goberno que fai que os directos afectados véxanse na tesitura de ter que sucumbir ante a obriga de manter o gasto público-político improdutivo da Administración, que de ser reducido a xustos termos, non só frearía ese inducido cesamento de actividade, senón que ademais, posibilitaría unha minoración impositiva, permitindo igualmente impulsar o crecemento económico e a progresiva xeración de emprego.

É evidente que a pesar de ostentar a maioría do tecido produtivo do país, o Gobernodo PP coa súa desafortunada traxectoria política,  puxo de manifesto o seu total desinterese a contar coa participación das pequenas empresas e os autónomos, mostrándose mais proclive a satisfacer as inquietudes dos «lobbys» do Ibex-35, aos que sen reparo atende nas súas demandas á hora de lexislar, e todo en razón a que os seus prebostes son os verdadeiros patróns da CEOE e auténticos "padriños" do executivo do goberno do país, e como non podía ser doutro xeito os únicos referente de defensa que ten encomendados o Sr. Rosell, como recadeiro que é dos mercados e ministro na sombra do Goberno de Rajoy.
                                                                                                                                                         
Se queremos adxudicar sensatez ao futuro, non queda outra que poñer cordura ao presente, e para tal concorrencia, si precisa de líderes eficientes que velen polo interese colectivo á marxe de influencias corporativas e intereses elitistas, sendo obrigado para iso, contar coa participación o completo da estrutura empresarial como motor dinamizador da economía, de tal forma, que se logre recuperar canto antes o tecido produtivo destruído pola crise.

Se ben o devandito impulso esixe en correspondencia, a eliminación das actuais barreiras e demais sobrecargas para os efectos de aliviar impedimentos funcionais afastando así de todo lastre a actividade empresarial.


No hay comentarios:

Publicar un comentario