PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia
Mais que unha receita para as economías en crise, a perversa austeridade merkeliana construída sobre axustes presupostarios e recortes, en vez de inducir crecemento inclusivo ou actuar como solución do noso futuro, resulta ser un antídoto mais prexudicial que a propia enfermidade.
O resultado dos últimos comicios en Alemaña, non debe resultarnos alleo en absoluto, pois as súas consecuencias, teñen para España unha repercusión mais relevante que se estivésemos ante o escrutinio dun plebiscito xenuíno, e iso, en razón á dependencia cativa que o noso país mantén co estado teutón no ámbito da UE; subordinación, caracterizada por un gregarismo impúdico, mais propio dun gobernante que cambiante coa lexitimidade outorgada polo seu electorado, decidise establecer renuncia do seu propio foro e pregarse a intereses foráneos, asumindo con toda naturalidade un papel subalterno como lle correspondería ao prefecto dun protectorado.
Xustamente esa é a degradante función que desempeña un apóstata Rajoy, aquel, que ao día seguinte do seu triunfo electoral, despois de burlar os seus compromisos coas urnas, nun exercicio de obscenidade política, unilateralmente, optou por rexeitar a defensa dos intereses comprometidos cos electores, para despois de coquetear coa hipocrisía, manifestando aquilo de "incumpro as miñas promesas pero cumpro co meu deber", decidirse por outorgar vantaxe exclusiva aos intereses financeiros alemáns.
De disparatada submisión hai que catalogar a decisión de pregarse ás directivas programáticas da chanceler Merkel, por canto a súa propagada estratexia de austeridade, lonxe de ser un remedio á crise, é unha trampa, unha truculenta manobra utilizada polo Goberno e a banca alemá, como método de fustrigamento á débeda doutros países da zona euro, coa finalidade de desviar a atención sobre eles mesmos. Táctica de acoso dirixida a saquear a economía dos países periféricos do sur europeo (entre eles España), co interesado obxectivo de despistar o profundo burato financeiro no que está sumida a economía xermana.
De aí que mais que unha receita para as economías en crise, a perversa austeridade merkeliana construída sobre axustes presupostarios e recortes, en vez de inducir crecemento inclusivo ou actuar como solución do noso futuro, resulta ser un antídoto mais prexudicial que a propia enfermidade.
Por iso faise obrigado a esixencia de tomar encontro coa realidade e erradicar dunha vez por sempre a excedida credulidade europeista, esa deformada visión que dende o euro-entusiasmo acrítico á marxe de todo debate, sen reflexión de vantaxes e inconvenientes, outorgou ao proxecto de unificación europea atributos idílicos, e ata excelencias que preconizaban un futuro marabilloso.
Enfoque percibido dende a euforia do neoliberalismo, que ao recruarse a crise foise ao traste por perda de consistencia, dando paso ao escenario oposto, é dicir, o dunha Europa en tránsito directo cara á desintegración, por causa do empeño alemán de proseguir coas súas prácticas especulativas cuxa aplicación acentuou diverxencias insoportables no marco da Unión, toda vez que o tratamento de austericidio e demais reformas regresivas imposta pola chanceler Merkel, mais que un remedio para os países en dificultades como o noso, resultou ser unha argucia en proveito propio, e proba evidente de tal afirmación, é comprobar que mentres Alemaña financia a súa economía colocando débeda pública con índices de interese do 0% e mesmo con porcentual negativo, España, ten de facelo en condicións leoninas, afrontando ata o 7% de interese.
Arrevesada dinámica, cuxos prexuízos fanse extensivos a outros ámbitos da economía, pola influencia hexemónica do establishment financeiro alemán sobre o Banco Central Europeo (BCE); interesado dominio, que converte a esta entidade nun lobby do Bundesbank, e tales factores de dependencia fan que mentres o capital financeiro alemán se encontra na súa salsa, por aplicación dunha anacrónica uniformidade, España vese levada a unha situación insostible, onde á desprotección fronte á especulación financeira ten de engadírselle a paralización de todos os seus motores de sostibilidade e crecemento, e todo iso, por obra e graza dunha Alemaña que menoscabando seu prestixio como potencia, con estas prácticas, vén de comportarse como un avarento imperio colonial que basea o seu éxito no desvalixamento dos países periféricos.
Ante este deprimente panorama, son difíciles de entender as mostras de euforia mostradas polo presidente Rajoy, sobre os resultados electorais en Alemaña, cando extralimitándose da formalidade protocolaria, manifestaba sen o mínimo recato que o triunfo da chanceler Merkel "é unha alegría".
Non resulta doadamente deducible se o seu alborozo é un referendo de conformidade ao acoso sen cuartel que a dirixente alemá manten contra o noso país, ou se talvez, o xúbilo atende ao outorgamento dun novo cuño de identidade, coa merecida denominación de España, made in Germany.
No hay comentarios:
Publicar un comentario